9. E con respecto ao entroido urbano, ¿Como se celebraba no caso da cidade de Lugo polos datos que vostede ten?
Nos dous último anos a concellería de cultura do municipio lucense planificou unha serie de actividades ludico-festivas reflectidas en animacións pola rúa; actuacións musicais; representacións públicas para os pequenos; concursos de disfraces nas categorías de infantil e adulto; e, tamén, a festa da filloa. Estas actividades levaronse a cabo entre o venres de Entroido e o mércores de cinza. No obstante, no ano 2025, denantes destes días celebrouse unha conferencia sobre o Entroido; e, tamén realizáronse talleres sobre "danzas do Entroido" e sobre "composicións satíricas e a transgresión".
Polo que respecta aos días propios da festividade antroidana vou a sinalar os actos máis significativos.
* VENRES DE ENTROIDO.
Ás 20 horas recitouse o pregón na "Casa consistorial". Logo, tivo lugar "o concerto de Condensadores de Fluzo". Finalmente a partir das 21,30 horas o recinto histórico veuse animado pola charanga "Os Chafalleiros" e a batukada "Escandalo de Sons" (2025), e a charanga "Louband" (2024).
* SABADO DE ENTROIDO.
Entre as 11 e as 14 horas; e, tamén entre as 16 e 19 horas levouse a cabo a tercera edición da "festa da filloa" (2025) na rúa Quiroga Ballesteros. No ano 2024, esta celebración tivo lugar o martes de Entroido ás mesmas horas e na mesma rúa. Ademaís, ás 17 horas realizouse o "concurso de disfraces infantil" (2024 e 2025). Posteriormente o grupo "Bloco Meigallo" (2024) animou as rúas a partir das 21,30 horas.
* DOMINGO DE ENTROIDO.
Ás 12,30 horas os nenos disfrutaron coa obra de Brais das Hortas, que levaba por título "Consertasso na Horta". Pola tarde, celebrouse a Gala de Circo Introitos (2025). A Vela Circo representou o seu espectáculo " O último en la Praza Maior".
* LUNS DE ENTROIDO.
A partir das 21,30 horas o grupo "Bloco Meigallo" alegrou as distintas rúas lucenses (2025) ; tamén, "Bloco Meigallo" e "Unión Phenosa" (2024).
* MARTES DE ENTROIDO.
Ás 17 horas levouse a cabo o desfile de disfrances para adultos ( 2024-2025).
* MERCORES DE CINZA.
Enterro da Sardiña a partir das 20 horas.
O ENTERRO DA SARDIÑA
Nesta actividade, coa que remata o Entroido na cidade de Lugo, colabora a Concellería de Cultura do municipio de Lugo; o Círculo das Artes; e a propia "Confraria do Enterro da Sardiña", que dende hai algúns anos está presidida por Dª Olga Díaz.
Días antes da celebración do evento comezan os preparativos e os ensaios pertinentes. Estes teñen lugar, coma sempre, no Círculo das Artes, de onde o mércores de cinza sae a comitiva fúnebre ás 20 horas. Esta vai encabezada polo estandarte da Moi Nobre e Festiva Confraría da Parranda, que é unha réplica do mascarón pintado por Goya. A continuación, o Gran Espetón, especie de sumo sacerdote, vestido cunha roupaxe de cor negra -capa e capuchón- e vermella, que é o encargado de recitar "os ferretes" nas prazas do Campo e da Soidade e, logo, ao seu remate no templete da música. Este vai acompañado en ambos os dous lados dunha parella de acólitos, provistos de incensarios. Logo, viña un confrade, que levaba unha sardiña de cartón cravada nun tridente; este ía acompañado aos seus flancos de dous compañeiros da confraría, que levaban carteis alusivos ao Círculo e ao Concello, como entidades colaboradoras do evento. Posteriormente, viña o cadaleito da sardiña levado nas súas andas por seis pescadores -a xeito de imitación- cos seus traxes de faena de cor amarelo; o cadaleito vai acompañado de dous confrades, que portan os estandartes alusivos a D. Carnal e a Dª Coresma, e de dúas ringleiras de confrades vestidos con roupas de cor negro. No centro da comitiva fúnebre vai a banda; os seus integrantes van vestidos con roupaxe de cor vermello. Na parte final do enterro adoitan ir os seguintes estandartes: o do gato, coa sua tixola baleira de peixe; outro, coa grella; e finalmente os do burro e o porco, que levan inscritos dous ferretes que a confraría adoita cantar nas Prazas do Campo e a Soidade, respectivamente.
Estandarte do Burro
Este é o burro do Entroido,
levántalle o rabo
e bícalle o coiro,
bícallo ben,
ata o ano que ben.
Estandarte do Porco
Este é o cerdo de San Antón,
dende o fuciño
ata o xamón,
todo él sabe ben,
in secula seculorum. Amén.
Pechaba a comitiva fúnebre o coro xeral e o público acompañante.
Con respecto ao percorrido iníciábase na Alameda ao carón do Círculo das Artes, onde se entonaba o primeiro canto, anunciando deste xeito o comezo da escenificación. A primeira parada importante tiña lugar na Praza do Campo, onde o Gran Espetón, recitaba as primeiras estrofas do Enterro da Sardiña, sendo coreado cun estribillo pola confraría en pleno, relacionado co estandarte do burro. A comitiva fúnebre, logo desta parada, continuaba a súa marcha pola Ruanova ata chegar á Praza da Soidade, onde se detiña de novo. Aquí o "Gran Espetón" volvía a pronunciar outras estrofas adicadas a Praza do Rastro e a capela da Soidade, sendo coreado cun estribillo pola confraría en pleno, mais esta vez relacionado co estandarte do porco.
Logo de cubrir o traxecto por Santo Domingo e a rúa da Raíña, -ás veces por algúns inconvenientes viñase pola subdelegación de goberno e Doutor Castro- a comitiva dirixíase, atravesando a Alameda, ao templete da música. Neste lugar, ao igoal que fixera na Praza do Campo e da Soidade, o Gran Espetón, recitaba un longo repertorio de "ferretes" onde a crítica ao Concello constituía a nota esencial. Finalizada a interpretación da última salmodia procedíase a enterrar simbólicamente á sardiña entre os lamentos das choronas. A participación era bastante numerosa. Ademaís, podían incorporarse carteis a problemas moi puntuais.
Con respecto aos ferretes composición poéticas de catro versos- todos estaban escritos en galego. Neles adoitaba facerse unha crítica ao comportamento e proceder dalgunhas autoridades de índole local, autonómica e, tamén, estatal, polo seu labor realizada ao longo do ano. Isto levábase a cabo nun ton humorístico, de burla e de sarcasmo. Ás veces, tamén se facía algunha loanza a algunha autoridade pola tarefa realizada ou no intre da súa despedida.
Dende hai varios anos calquera persoa do municipio pode facer os ferretes, que considere axeitados, e ademaís pode entregalos para o concurso correspondente.
ALGÚNS MODELOS DE FERRETES.
* Concelleiros do PP / non faledes tan lixeiro/
que moito que criticades / vos o fixechedes primeiro
* Xerente da policía / e máis xefes a montón/
pero nas rúas de Lugo / segue mandando o follón.
* Do Concello Dona Branca / despediuse con emoción/
por todo lle desexamos / éxito no seu labor
* A nosa alcaldesa / prometeunos a praia/
pero as súas promesas / lévaas a xeada/
* Do Auditorio imos falar / ou será mellor calar?/
Cando o queiran inaugurar / vano ter que retellar/
* Hai políticos lugueses / que ían traer o AVE /
esqueceulles dicir cando / e tamén a que cidade.
* Os que planean as obras / danme moito en que pensar.
Ou non entenden os planos / ou só pensan en cobrar.