Só é un 30%
Gregorio Montes, Antonio - martes, 07 de julio de 2026
Si, só é un 30% -ben, un pouquiño máis-, o número de prazas de aloxamento temporal en Ribadeo en relación ó número de habitantes censados. E é casualidade que sexa tamén dun 30% -ou un pouquiño máis- o aumento de prezos de cousas como alugar un piso para vivir ou tomar un café -neste caso, un pouquiño menos- en relación con outros puntos próximos como Vilalba, de poboación semellante na vila pero maior no concello, e con moi diferente presión hostaleira (moito menor, sexa hoteis, aloxamentos turísticos ou VUT).
Tamén é maior (aínda que aquí non teño datos que poñer en porcentaxes) o despoboamento e/ou substitución inducidos que están a sufrir estes últimos anos zonas concretas de Ribadeo -non todo o pobo, nin o concello- mentres os veciños que van quedando -e inmigrantes que veñen a traballar- van vendo como as maletas rodantes tiradas por caras descoñecidas van periodicamente ocupando o lugar dos antigos veciños. Ou vendo como desaparecen comercios que estaban dirixidos á veciñanza e son substituídos por outros enfocados á xente de paso. Un fenómeno este de cambio do tecido urbano ó que se lle chama xentrificación, por ter certa semellanza á centrifugación dunha lavadora: o bombo comeza a dar voltas e non é que expulse a auga fóra, senón que ó xirar máis e máis rápido a auga non pode agarrarse a ningures para continuar xirando, co que remata fóra do bombo. É dicir, parello ó que pasa ca xentrificación, na que a xente non é que sexa literalmente expulsada fóra, senón que se lle quitan as posibilidades de poder e querer aguantar no centro do pobo, rematando fora de xogo. A diferencia? En troques de gotas de auga, trátase de persoas as que están nun mecanismo mareante que as está a ignorar mentres as súas casas se ven acosadas por ruídos e xente allea -alien, verba que soa nas películas-, os seus cartos non poden competir cos foráneos por un lugar onde vivir, e mesmo a veciñanza vai perdendo conexión, entre si e co entorno máis próximo (entre si, pola xente que se vai e co entorno, pola colonización allea e de chiringuitos en prazas e rúas) e rematan situándose lonxe das que eran as súas casas e a súa contorna. Un mecanismo sobre o que, de xeito parello ás gotas na centrifugación, lle usurparon o control e en xeral só poden tentar paliar as súas consecuencias, diminuíndo a súa calidade de vida e/ou véndose na necesidade de emigrar a outras contornas.
En canto ó ruído, ía poñer que o 30 % quédase curto, moi curto, o que é certo. Pero atópome algo máis clarificador: unha nova que apunta que en Madrid están a clausurarse concertos por sobrepasar os 80 dB. En Ribadeo é cousa de calquera fin de semana nunha estreita rúa céntrica, ou a raíz dunha morea de actividades a todo volume preto das casas, e non se clausura nada. Máis ben, aumentan as actividades de altos decibelios. Por non facer, nin se fan medidas oficiais, pedidas de xeito reiterado mentres de xeito extraoficial calquera que teña unha aplicación móbil pode comprobalo.
Hai lugares que mesmo barallan a exclusión do Patrimonio na UNESCO por masificación turística. Mentres, o turismo sen plan, a especulación e a degradación veciñal consecuente están relacionados en Ribadeo e noutros lugares. Como enfermidade que pouco a pouco vai comendo o tecido social, o proceso vese alimentado mentres tanto porque a modo de inchazón que se produce nalgún tipo de cancro e parece unha capa graxa, preséntase cunha aparencia saudable de cartos -para algúns- e xolgorio -tamén para algúns- cando está podrecendo pouco a pouco a sociedade. Sociedade que comeza a decatarse do que pasa, comenta e vai creando con dificultade as relacións e as estruturas para combater o que o concello parece non ver.

Gregorio Montes, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora