Os enterros da Sardiña
Este ritual do Entroido non naceu en Galicia, senón que veu importado de Madrid a onde no reinado do monarca borbónico Carlos III, procedente dalgún porto do norte de España, un cargamento de sardiña en mal estado, polo que as autoridades competentes, malia as condicións de pobreza da poboación, acordaron enterralas na «Casa de Campo». O pobo, aínda que ao comezo protestou e provocou algúns incidentes, logo participou cun tono burlesco e sarcástico en dito enterro, que sería recordado anualmente. Outra variante sería a dos ilustrados madrileños que tomando como motivo estes acontecementos da fame popular, parodiaron o enterro do peixe e repetírono en anos sucesivos.
Posiblemente a descrición máis antiga que se conserva deste ritual madrileño sexa a de Ramón de Mesonero Romanos, autor costumista madrileño que na súa obra Escenas matritenses fai mención ao Enterro da Sardiña do seguinte xeito "O cortexo procedía do barrio da Latina e baixou pola Porta de Toledo ata a ponte do mesmo nome, rodeando o Manzanares. Na comparsa ía de todo; desde disfrazados con cabezas postizas ata romanos, pasando por berberiscos e penitentes. A mascarada facía ostentación da súa astrosidade e mal gusto. Abondaban as vasoiras molladas en viño a modo de hisopos, berros e cantos incoherentes, e amenizaban o conxunto catro ou seis gatazos negros atados polas patas na punta dun pau e enarborados en alto a xeito de pendóns
A sardiña auténtica ía na boca dun monicreque, o señor Marcos, levado nun grotesco ataúde... Na procesión formaban varios coros coas clases máis humildes da cidade, cabalos, cans que ouveaban e máscaras espantosas".
O Enterro da Sardiña está reflectido no cadro do mesmo nome realizado polo pintor aragonés Francisco de Goya entre os anos 1812 e 1819. Nel o pintor plasma a vitalidade popular, a ledicia de vivir do pobo, que goza de liberdade e pode manifestarse sen ningún tipo de restrición, aínda que sexa nun tempo curto no que as leis e as institucións quedan abolidas. Aparentemente, o Enterro do Entroido debía simbolizarse enterrando carne e non peixe, que vai ser algo moi habitual na dieta gastronómica da Coresma, debido ao período de abstinencia e xaxún, que hai segundo o precepto cristián. Agora ben, na antigüidade, cando se comía de vixilia durante toda a Coresma, adoitábase enterrar un costillar de porco ao que se lle daba o nome de sardiña, distorsionándose o seu significado polo que no intre actual ten de peixe.
No obstante, Federico Cocho, dínos que esta interpretación non é obxectiva, debido a que non hai respostas axeitadas á persoa, lugar e momento no que se usou o termo sardiña cun significado diferente ao que ten hoxe. Outra interpretación fai referencia a un sentido ambivalente da sardiña. Así, por unha banda simbolizaría á Coresma ao ser un peixe, mais por outra podería representar ao Entroido xa que ao comela salgada estimularía o consumo de viño.
Este ritual comezou a implantarse nalgunhas cidades e vilas galegas a partir da segunda metade do século XIX. O motivo esencial foi debido ao desexo de incorporar costumes e tradicións da capital do Estado por parte daqueles grupos sociais que exercían unha maior influencia na poboación.
Polo que respecta á provincia de Lugo, temos constancia da existencia deste ritual na cidade de Lugo e nalgunhas vilas como Burela, Foz. Monforte, Valadouro, Vilalba e Viveiro. Noutras, como Chantada e Sarria, a súa implantación foi meramente temporal.

Trátase da escenificación dun enterro cristián no que o finado é unha sardiña, feita normalmente de papel e cartón. A comitiva vai presidida polo crego ou Gran Espetón (Lugo). Este -ás veces- vai baixo palio (Monforte de Lemos), acompañado de dous acólitos. Este vai dirixindo os cánticos ao longo da procesión. A continuación, van os sancristáns, os portaestandartes, as autoridades, as choronas, e, finalmente, o público en xeral. A procesión adoita acceder a unha praza (Lugo, Vilalba, Viveiro); á ponte dun río (Monforte), a unha praia (Burela) onde se len coplas ou escritos en prosa, que entrañan burla, ironía, sarcasmo e crítica, e que están referidos na súa meirande parte aos problemas que ten a cidade ou vila. Finalmente, o enterro pode rematar nunha inhumación simbólica da sardiña (Lugo), nunha incineración (Burela, Vilalba, Viveiro) ou nunha inmersión no río (Monforte de Lemos). Os membros das diferentes comitivas adoitan ir vestidos de cor negro agás en Viveiro que van de branco.