Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O tempo dos avós

martes, 15 de diciembre de 2009
Tódalas horas do mundo collen no tempo dos avós. Eses personaxes invisibles xamais ocupan o primeiro lugar na casa e nas rúas pero sen eles o país paralizaríase. A súa presencia a carón dos nenos é insubstituíble para que os horarios da familia cadren. E non cobran por horas, cobran a vergonza que cobran a fin de mes.

Benqueridos avós. Teñen moito que ensinar, moito aínda que facer: son unha fonte inesgotable de cariño e de experiencia, capaces de chegar ata os máis pequenos coa paciencia e a sabedoría que atesouran os anos. Donos de toda unha vida, teñen agora a oportunidade de regala-lo meirande tesouro: o seu tempo longo e tranquilo.

Xamais poderán substituír ós pais pero son bos transmisores de mensaxes, ocupando pouco a pouco espazos na vida dos nenos. Observadores silenciosos da educación dos máis pequenos, o seu potencial educativo pasa desapercibido ou non é aproveitado. Por iso é bo e intelixente contar máis cos avós. A súa presenza aporta unha formidable dose tranquilizadora na apaixonante aventura dos nenos que empezan a explorar e conquista-lo mundo.

Os avós mostran un profundo amor polos netos que ocupan agora o lugar máis importante das súas vidas. A súa preocupación por eles semella superior á que tiveron polos seus propios fillos. Ás veces son eles, os avós, con tanta vida ó lombo, os que se percatan con maior nitidez da relevancia educativa dos primeiros anos, como se desde a madurez da vida quixeran recuperar e recordarnos a importancia dos afastados territorios da infancia.

Da man quente e acolledora dos avós os nenos descobren o mundo. Cos ollos do avó aprenden a ve-las cousas máis importantes. Nos xeonllos da avoa entran no mundo prodixioso das palabras, da poesía, dos contos. Na quentura do colo do avó as bágoas e os medos apáganse antes. Sentados na cociña cos avós penetramos un día no misterio fermoso dos números, das matemáticas cando non precisaban chamarse matemáticas.
Os avós poden aporta-la súa experiencia, un valor fixo e incalculable na actividade na que traballaron toda a súa vida. Sentíndose valiosos e útiles, a diferencia de idade cos nenos non debe ser un obstáculo para traballar xuntos, senón unha riqueza, a riqueza da diversidade e da complementariedade. Porque cando están cos netos prodúcese unha situación de respecto mutuo e de diálogo. Aprenden a arte do diálogo, e coa palabra pasan a primeiro plano as cousiñas pequenas, as que teñen unha dimensión máis humana.

Os avós son a memoria viva e imprescindible de acontecementos moi salientables da nosa vida. Recuperan para os nenos as propias raíces e volve a reverdece-la tradición feita cultura. Toda a cultura da terra, os traballos e os días, as festas e a morte, o ciclo da natureza, os contos e as contas, o coidado dos animais, as dores e os foguetes, a capacidade de traballo e de sufrimento, a fecundidade da terra, as mans como ferramentas da intelixencia, o nome dos paxaros e das árbores irmás colle nos faiados da memoria dos avós. E toda esa cultura dun pobo é necesaria para educar un neno.
Meus avós, grandes, entrañables personaxes cotiás, depositarios dun cariño delicado e cunha capacidade de escoita e de paciencia aquilatadas ó longo de toda unha vida. Posúen unha madurez e unha sabedoría que só adquire a sazón xusta co paso do anos. Esa colleita é a mellor herdanza para os netos.

Benqueridos avós: as súas mans duras e gastadas, mapa da vida esculpido por enrugas e percorrido polos camiños das veas, acariñan cunha inmensa tenrura.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES