Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A ética aplicada á Biotecnociencia (1)

Rubal, Pedro - viernes, 10 de julio de 2026
Estou a referirme á ética que, segundo os especialistas, responde ás esixencias na estrutura operativa no campo da biotecnociencia, á que debe aplicarse nas investigacións científicas e tecnolóxicas que, de algunha maneira, derivan implicacións sobre a vida en xeral, con singular influencia na da persoa humana. E sobre todo partindo de que todo evento leva consigo algún risco: navegar comporta os seus; voar, tamén, e a simple utilización do automóbil tráenos numerosos accidentes. Polo tanto, non é de estrañar que as persoas humanas teñamos conciencia de que o proceso de utilización de aparellos, sobre todo se son novos, está sementado de riscos e perigos, aínda que non sempre dependa do noso descoido no uso, senón tamén da ignorancia das forzas que operan na natureza. Xustamente por isto intento modestamente xeneralizar nunha certa extensión e na profundidade que poda a exposición da ética no ámbito da tecnociencia, para o que terei que utilizar temáticas que considero necesarias para unha mellor comprensión do que estritamente aquí me propoño abordar.

Se tomamos un exemplo histórico, seguramente comprenderemos o que todo isto comporta. O mesmo terremoto que sacudiu Lisboa o un de novembro de 1.775 desencadeou unha serie de comentarios, máis ou menos documentados, en toda Europa, relativos a buscar a causa na natureza e na responsabilidade que se debía atribuír aos seres humanos, suscitando, un ano despois, nada menos que un debate entre Voltaire e Rousseau. Voltaire dubida do optimismo teolóxico de Leibniz, quen sostén que estamos no mellor dos mundos posibles, sen reparar que deixaba o racionalismo da época nun mal estado, precisamente estendéndose ao progreso, respecto ao que, como afirmaba, na súa obra a Teodicea, que Deus elixiu "o mellor mundo posible". E un suceso como este, atribuído a unha decisión divina, non se ve libre da cuestión da moralidade, e incluso se pon en dúbida a omnipotencia de Deus, que, para mellorar o mundo, tivo que introducir unha espantosa doses de mal. Así pois, queda argumentado que toda clase de mal, natural, moral ou tecnolóxico, ven a ser obra de Deus.

Pero Leibniz, a maior abundancia, saca consecuencias, insistindo en que o mal do home é un mal menor, porque ten orixe na súa liberdade que lle permite ao home definirse como un ser racional e libre, xa que se os homes fósemos incapaces de facer o mal seríamos verdadeiras marionetas. Polo contrario, Voltaire non comparte o optimismo leibniziano e converte o mal natural nun MAL MORAL, reflexionando na fraxilidade da existencia humana, e criticando o seus afáns racionalistas coa pretensión de controlar o mundo e tecnicamente de apoderarse do poder da natureza, cometendo excesos que veñen a ser causas do mal moral. E polo que respecta a Rousseau, este non considera que o mal estea fora do home. Referíndose ao Terremoto de Lisboa, di que a natureza non reuniu aí vinte mil casas de seis pisos ou sete e que se os habitantes da cidade estiveran separados a catástrofe sería menor. A natureza non garda o mal e incluso o home sufriría menos se non fora tan neglixente, corrupto, inepto, etc.

Hoxe parece que as catástrofes naturais van mesturadas cos desastres tecnolóxicos: Hai un cruzamento entre causalidade natural e humana, a implicación das causas e a vaidade dos nosos proxectos. Xustamente por isto, todo paso adiante no progreso tecnolóxico, leva consigo a posibilidade dun paso atrás, aínda que implique outras novas posibilidades. E tampouco favorece a todos, porque non todos somos capaces de adquirir os necesarios coñecementos tecnocientíficos para aproveitarse del. Por conseguinte, hai que ter presente que se son moi poucas as persoas que poden aproveitarse do resultado dunha custosa investigación tecnocientífica, xorde a necesidade de aplicar a adecuada política e unha rigorosa ética. Faise inescusable, pois, dedicar algunha atención aos riscos e ao seu impacto social. Non hai, por suposto, que esperar ese mellor mundo de Leibniz, senón propicialo; pero tampouco hai que acantoar a ilusión de progresar, utilizando o que nos ofrece a natureza, nin deixar de edificar edificios de varias plantas, aínda que unha atención a Rousseau no que respecta a provocar a natureza estará recollida no principio de precaución (que abordaremos máis adiante). Aquí o pasado, incluso especulativo, está no presente con vistas ao futuro.

Para a mellor comprensión desa nova e rigorosa ética, que regule unha xusta distribución dos beneficios que aporten as innovacións tecnolóxicas, así como tamén as pautas para valorar os riscos e perigos como efectos negativos das mesmas, é necesario manexar unha terminoloxía, que me propoño ofrecerlles previamente, utilizada polo doutor D. Jorge Enrique Linares, gran humanista mexicano, na súa obra "Adios a la naturaleza", Ed. Plaza y Valdés, Madrid, 2.019.

Ao que é feito por técnica e que non é un organismo vivo por si mesmo, denomínoo ARTEFACTO; pero un artefacto biótico (relativo á flora e fauna), resultado de modificar tecnicamente un organismo vivo, que subsiste por si mesmo, incluso vinculado a evolución propia, recibe o nome de BIOARTEFACTO; a calidade dun vivo tras ser modificado pola técnica desígnaa como BIOARTEFACTUAL; o ámbito onde acontece o "biofactual" chámalle BIOARTEFACTUALIDADE; a calidade que predica dun artefacto artificial, BIOARTIFICIAL, e o ámbito onde este acontece, BIOARTIFICIALIDADE: son termos necesarios par a mellor comprensión do contido das seguintes partes deste breve e sinxelo artigo.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES