A de voltas que dá a terra! (7)
Gómez Vilabella, Xosé M. - lunes, 17 de agosto de 2026
No 611 Mahoma tiña 25 anos; e Jadisha, 40. Con diñeiro e con tempo libre, dedicouse a meditar: Coñecera na súa viaxe a Siria aos monxes do cristián Nestorio, ao parecer moi venerado naquel país; e á parte das naturais inquedanzas relixiosas do ser humano, algo de envexa lle debeu entrar polo status, polo predicamento, daqueles predicadores. Tamén lle resultou admirable a cohesión interna da xente do Libro, e aí si que marrou bastante pois as diverxencias entre os xudeus conservadores e mailos cristiáns, aqueles revolucionarios do Novo Testamento, eran abismais. Un cameleiro non se podía quedar definitivamente en Siria, nin buscar aos opositores de Nestorio para contrastar doutrinas, así que ben aprendeu e mal entendeu para unha soa viaxe.
(Nestorianismo: Consiste nunha separación total entre a divindade e a humanidade de Cristo. Esa doutrina foi declarada herética polo Concilio de Éfeso, que depuxo a Nestorio do seu patriarcado, no ano 431. Morreu nos desertos de Libia).
Alí na Meca, reflexivo como bo árabe que era, Mahoma pasou once ou doce anos dixerindo o nestorianismo e mailo xudaísmo. De todo aquilo sacou en claro que Deus-Deus só había un, ao que chamou Alá; que os ídolos da Meca eran ridículas concepcións contraditorias; de paso, decatouse de que o Deus verdadeiro acostumaba falar por boca dos seus profetas.
Nestas andaba cando se lle acendeu un vagalume na curota do seu cranio, e daquela caeu anicado na alfombra. Seguramente se puxo a desenrolar na súa idea coma quen desenrola un turbante; e deu en berros chamando pola súa Jadisha. Mahoma, Mohamed, non dixo "¡Eureka!", non, que iso era pouco para a fantasía árabe. Seguramente exclamou: "¡Jadisha, atopeino, descubrino: Hai un só Deus, e Mahoma é o seu profeta!". Ela, a viúva apaixonada, seguro que pensou mal daquela, ao ver que o seu mozo rascaba a caluga, pero o seu "Profeta" aclarouse de seguida, rotundamente: "¡Non hai máis Deus que Alá, e Mahoma, eu mesmo, son o seu profeta!". Daquela mesmo, naquel intre histórico, empezou o proselitismo, asegurándose de contado catro votos: a propia Jadisha, seu primo e socio Alí, o seu liberto Zeid, e un amigo catacaldos daquela casa rica, que se chamaba Abu-Bakr, que viría a ser o Petrus do islamismo.
Isto non ten nada de broma, que moitos partidos naceron con menos adeptos; e ningún, nin o de don Carlos Marx, chegou a ter tantos crentes, nin tan fanáticos, coma o Islam, que, repito, significa nada máis e nada menos que illamento, entrega absoluta a Deus.
Iniciado en Yatrib o poder político de Mahoma, incluso logrou cambiarlle o nome ao lugar, que pasou a ser Medina, cidade por excelencia. Saíunos tan dialecticamente astuto, que só a el podía ocorrérselle lanzar un puñado de area á cara dos seus inimigos e así afervoou aos tres centos de seguidores que xa tiña daquela, con esta cominación: "Que a cara dos nosos inimigos se cubra de confusión!". O que non din os historiadores de Mahoma, pero cabe supoñelo, é que Mahoma e mailos seus se puxeron de cu para o vento, que é a forma de loitar no deserto. Ao ano seguinte xa contaba con dez mil afiliados, todos militantes activos, así que, con aqueles votos tras de si, xa puido volver á Meca en peregrinación triunfal, unha especie de "marcha verde". Derribou tódolos ídolos que rodeaban a Kaaba, e foi considerado, definitivamente, caudillo relixioso da arabía.
Pícaro e astuto, si, pero honorable tamén. Isto hai que subliñalo porque os cristiáns estamos educados, e tentados sempre, a tomar a Mahoma por un salteador de caravanas, ou por un predicador satánico, que de aí sacou Salman Rushdie o seu merchandising publicitario. Sentíndose nas últimas, en Medina, pediu que o levasen á mesquita, e alí recitou a oración pública, e preguntou aos presentes se había ofendido a alguén, e se debía algo. Unha vella reclamoulle tres dracmas, tres miserables dracmas; entón, Mahoma, todo un señor aínda que naquel transo, mandou que lle desen á vella os tres cobres, e díxolle, todo afectuoso e cordial, que lle agradecía que llo houbese recordado alí mesmo, na terra, e non no Ceo, onde di moi mal unha calderilleira.
Morreu en Medina o oito de xuño do noso ano 632; e eu, pola miña parte, conto con preguntarlle nun dos Ceos, aínda que supoño que el estará no sétimo, que é o das hurís, bañándose na mesopotamia celestial, que foi da vella en cuestión, pois supoño que andará de ama de chaves no purgatorio dos xudeus.
Agora permitídeme que lle deamos un repaso ao Corán, ou Al Qurán. ¡É unha marabilla de libro! Na súa complexidade atópase de todo, receitas para todo; incluso aleias que son auténtica poesía; e xa non digamos filosofía, que diso ten un montón. Analistas que o estudaron a fondo marabíllanse principalmente da preocupación de Mahoma, da súa obsesión, polo Xuízo Final. Un home con tales ideas é, polo menos, un afanoso da perfección humana. Tema distinto son as interpretacións erróneas que veñan facendo os seguidores que se aproveitan do seu Corán.
Mahoma recoñece en Cristo o feito dos seus milagres, e recoñece tamén que el niso non lle igualaba. Teño para mi que se Mahoma houbese recibido a súa ilustración relixiosa dun xeito máis ortodoxo, menos mesturado ou revolto, teríamos nel un segundo Saulo de Tarso; pero aínda así, o seu esforzo por achegarse á verdade é encomiable. Alguén pode dicir que foi un mentireiro porque inventou unha revelación transmitida, segundo afirmou, polo Arcanxo Gabriel. En canto a iso, no serei eu quen defenda que o fin xustifique os medios, en pura ortodoxia cristiá, pero no caso de Mahoma, nas súas circunstancias e nas do seu entorno, esa invención foi algo así como unha mentira piadosa, liberadora do caos, dos absurdos, daquela anarquía idolátrica e cavernícola, fetichista e sabeísta, do Oriente Medio.
Censuremos nos musulmáns que se quedasen instalados nun chanzo da escaleira, século tras século; pero exaltemos en Mahoma que os teña subido ata ese estadio, a esa altura, en só dez anos de construción ideolóxica.
¿Por que se estancaron na metade do Libro, quedándose no Antigo Testamento? Levo máis de medio século de Domunds e aínda teño por oír ou por ler que ningún apóstolo noso fixese exame de conciencia do que habería que definir para comprender iso, e despois axudarlles a saír dos seus erros en virtude do noso "Ide predica-lo Evanxeo..." Aquí debo facer unha mención expresa, unha exclusión, da Orde Franciscana, na que tivemos recentemente homes tan brillantes, nas misións do Magreb, como foron o P. Santiago (Uberuaga), ou o P. Pedro (Pais); ao primeiro expulsárano de Sidi Ifni por acatar ao seu bispo, ao de Canarias, Pildain, negándolle a comuñón á cuñada dun capitoste do Réxime franquista; en canto ao segundo, veuse para Lugo esgotado de esforzos e derreado pola súa enfermidade de Parkison. Tamén é digno de mención, na mesma época, monseñor Dorrego Aldegunde, natural do Corgo, que foi arcebispo de Tánxer, ben querido e apreciado dos musulmáns marroquís.
Cos musulmáns só vale o exemplo persoal do misioneiro, a sinxeleza seráfica dun franciscano; pero, lamentablemente, sempre estiveron rodeados e colonizados polos cides, que fomos á terra dos mouros buscando ouros, e portando espadas, copas e bastos. Converteríaos aquel que lograse meterlles na cabeza que Cristo foi xerado e non creado.
É certo que levan catorce séculos sentados, sentados que non pousados, nin pausados, nos chanzos da súa escaleira, ¡pero están tan cómodos así! Non esquezamos que o Corán ten unha ética pasota, sensual, machista, feita á medida dos desertos, ou sexa, sesteadora. Teñen no seu Código todo o que lles pide o corpo:
. Inmortalidade da alma, no senso de emigración ou de retorno ao paraíso perdido, que é algo que ilusiona todo ser humano, algo que levamos nos entreforros do corpo e da alma.
. Sentido da xustiza niveladora niso de que o Arcanxo Gabriel pesará as ánimas, o seu ánimus e mailo seu facio.
. Cargos no Ceo para os mellores, esplendidamente retribuídos, pois Mahoma, de parte do Arcanxo, deixou dito que: "Os máis favorecidos de Deus serán aqueles que contemplen a súa cara, a súa presenza, de noite e de día, felicidade meirande que tódolos praceres dos sentidos, como o océano comparado co orballo". ¡Ante isto non me digades que poda haber filosofía máis estimulante, nin máis poética!

Gómez Vilabella, Xosé M.