Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mamede Casanova e o episodio real que inspirou 'Las galas del difunto' de Valle-Inclán

Rivero, Manuel - miércoles, 08 de julio de 2026
A finais do século XIX, a comarca do Ortegal e moitas outras zonas do interior peninsular compartían unha ferida común: a miseria máis absoluta. Foi nese contexto onde se iniciaron as andanzas de Mamede Casanova cun suceso que a prensa da época utilizou para comezar a debuxar o comezo dun delincuente: a profanación da tumba dun indiano rico, acabado de enterrar, para apropiarse das súas vestimentas.
A historia oficial tratou o caso coma un sacrilexio escandaloso. Porén, a realidade social e antropolóxica sitúanos ante un panorama moito máis complexo, a medio camiño entre un acto desesperado e a trasnada dun adolescente.

Un costume de supervivencia gravado na memoria
O roubo da roupa dos falecidos a primeira noite do seu enterro era unha estratexia de supervivencia extrema, oculta pero real, en tempos onde os vivos apenas tiñan con que cubrirse. A memoria oral recollida nas Grañas do Sor permítenos poñerlle hoxe nome e apelidos a aquel indiano falecido no ano 1898: don Fernando López Sierra. Nese momento, Mamede Casanova tiña 15 anos.
O espolio de tumbas para recuperar o téxtil era un recurso desesperado ante a escaseza, un costume de supervivencia que non era exclusivo de Galicia; quen isto escribe puido constatar a pervivencia deste mesmo recordo na comarca leonesa da Maragatería nos anos oitenta do século pasado, onde os maiores lembraban que a finais do XIX aínda se daban estes feitos por pura necesidade.

O molde de "Las galas del difunto"
Este suceso, protagonizado por un rapaz de 15 anos, que nese momento estaba aprendendo o oficio de ferreiro, non pasou desapercibido para os grandes intelectuais do momento. Mentres a condesa de Pardo Bazán ollaba con distancia o caso, Ramón María del Valle-Inclán quedou fascinado pola dimensión dramática do personaxe.
Valle-Inclán utilizou o episodio do camposanto das Grañas do Sor como argumento central para a súa obra "Las galas del difunto" (incluída en Martes de Carnaval). Nela, o protagonista, Juanito Ventolera -un soldado retornado de Cuba que malvive na indixencia-, comete exactamente o mesmo acto: profana a tumba do licenciado Sócrates Galindo, boticario de oficio, para vestirse coas súas roupas elegantes e sorprender a Daifa (prostituta), cos luxos do defunto (1).

Máis alá do personaxe literario
A prensa da Coruña e de Madrid, atopou en Mamede un filón e encargouse de construír unha imaxe truculenta, ocultando sistematicamente as claves humanas que explican a súa traxectoria. A realidade que agochaban os arquivos era moi distinta: Mamede no fondo non era un criminal, senón un mozo instruído, aprendiz do oficio de ferreiro e que posuía ademais un físico ben dotado, moi atractivo e cun carisma natural que espertaba a fascinación popular.
Máis de cen anos despois, os documentos e a memoria colectiva devólvennos a imaxe real. Afastado da crueldade que lle atribuían as crónicas periodísticas, a súa historia nace dunha traxedia social reflectida na literatura e que o vindeiro libro, "Mamede Casanova entre o mito e a realidade", se encargará de rescatar co rigor que se merece.

NOTA:
1. Del Valle-Inclán, R.: Martes de carnaval, Barcelona: Austral, 2025, pp. 77-118.
Rivero, Manuel
Rivero, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES