A miña deu resultado..., porque hai que saber escoller, e de escollida/o esmerarse no seu cultivo, no cotián, pois o amor é una planta preciosa, pero delicada, así que é moi importante aprender a coidala!
Ademais de boa, guapa; ademais de guapa, heroína; e por encima diso, unha santa, que leva sete decenios aguantándome. ¿Cal é o segredo? Xa está dito: Saber escoller, e

de escollido, cultivar, cadora con máis cariño.
¡Es preciosa, estabas preciosa, que sempre o fuches, e non só aquel día, naquel 23 de Novembro do ano 2007, conmemorando o Cincuentenario das operacións de Ifni; con esas flores, con ese ídolo de Tara co que te obsequiou, no hotel Meliá Las Palmas, o General Jefe do Ejército de Canarias, homenaxeándote publicamente polas túas actuacións, valentes e humanitarias. ¡Un anxo o meu anxo, a miña Estrela! Mais eu, ingrato que son, e iso que levo setenta anos gozando da túa inestimable compañía, aínda non che din as grazas, non chas din publicamente, por escrito, pero, como vale máis tarde que nunca, ¡aquí che van, aquí están, pero en prosa pois a poesía, igual có baile, dánseme mal; mais, para que, se poesía xa es ti!
Na túa modestia ben sei que prefires irte ao Ceo sen deixar rastro, ¡unha estrela que oculta o brillo, o ronsel dos seus méritos!, pero iso, que é loable en ti, non o sería en min, que son o que mellor te coñece, e por ende estou obrigado, máxime nestes tempos de febreza matrimonial, a dar fe das túas virtudes, sequera sexa para predicar co teu exemplo.
-.-
Este é o periódico do día no que naceu a miña rapaza. ¡Faltoulles dar unha nova, para min a máis importante de todas, pero aquí estou eu, pois aínda que non son periodista levo con ela unha entrevista tan sostida que xa pasa os sete decenios!
-.-
Son, eran, tres amigas súas. Esta historia, a miña, a nosa, comezou en Lugo. Non lembro a data, pero si teño gravada a escena, ¡tal que se fose onte, onte mesmo!

Debía ser polo outono pois naquel intre estabas dicíndolle ao señor Avelino, ao chofer dos coches de Trigo, que deixase en Rois o recado, aos teus, cando saísen á estrada para recoller, de volta, baleira, a cántara do leite que lle mandabades á Quiroguesa, pois..., "que che corría présa o abrigo, porque comezaba a facer frío, que se achegaba o inverno..." ¡O inverno achegaríase, pero ti eras primavera, unha primavera personificada! ¡As estrelas sempre son primavera pois no inverno..., tápanas as nubes, esas mantas da friaxe! Antes de verche a cara xa oín a túa voz, cálida, afectuosa..., mesmo de anxo! Os libros, si, tamén, que os levabas debaixo do brazo, sen carteira: un, dous, tres...; ¡pero os libros naquel intre eran o de menos! Quen así falaba, con aquela dozura, sería un anxo? ¡Non me decepcionaches, que si, que o eras! A decepción estivo en que non te volviches para min, senón de cara á túa compañeira, que non era fea, pero, ¿ao teu lado? Ao teu lado quen estaba era aquela Inés da Pereira, unha fidalga de aló de Librán, concretamente da Pereira de Librán, pero ti..., ti non eras da terra senón do Ceo! ¡Unha aparición! Naquel intre, se fose cousa miña, houbésete cambiado, permutado, polo meu anxo da garda, que iso fuches, iso resultaches...; pero foi mellor non cambiarte, que así tiven, tiven e teño, dous, dous anxos, tan íntimos, que ata durmo con eles!
-.- Gómez Vilabella, Xosé M.