A épica da canícula
Por necesidade tiven que saír pasadas as tres e media da tarde, xusto cando o sol estaba no seu mellor momento para acabar coa especie humana. Pero como ós heroes non hai quen os faga recuar, nin renderse, nin sequera pedir unha tregua, saín.
Abrín a porta do portal e o abafo recibiume cunha labazada de aire quente que case me devolve para adentro. Bufei. Axustei a gorra con solemnidade. Dei un paso. Logo outro. E boteime ó mundo.

Ós pouco metros xa botaba pestes contra as necesidades, as circunstancias e, xa de paso, contra quen inventou as horas centrais do verán. Tiña por diante douscentos ou trescentos metros de sol inclemente, sen unha árbore, sen un toldo e sen unha triste sombra onde negociar un armisticio.
Nese intre entrou un WhatsApp. Nin o mirei. Como para deterse a lelo e, aínda por riba, contestalo.
Á beira do camiño, enriba dun valado de pedra, pareceume ver como se estaban a fritir uns ovos. Uns pasos máis adiante, na outra beira, eran uns paxariños os que se estaban a asar. Se chegase a haber un polbo por alí, seguro que xa aparecía servido á feira.
Da miña cabeza empezaron a erguerse unhas columnas de fume tan dereitas que, de velas desde lonxe, calquera cherokee ou comanche respondería pensando que aquilo era unha mensaxe.
Cando cheguei ó lugar onde a sombra xa era continua, agradecino. Pero pouco alivio me deu. A calor viña comigo, pegada ó corpo coma un cobrador de débedas. E todo para que?
Pois porque quería chegar á casa con tempo para ver o final da etapa do Tour de Francia e, ó rematar, un novo partido do Mundial de Fútbol. Hai quen arrisca a vida por conquistar un cumio ou cruzar un océano. Un servidor xoga a súa para non perder un esprint masivo e un encontro de fútbol. Cada quen ten as súas heroicidades.
A medida do tempo
Ela comparte con el o silencio. El espalla cara a ela as súas olladas. Estas, cando se cruzan coas dela, rebentan nun rubor que semella a canícula existencial do momento. Ela medio sorrí. El medio asubía. Os dous saben que a ilusión baixa pola canella do desexo.
O aire detense arredor deles, como se este quixese escoitar o que ningún dos dous se atreve a pronunciar. As palabras sobran cando os ollos son capaces de dicir tanto. Cada xesto é unha promesa e cada respiración un convite a permanecer.
El asimila que o tempo ditará sentenza. Ela sabe que o tempo, ás veces, é efémero. Os dous ansían vivir o momento e que, logo, sexa o que Deus queira. Porque hai instantes que pesan máis ca unha vida enteira e abrazos que valen por todos os calendarios.
Ela, porén, baixa amodiño polo sendeiro do afán. El deixa que en cada paso vai un latexo e que con cada latexo dea un paso. Os dous, sempre, para adiante, para aventurarse no leito dos anhelos. Sen présa, mais sen pausa, como quen coñece o valor das cousas que medran devagar.
El sabe que o tempo é a divisa da súa vida. Ela sabe que estar con el ou non estar é a medida do seu tempo. Os dous míranse, tócanse e queren aproveitar ese tempo..
Eles saben que o tempo é o lume no que se arde. Eles queren abrasarse xuntos. Non lles importa a cinsa se antes coñecen a calor da chama. Entenderon que amar tamén é aceptar a fugacidade, facer do instante un fogar e da esperanza un camiño.
Eles. Os dous. Xuntos.