Onde se acaba o mundo
"Onde se acaba o mundo", díxolle unha amiga a outra cando esta lle preguntou onde andaba traballando.
A frase veume como anel ó dedo; cadroume ó xeito. Porque a min quédanme exactamente dúas horas para marchar cara a onde se acaba o mundo. O que aínda non sei é se hei de facelo andando, en coche, en barco, en avión ou combinando as catro maneiras.

Xa que non podo perderme polo espazo sideral, vagando polo universo sen fin -aínda que non renuncio á esperanza de subir algún día ata Marte ou máis alá-, só me quedan tres lugares nos que desaparecer para a eternidade. Sempre tiven a ilusión de ir a un deles: Australia, Canadá e o Polo Norte.
A decisión chegou precedida dun sorteo, dun golpe de sorte. Como non sabía por cal decidirme, optei por xogar ó guá. Fixen tres buracos moi xuntiños e marquei cada un co nome dun deses destinos, na mesma orde en que os acabo de citar.
Lancei o bugallo e este inclinouse polo buraco da esquerda de todo -mesmo os bugallos saben que non son da outra beira-: Australia. Quédanme xa menos de dúas horas para marchar alá, vivir entre coellos e canguros. Porque esa é outra: nada de cidades nin de vilas grandes; quero estar practicamente perdido de todo.
A miña intención é acampar á beira do monte Uluru, tamén coñecido como Ayers Rock, e... vivir, que son dous días! Así que quen queira saber de min, que non perda o tempo buscándome; para a maioría non será prato de gusto achegarse ata onde se acaba o mundo.
Alá vou, Australia!
A carreira da retranca
Que ben se está cando se está ben, díxolle a lebre ó sapoconcho nunha desas tardes de canícula na que ambos coincidiron á sombra duns amieiros do regato das Lamas, na vila de Baños de Molgas.
O sapoconcho limitouse a abanear a cabeza un par de veces, dando por boa a afirmación da lebre.
Esta empezou a torcer o fociño nun sorriso que, xa de lonxe, deixaba ver toda a súa retranca, a súa burla e mesmo certa malicia. Non tardou en facelo efectivo: "Bótoche unha carreira", soltoulle de súpeto. E, como quen non quere a cousa, engadiu que lle concedía unha boa vantaxe.
Partirían desde onde se atopaban e chegarían ata onde as Pedradarcas se xuntan cos Pontóns. A vantaxe remataba no cruce coa carreira das Lagoas. Como testemuña da aposta tomaron un grilo que, xusto nese intre, asomaba a cabeza polo seu buraco coa intención de botar unhas cantigas.
O sapoconcho non perdeu tempo. Púxose ó choio de contado e iniciou a súa particular carreira, imaxinándose por momentos Fernando Alonso ou Emerson Fittipaldi.
A lebre, pola contra, seguiu coa súa ladaíña de "quen ben se está cando se está ben". Estirouse un chisco máis sobre a herba e, cando xa pensaba en botar unha cabezada -porque estaba convencida de que lle sobraba tempo para alcanzar á tartaruga-, despediu ó grilo e púxose de parola cunha pega que aniñaba na copa daquel amieiro.
Mentres a lebre parolaba, o sapoconcho facía camiño ó andar. Amodo, si, pero paso a paso. Chegou á meta, deu un dos seus pequenos brincos e deitouse ventre arriba, ou, mellor dito, cunca abaixo.
A lebre apareceu pouco despois, esgotada e, agora si, co sorriso torcido. Mais xa non era un sorriso de burla, senón de cansazo e de dor.
O sapoconcho mirouna con calma e, sen perder a retranca, sentenciou: Que ben se está cando se está ben.