Achegas sobre o entroido na Provincia de Lugo (10)
Blanco Prado, José Manuel - martes, 28 de julio de 2026
Algúns exemplos dos escritos do Enterro da Sardiña.
VILALBA
ANO 2003.
O xuizo comeza cunhas palabras do SR. XUIZ:
Na vila de Vilalba no día... mes... do ano... de Deus de... , ten lugar nesta praza e neste intre o xuízo sumarísimo no que se aclararán os feitos imputados á acusada: Dona Sardiña da Auga Salgada, representada polo seu avogado defensor D. Inocensio da Verdade da Boa, e actuando en nome do Ministerio Fiscal D. Fernando Federico Fernández de Fernández.
Ten a palabra o Excmo Sr. Fiscal.
SR. FISCAL.
Coa venia, Señoría. Preséntome ante este tribunal para reclamar a máxima pena para Dona Sardiña da Auga Salgada -aquí comparecente- que demostrou con tódolos agravantes a súa falta de civismo ao permitir e incluso alentar as máis deleznables conductas e actuacións que viñeron redundar moi negativamente no benestar dos vilalbes. O Ministerio Fiscal acusa a Dona Sardiña da Auga Salgada dos seguintes cargos:
1º. Por non poñer un pasamáns nas perigosas escaleiras que comunican a Praza de Santa María co auditorio municipal, facendo que a xente arrole por elas e chegue a trompicóns ata o río.
2º. Por permitir que veciños con evidentes mostras de falta de respeto ós cidadáns pinten as fachadas con cores doentes, que marean con só ollalos.
3º. Por deixar que persoas, que non merecen tal calificativo, destroces o mobiliario urbán, algo que é de todos e que todos debemos contribuir a manter polo ben común.
4º. Por arolar o sono reparador dos veciños das rúas da zona da movida co cunda cunda das músicas máis cañeras.
5º. Por perfumar polo verán as rúas no arrecendo cheirón dos contenedores, que refrescan as vías respiratorias de maneira fétida e noxenta.
Por todo o devandito e o que calo por falta de probas, solicito deste Tribunal se lle aplique a Dona Sardiña da Auga Salgada a máxima pena prevista.
SR. XUIZ.
Ten a palabra o Avogado defensor.
AVOGADO DEFENSOR.
O letrado defensor expón unha serie de actitudes e comportamentos levados a cabo por Dona Sardiña da Auga Salgada, que a eximen de toda culpabilidade. Distingue os seguintes:
1º. Por ter acadado que as nobres leiras de Lanzós e as fermosas pradellas de Mourence reciban a moi agardada e ben recibida visita das obras da variante.
2º. Por facer que moitos veciños conscientes da importancia de preservar o caso antiguo da vila, arranxen as súas vivendas contando cas axudas que se lles prestan dende...
3º. Por animar, xornada tras xornada, ós rapaces do Disco Troco Vilalba-Breogán que arrasan alá por onde van, e cando quedan na casa tamén.
4º. Por poñer máns á obra para que se poida desfrutar das salutíferas augas do Alligal dunha maneira máis hixiénica e cómoda.
5º. Por reunir, con moitos meses de antelación a comisión de festas do San Ramón. ¡Andá! E rima e todo.
6º. Por traer ó auditorio municipal a solemne sesión da Real Academia Galega na que Manuel María ingresaba en tan ilustre institución.
En definitiva... porque entre todos nós facemos de Vilalba un lugar agradable para vivir, para desfrute propio e admiración de forasteiros.
SR. XUIZ.
Eu, o Ilmo. e Excmo D. Ataulfo Alfonso Alfaguara das Torres Tortas e outras herbas, que non medran por falta de regadío. Honorable xuíz desta praza de Vilalba por gracia de Deus e un par de bos capóns. Ollando e escoitando tanto ao Excmo. Sr. Fiscal D. Fernando Federico Fernández como a Excmo. Sr. Avogado Defensor, D. Inocencio da Verdade da Boa, podo dictar e dicto a seguinte sentencia:
Condeno a Doña Sardiña da Auga Salgada, natural do Mar de Achola e veciña do Río de Acó, a ser queimada neste mesmo acto. Non obstante, gozará o vindeiro ano dunha merecida resurrección, acadando deste xeito o solemne beneficio soamente reservado a quen ten demostrado fefacentemente a súa boa vontade, aínda que pegando algún que outro tropezón polo medio, pero sen chegar a caer de fociños no delicto.
Asinado e rubricado.
En Vilalba a día... mes... de... ano.
MONFORTE DE LEMOS.
COPLAS
ANO 2011:
"Que mal che fixo o club Lemos / ó Concello de Monforte /
pra non darle a subvención? / Queren sentencialo a morte ".
ANO 2015:
"Aos políticos de aquí / había que metelos presos /
inauguraron o "Porto Seco" e non lle ponen accesos/"
ANO 2016.
"O Tomé cos presupostos / vai camino de forzalos /
na oposición estanche moi postos / e queren escarallalos."
ANO 2017.
"Tantas fontes, tan bonitas /botan auga sen parar /
e mentres o noso río / leva auga e algo máis."
ANO 2022.
"Ca subida da electricidade / que estamos a sufrir /
para pagar facturas / imos ter que delinquir/."
ANO 2025.
"Moito se transita en Monforte / sobrte todo en patinete /
circulan por dirección prohibida / e por onde máis lles pete/"
NOTA: Os ferretes sobre o "Enterro da Sardiña" de Lugo van na cuestión 9.

Blanco Prado, José Manuel
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora