Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O custo da irrelevancia

Ríos, Xulio - lunes, 13 de julio de 2026
Existe unha idea moi estendida segundo a cal as políticas de acción exterior en materia cultural constitúen un luxo reservado para sociedades con abundantes recursos. En realidade, ocorre xusto o contrario. Canto menor é unha comunidade cultural, máis decisiva resulta a súa capacidade para proxectarse internacionalmente. A alternativa non é aforrar recursos senón asumir un proceso lento e acumulativo de perda de influencia.

O custo de non actuar apenas se percibe no curto prazo, pero acumúlase de forma silenciosa. Cada ausencia dunha rede internacional de investigación, cada proxecto europeo no que non se participa, cada corpus lingüístico que non se incorpora aos sistemas de intelixencia artificial, cada mercado editorial ou audiovisual que se abandona representa unha oportunidade perdida difícil de recuperar no futuro.

A revolución tecnolóxica está a acelerar este proceso. Os algoritmos aprenden daquilo que existe dixitalmente; as plataformas difunden aquilo que resulta visible; os modelos de intelixencia artificial reproducen con maior precisión as linguas e culturas mellor representadas nos seus datos de adestramento. A consecuencia é que as culturas que non invistan hoxe na súa presenza tecnolóxica atoparanse mañá con maiores dificultades para existir plenamente no ecosistema dixital.

O risco non consiste só nunha perda de visibilidade. Existe tamén unha progresiva dependencia intelectual. Cando unha comunidade deixa de producir coñecemento sobre si mesma e permite que sexan outros quen elaboren os seus relatos, traducións, categorías ou interpretacións, acaba cedendo parte da súa soberanía cultural. Non desaparece necesariamente a cultura, pero diminúe a súa capacidade para definirse desde si mesma.

Por iso, a acción exterior constitúe tamén unha política de autonomía estratéxica. Permite establecer alianzas, acceder ás redes internacionais onde se produce o coñecemento, participar na definición dos estándares tecnolóxicos e contribuír aos grandes debates globais sobre diversidade lingüística, regulación da intelixencia artificial ou protección do patrimonio cultural. Renunciar a unha política propia por ignorancia, cálculo ou conveniencia partidaria é un suicidio.

Porque neste contexto, a cultura deixa de ser un ámbito exclusivamente simbólico para converterse nun factor de competitividade económica, capacidade científica e influencia política. Os países e territorios que mellor comprenderon esta transformación -desde Estonia ata Corea do Sur, desde Quebec ata Singapur, pasando cada vez máis por China- integran cultura, tecnoloxía, educación, innovación e acción exterior nunha mesma estratexia de país. Non consideran a internacionalización un gasto, senón un investimento na súa capacidade de existir con voz propia nun mundo crecientemente interdependente.

Galicia enfróntase ao mesmo dilema. Pode entender a acción exterior como unha actividade protocolaria ou promocional, inevitablemente secundaria, como acontece agora, ou pode asumila como unha infraestrutura estratéxica para garantir que a lingua, a creación cultural, a investigación e a capacidade innovadora participen activamente na construción do mundo que emerxe.

Porque o maior custo de renunciar á acción exterior non consiste en perder oportunidades de proxección. Consiste en chegar tarde aos espazos onde se decide o futuro. E cando outros establecen as regras, os estándares tecnolóxicos, os circuítos de distribución cultural e os relatos dominantes, a capacidade de influír redúcese drasticamente. A historia demostra que recuperar esa posición resulta sempre máis caro que tela preservado.

En Occidente segue predominando unha visión da cultura como un ámbito esencialmente ornamental, centrado en patrimonio, festivais, subvencións, creación artística. Pola contra, as potencias emerxentes -e particularmente China- tenden a entendela como unha infraestrutura estratéxica, estreitamente vinculada á innovación, á educación, á tecnoloxía, á capacidade normativa e ao poder internacional. Esa diferenza conceptual explica moitas das políticas culturais que estamos vendo desenvolver nos últimos anos.

Quizais o reto para Galicia sexa precisamente ese cambio de paradigma, é dicir, deixar de considerar a acción exterior cultural como unha política de prestixio e comezar a vela como unha política de capacidade. É dicir, unha política destinada a aumentar a capacidade do país para crear coñecemento, atraer talento, influír nas redes internacionais, fortalecer a súa lingua no ecosistema da intelixencia artificial e participar nos procesos onde se define o futuro da cultura. Nesa perspectiva, a acción exterior deixa de ser un apéndice da política cultural para converterse nun dos seus piares fundamentais.

A cuestión, polo tanto, xa non é se Galicia pode permitirse desenvolver unha política exterior cultural ambiciosa. A verdadeira pregunta é se pode permitirse non facelo.
Ríos, Xulio
Ríos, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES