Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mamede Casanova a xuízo: A semente da súa lenda negra

Rivero, Manuel - miércoles, 22 de julio de 2026
A noite do 23 de novembro de 1900, o asalto á casa reitoral das Grañas do Sor marcou un punto de non retorno na lenda negra de Mamede Casanova. Foi o episodio escollido polas autoridades e as cabeceiras dos diferentes medios, tanto madrileños como galegos, para catalogar o proceso como unha "causa ruidosa" e consolidar o perfil dun "criminal sanguinario". Porén, a lectura atenta das actas xudiciais de novembro de 1902 e a memoria viva que aínda se conserva nas Grañas do Sor reconstrúen unha realidade moi distinta: unha farsa procesual e mediática deseñada para condenar a un mozo de 17 anos fuxido da xustiza.

O plan do asalto á reitoral
Segundo a versión que a Fiscalía levou ante o tribunal do xurado na Coruña, destaca que un grupo de veciños reuniuse na taberna de María Vispo para asaltar a reitoral do párroco don José Corral, a súa ama Manuela Domínguez e o seu criado Arturo López. Os asaltantes valéronse das andas da propia igrexa para saltar o muro da horta e abrir un burato con palanquetas na parede do curral. Tras recoller un botín de 1.906 pesetas, o fiscal Lizoso acusou a Mamede de ser o único en aceptar a orde de volver arriba para disparar á criada e evitar que os descubrise.

O relato oficial pretendía colocar a Mamede como un executor desalmado movido por supostos resentimentos. Pero a realidade que ata hoxe lembra a memoria oral nas Grañas do Sor desmentía esa brutalidade. Mamede visitaba con frecuencia a casa reitoral; acudía a comer o pan quente da fornada, forno que aínda se conserva na actualidade no lateral esquerdo da vivenda.

Declaracións "a forza de paus" e a traizón de Balseiro
O grande escándalo do xuízo estalou cando os procesados tomaron a palabra para denunciar os métodos das forzas de seguridade. O cerebro do asalto, Lorenzo Balseiro, berrou ante os membros do xurado que a súa implicación e as súas confesións previas fóronlle "arrancadas a forza de paus", unha tortura policial secundada polo resto de culpables sentados no banco dos acusados.

Enfrontado a unha posible condena a morte no garrote vil, Balseiro xogou unha carta desesperada: renegou da súa paternidade perante o tribunal e declarou que o mozo ferreiro era o seu "inimigo mortal". Unha traizón deseñada para salvar o seu propio pescozo e empuxar a Mamede á pena capital. Fronte a el erixiuse a firmeza de María Casanova, a súa nai, quen compareceu con dignidade para ratificar ante o xurado que, malia as mentiras de Balseiro, era fillo natural de ambos.

A dureza da sentenza e a herdanza familiar
O fiscal acabou ampliando a petición de pena de morte para cinco dos acusados e co banco de Mamede baleiro -mentres el seguía ceibe polos montes-, a prensa decidiu ir un paso máis alá para lexitimar a dureza do Estado. A revista Alrededor del Mundo publicou o 21 de novembro de 1902 un relato sumamente tendencioso co título «El bandolero Mamed Casanova» e un subtítulo que buscaba dun xeito retorcido os xenes criminais de Mamede: «Ó tres generaciones de criminales».

Para convencer ao público de que Mamede era un monstro atávico e xenético, a revista chegou a falsear o nome do pai biolóxico desde Madrid (chamándoo "Mariano" en lugar de Lorenzo) para forzar un paralelismo de folletín con Mariano Balseiro, o mítico lugartenente do bandoleiro madrileño Luis Candelas, executado en 1839. A prensa aplicou sobre o mozo do Ortegal o mesmo molde mediático que usaban en Madrid: o de inventar unha liñaxe maldita e atribuírlle calquera crime cometido na comarca polo simple feito de estar fuxido.

A minoría de idade como recurso de salvación da pena máxima
A verdade oculta que o sistema quixo enterrar e que os testemuños orais gardaron con celo reside na minoría de idade de Mamede. Ao ser menor no momento de cometerse o asalto e o asasinato de Manuela no ano 1900, a lexislación protexíao matematicamente de sufrir a pena de morte no garrote vil, aínda que ao final resultou condenado, xunto co Balseiro o seu pai biolóxico.
Rivero, Manuel
Rivero, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES