Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A fuxida de Mamede Casanova do presidio de Ortigueira

Rivero, Manuel - miércoles, 15 de julio de 2026
No outono de 1902, as autoridades e a prensa galega vivían nun constante estado de alerta. Un mozo de 18 anos andaba fuxido polos montes do Ortegal despois de protagonizar unha audaz escapada do cárcere de Ortigueira. Para xustificar a ineficacia das forzas da orde, xornais coma El Eco Ortegano ou as crónicas madrileñas de El Imparcial apresuráronse a debuxar o perfil dun "célebre bandido" sanguinario, cruel e implacable.

Porén, os documentos recuperados de xornais históricos como os da Biblioteca Nacional de España, da Voz de Galicia e do Progreso, ao analizalos con sosego, móstranos unha realidade moi distinta: a dun mozo formado, astuto e sumamente educado, capaz de deixar en evidencia ás forzas de seguridade, sistema xudicial e penitenciario.

O episodio da reitoral de Mañón
O domingo 21 de setembro de 1902, aproveitando que a Garda Civil estaba concentrada na feira de San Claudio, Mamede mediu os tempos con precisión e presentouse ás portas da reitoral de Mañón en plena misa. Lonxe de actuar coa violencia que se lle atribuía nas crónicas, a hemeroteca describe unha realidade diferente:

A esmola do párroco: O mozo agardou polo crego na porta, amosándose "sonriente y al parecer humilde". Solicitou unha axuda e o cura, sen ningunha oposición, entregoulle cinco pesetas.

O amuleto: Ao brazo levaba unha pega carrachenta (unha pega común). Coñecedor do peso da mitoloxía popular, o mozo presentaba ao paxaro ante os veciños como un protector a modo de detente, para ser "indemne á persecución y mala ventura".
No atrio da igrexa, fronte a unha multitude que o contemplaba con admiración, Mamede proclamou en voz alta a súa inocencia. O pobo, lonxe de delatalo, amosoulle a súa simpatía cunha dádiva espontánea de vinte e seis pesos en moedas.

Cartas ao Alcalde e ao Gobernador Civil
A proba definitiva de que Mamede Casanova non era o salvaxe analfabeto que mostraban as editoriais chegou por vía postal. Primeiro, escribiulle ao alcalde de Ortigueira, don Manuel Santo Domingo, esixindo con total dignidade e fórmulas de respecto que lle fosen devoltas as prendas de vestir brancas e negras e os recibos que deixara na súa cela, anotando que os gardaba convenientemente protexidos entre as páxinas dunha Gramática castellana.
A audacia do mozo non se detivo aí, pouco despois, o propio Gobernador Civil da Coruña recibía outra carta manuscrita, na que coa súa habitual educación o saudaba formalmente e se "ofrecía á sus órdenes".

Gardas sen indumentaria apropiada
A desesperación policial acadou cotas elevadas a finais de outubro de 1902. O cronista Faginas relata en El Imparcial que un continxente de 47 axentes armados (24 da Coruña e 23 da provincia de Lugo) bateu sen éxito os montes nun perímetro de 42 quilómetros. Mentres o mozo cruzaba os ríos e as montañas que coñecía á perfección, o comandante da forza tivo que retirarse á Coruña baleiro e "bastante desesperado", poñendo como escusa que os seus homes precisaban "calzado a propósito" para poder continuar coa captura de Mamede.

A prensa da época facíaselle difícil asumir que, o fuxido fose un mozo escolarizado, co oficio de ferreiro, cun carisma e un físico moi atractivos que espertaba a fascinación das aldeas, e cun nivel cultural e unha educación superior aos da maioría dos seus perseguidores. Era máis sinxelo fabricar o mito dun monstro cruel que aceptar a realidade dunha traxedia social e a procura dun chibo expiatorio.
Rivero, Manuel
Rivero, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES