A historia oficial adoita escribirse ao calor dos intereses do poder, pero a verdade histórica, máis temperá ou máis tarde, remata por emerxer grazas ao repouso do tempo e ao cruzamento crítico de fontes. Durante máis dun século, a captura de Mamede Casanova, o célebre "Toribio", vendeuse a través das páxinas da prensa de principios do século XX como unha fazaña épica e serena protagonizada polo crego de San Xoán do Freixo, o vilalbés Antonio Prieto Poupariña. Segundo o relato hexemónico daquel decembro de 1902, o crego logrou vencer as desconfianzas do temido Toribio.
Porén, cando se confronta a hemeroteca madrileña e galega da época coa microhistoria local e a memoria oral rescatada dos descendentes directos dos protagonistas na freguesía do Freixo, o relato da versión oficial québrase e ensina as costuras do engano. Detrás dos feitos relatados asoma a traizón económica, a quebra da confianza e unha estratexia milimetricamente planificada xunto cunha execución coordinada.
O máis relevante deste proceso de revisión histórica é que as probas do engano no seu conxunto non pertencen en exclusiva ás investigacións do século XXI; estaban xa latentes, de forma contundente, na coincidencia exacta entre as declaracións que o propio Mamede ofreceu na enfermería do correccional de Ortigueira e a versión oral que se conserva hoxe viva no Freixo. Ao ler entre liñas as confesións que o fuxido lle fixo ao xornalista Faginas mentres se recuperaba co peito atravesado por unha bala Mauser, descubrimos que a voz de Mamede e o recordo dos veciños do Pulgón son, en realidade, un único e idéntico testemuño. Coinciden tanto na forma como no fondo deste asunto tan espiñoso e tan mal tratado.
A continuación, analizamos detalladamente os seis pontos fortes onde a hemeroteca de 1902 e a memoria oral se dan a man cun algo máis dun século de diferenza para facer xustiza histórica.
Puntos de contraste analítico:
1. A estrataxema dos dez pesos de prata e a delación: Na literalidade do texto de El Imparcial, Mamede desvela o mecanismo exacto do engano: "El cura de Freijo -dice- me la jugó bien. Yo le di diez duros en plata para que me los cambiara por papel. Mientras tanto la criada preparaba la cena. Yo no veía que el cura mandaba recados fuera de la casa". O crego non realizou o troco no acto; utilizou os dez duros como escusa para gañar tempo mentres enviaba as mensaxes fóra da reitoral para mobilizar á Garda Civil e aos mozos da parroquia.
2. A farsa do tiroteo e a autoría dos disparos: Un dos puntos onde a literalidade de El Imparcial e a memoria oral baten con máis forza contra o relato oficial é a manipulación de quen apertou o gatillo. A prensa da época recolle que Mamede "se interesa mucho por saber lo que la prensa dice al ocuparse de su captura, y dice que es una infamia asegurar que hubiese disparado contra un paisano herido en el lugar de Freijo, cuando lo capturaron". O propio Toribio desmentiu o relato oficial de inmediato ao afirmar rotundamente "que fué la Guardia civil la que hizo los disparos, hiriéndole a él y al paisano". Esta queixa de 1902 coincide milimetricamente co relato que os descendentes do Pulgón conservaron: as forzas da orde, ocultas na escaleira, foron as que abriron fogo cruzado, sendo os seus propios proxectís os que feriron tanto a Casanova como a Antón do Pulgón.
3. Os reparos do bandido a fotografarse: O despacho de El Imparcial pon ao descuberto un perfil culturalmente refinado e cun agudo sentido do orgullo e do control da súa propia identidade. A prensa recolle textualmente que, cando se intentou sacarlle unhas fotografías no hospital, Mamede "se negó á ello empleando disculpas especiosas". A crónica destapa a súa astucia intelectual ao deducir que "entiende no convenirle que se publiquen retratos suyos, porque con ellos, en el caso de que logre fugarse de nuevo, sería fácilmente reconocido". Só cando os xornalistas o convenceron de que o seu rostro estaba demasiado demacrado e

desfigurado pola ferida, cedeu a posar, adoptando nese intre "cierta actitud un poco pretenciosa, como el de quien quiere parecer bien".
Mancebo, M. (2026). "Una imagen real de Toribio" [Fotografía]. Publicado en: El Cura que dio caza al bandolero más famoso del siglo nació en un pueblo de Lugo y fue confesor de Alfonso XIII. El Progreso de Lugo, 9 de febreiro de 2026. Dispoñible en: https://www.elprogreso.es/...
4. O desprezo polas coplas e o orgullo de poeta: Este carácter instruído vese referendado na súa fonda preocupación pola literatura popular que se xeraba ao redor da súa lenda. Di a crónica que "censuró que los poetas pusieran su historia en romances para venderlos en las ferias, y añadió que él versificaba mejor sus cartas amorosas". Para Mamede, os versos que cantaban os cegos eran "malísimos y sus autores tontos de remate". Este coidado pola palabra e pola métrica dános a clave de que a súa petición de axuda ao crego para fuxir a América ou Portugal estaba calculada por unha mente que sabía ler, escribir e proxectar o seu futuro de xeito autónomo.
5. O escapulario e unha fe relixiosa sincera: Fronte á imaxe de criminal impío, os despachos de La Voz de Galicia, El Progreso e El Imparcial revelan unha faceta espiritual profunda e de gran peso no relato. As crónicas describen a Mamede deitado na súa cama da enfermería "viéndose colgado de los hierros el escapulario que siempre lleva consigo". Lonxe de ser un amuleto supersticioso, a relixosidade de Mamede quedou demostrada polos feitos: a pesar da brutalidade do enfrontamento e de estar gravemente ferido nos pulmóns, o fuxido comulgou nese estado de gravidade. Unha persoa profundamente crente que, a pesar de saberse traizoado polo seu confesor, mantiña intactos os seus sacramentos e soubo perdoar ao crego.
6. O engano da recompensa e a esmola de Ortigueira: Por apreixar a Mamede as autoridades ofrecían 1.500 pesetas de recompensa, unha fortuna que o crego cobrou pero que xamais repartiu cos mozos do Pulgón. A crónica de 1902 pecha cun detalle que reflicte os remorsos do presbítero: "El cura de Freijo ha ido á ver á Mamed Casanova á la enfermería. El bandido le perdonó la emboscada y el párroco le dió dinero". O que a prensa quixo vender como un acto de caridade pastoral co ferido non foi máis que a devolución -ou esmola- daqueles mesmos dez pesos en prata que Mamede lle entregara de boa fe para cambiar por billetes de papel.
Máis de cen anos despois, a microhistoria e a memoria viva do Freixo ditaron a súa sentenza definitiva: Mamede Casanova tiña razón. Aquelas protestas desesperadas e orgullosas que o fuxido pronunciou na cama da enfermería da cadea de Ortigueira, mentres se desangraba polos pulmóns, non eran as escusas dun criminal acurralado, senón a pura verdade dun home traizoado.
Nin Mamede asaltou a reitoral pedindo esmola, nin disparou contra os veciños, nin o párroco actuou de forma desinteresada. Ao final, a caridade relixiosa resultou ser remorso. Os dez pesos en prata non eran unha esmola, senón propiedade lexitima de Mamede; as 1.500 pesetas de recompensa foron o prezo dunha delación que xamais se destinou ao fin anunciado.