Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A de voltas que dá a terra! (6)

Gómez Vilabella, Xosé M. - viernes, 14 de agosto de 2026
Disciplina pendente

Mouros e cristiáns, coñecemento e convivencia. Asignatura pendente.

Artigo publicado a dobre páxina en El Progreso, "Táboa redonda", do día 27 de marzo de 1991.

Bismillah al rahman al rahim. No nome do Deus que dá misericordia, o misericordioso. A de voltas que dá a terra! (6) Empezarei dicindo, como credencial, que me doutorei en mourería no propio Magreb; máis concretamente nas nosas provincias 51 e 52, Ifni e Sáhara. ¡Levoume dez anos a carreira, e iso que a tomei con vocación activa, participativa, sedento de coñecer pois sen coñecer mal se pode comprender, e á viceversa! Debo engadir, e conste que estou falando máis en serio do que poda parecer, que me levou trinta anos ir cocendo o que alí aprendín, que por iso non rompín antes a escribir estas cousas sobre o Islam. Teño, iso si, o consolo de non fun mal estudante, en termos relativos, que ben sabedes que aquí na Península convivimos oito séculos con eses veciños e parentes, ¡que esa si que é carreira grande, de 781 anos!, e aínda así temos dos musulmáns a máis supina ignorancia.

Vindo ao presente, coido que serei das poucas persoas que non se escandalizaron de que a embaixadora do Tío Sam, aló en Bagdad, nin se decatase de que o astuto Saddam lle pedía permiso, a últimos de xullo, para abrir o odre de Pandora.

Un árabe e un americano só teñen de común a afección, ou a propiedade, dos cabalos dunha certa raza; no resto son dous polos opostos, antípodas no pensar e no facer; por conseguinte, ¡guerras!, frías ou quentes, pero guerras, pois esta que terminou agora, como ben dixo Saddam, é a nai delas, e xa veredes como niso, ao meu pesar, vou ser profeta. O único que chegou a entende-la arabía a fondo foi aquel sobriño do Tío Sam, Lawrence de Arabia; algo así coma a excepción que confirma unha regra. e para iso non lle fixeron caso, daquela, montando unhas fronteiras tan artificiais e tan supostamente astutas que non rebentaron de milagre, cincuenta veces, nos últimos cincuenta anos.

Para entender a un musulmán, -e nunca digades mouros xa que é unha denominación pexorativa, unha referencia á coloración epidérmica, racista, e todo iso, que lles dá cen patadas no traseiro-, sempre hai que empezar por aprenderse o Corán. E por suposto, ter presente que iso do "Islam" só quere dicir entrega á vontade de Deus. Tampouco está ben chamarlles árabes pois sería como chamarlles galegos a tódolos hispanos de Bos Aires. Cultura árabe, si; ¡a feito, e máis profunda do que cremos, ou do que recoñecemos!

Por aqueles tempos, principios do VII, o gran Muhammad, o meu admirado Mohamed, a quen chamamos familiarmente Mahoma, viunas vir, que niso si que foi profeta. ¡Viunas a través dos tempos futuros, cousa que só saben conxugar os grandes políticos! Dixen "político", e iso sosteño. ¿Que é un político? ¡Sabémolo todos! Un malabarista que trenza actividades e convivencias, case sempre con ideas alleas; un director de orquestra que pon música ás letras populares, ás alleas; así que tales artistas fannos bailar ao son que lles peta. ¡Pois iso foi Mahoma, e só iso! Un gran político que copiou o programa electoral do pobo hebreo, pero a través do Nestorianismo; un político que non se equivocou en nada porque nada escribiu, que ata lle gravaron a súa voz profética nos pergamiños das cabras arábigas; e agora que ninguén diga que se equivocou nunha til, pois os acentos do profeta foron todos, absolutamente todos, orais. Un político que inventou a guerra santa e mailo ceo das hurís para leva-los quintos a esa guerra, sen pagarlles soldada nin darlles cruces. Un astrólogo infalible que colleu media lúa polos cornos e plantouna na terra. Os americanos, en cambio, para vela de cerca tiveron que perfeccionar aqueles foguetes de Von Braun. Como vedes, ou mellor dito, como sabedes, Maquíavolo xunto a Mahoma foi un simple ladrón de bicicletas; mirade se era listo, que ata deu un braguetazo millonario casándose cunha viúva rica, ¡a petición dela!

Neste punto hai que facer unha matización importantísima de algo tan sabido como habitualmente omitido: Dexenerada Roma coas drogas daqueles tempos, que cada época ten a súa drogadicción, -vicios do corpo e do espírito, pero sobre todo pola vagancia na que entran ciclicamente as familias máis prósperas e cultas-, os saberes greco-latinos amontoáronse naquel faiado eurásico que foi o Imperio Romano de Oriente, en definitiva, Bizancio. Así que daquela, no primeiro século da súa imparable expansión, e da súa sedenta osmose, os árabes copiaron deles, todo e de todo, menos iso de coller turcas, e de fabricar camas turcas, pois seguiron coas alfombras persas.

A desgraza dos arábigos para competir no mundo actual son dúas: que son filósofos, e que se ben son capaces de sacar petróleo das areas do deserto, en cuestión de motores non pasaron do desaparafusador; porén, son uns fanáticos do acelerador. Un musulmán, por encima de todo, pensa. Rodin, se os coñecese a fondo, houbese posto un turbante na cabeza do seu pensador. Ninguén lles avantaxa en pensar, en reflexionar; pero, iso si, matinan para dentro, re-flexionan; por tanto, apenas teñen mecánica propia, e vólvense tolos comprando material e pagando mecánicos mercenarios, que en definitiva non lles funcionan con lealdade. O seu é a gumía, o alfanxe; en definitiva, o coitelo curvo. E tamén corre-la pólvora, pero no alto dos cabalos ou dos camelos; ¡nada de mando informático a distancia!

O musulmán está máis cerca de Deus do que esteamos nós; ¡por iso das curvas! Non sei se acaso algo na cristalografía, pero no demais Deus fixo unha natureza curva, de liñas curvas; o que pasa é que a civilización occidental é cousa do diaño en gran parte, e por iso inventamos a recta rilando nos dentes, coma Lucifer. Un musulmán non ten espadas rectas, nin di unha cousa en estilo, en sentido, directo, senón con metáforas, con circunloquios, con perífrases. Moito levo matinado nas estrañas coincidencias que se dan entre galegos e árabes; pero desoriéntame que sexamos máis rubios, aínda que tamén teño visto árabes roibos, pese a que lles chamen mouros a todos, sen excepción. Se cadra por aló, nas chairas de Babel, separáronse dous primos, o pai da Agar e mais o pai dos suevos. Os agarenos mourearon co sol milenario do deserto; e por contra, o suevo volveuse suave coas humidades e cos verdes norteños, por aló, nas ribeiras do Rhin.

Quero volver á biografía de Mahoma, pero antes direivos que nada repugna tanto a un musulmán, ¡pero que nada!, como a soberbia e a fatuidade dos cristiáns. Soberbia, en crernos salvos de antemán, gratuitamente, presupoñendo a condena dos musulmáns como ignorantes do verdadeiro Deus; soberbia, de terratenentes porque nós témo-los prados e mailos fondais, mentres que a eles tocoulles o deserto, o pedregal. Fatuidade, por ignorancia de canto lles debe o mundo occidental, pois sen eles, particularmente España, estaría asubiando aos ventos dos cerros de Úbeda.

Coido que merece un minuto do noso tempo lembrar que, nas mesmas alforxas de Tarik e de Mussa, recibimos, entre outros subministres e/ou participacións:

. A tolerancia, a convivencia relixiosa; aí temos os templos e maila súa pervivencia, os ritos mozárabes.

. A cultura greco-latina, trasladada, resucitada, no Ándalus.

. A filosofía aristotélica.

. Estudos de medicina, que aínda hoxe producen xuros.

. Coñecementos xeográficos, que lles viñeron moi ben aos portugueses, e moi concretamente ao noso Colón.

. Matemáticas, das que tiramos os termos e mailos conceptos da álxebra, algarismos, trigonometría, etcétera.

. Astronomía e alquimia, a cachón.

. En arquitectura toda unha síntese das fermosas concepcións coptas, persas, hindús, bizantinas...; e tamén un etcétera.

. Na literatura, esa gama de exquisitez e de sensibilidade que chegou ata Antonio Gala, por citar, para min, un significativo expoñente da mesma.

. Transmitíronos o coñecemento da pólvora, do papel, do compás, do astrolabio, dos números, dos muíños de vento, dos cultivos hortícolas...; con outro etcétera.

. En canto á agricultura, non esquezamos o seu cultivo do algodón e do arroz; as acequias e demais sistemas de regadío.

En definitiva, que non sei por que os aborrecemos tanto, historicamente; e tamén por que non conseguimos fusionarnos con eles en España, ou, en todo caso, convertelos naqueles oito séculos de fronteiras, ¡pero, para iso, había que darlles bo exemplo, mellorando o presente como se adoita dicir! Nun principio, os godos sureños ben que se lles entregaron, que se mesturaron, pero o Norte sempre se deu de puritano e de racista.

Que despois daquel esplendor inicial, na súa caída ou parálise, en parámetros socio-económicos, dos últimos séculos, comparativamente co despegue da cultura occidental, teñan ou tivesen que aceptar ser a carne de canón dos xenerais europeos, non presupón nin define indignidade racial ou cultural, senón unha simple crise histórica. Precisamente foi Mahoma quen sacou doutra crise, rabiosamente anárquica, ás tribos árabes, daquela, a comezos do VII, segundo queda dito.

Mahoma, que tampouco puido ser profeta na súa Meca, fuxiu cara adiante, logrando vitorias das súas derrotas, triunfando das burlas das súas doutrinas, que así comezou a héxira cara a Yatrib, concretamente á posta do sol do xoves 15 de xullo do ano 622. Hábil político, e non un Saddam calquera, decidiuse a reconquistar os votos pola forza das verbas.

Lembremos que daquela xa levaba once anos de campaña electoral, financiado cos cartos de Jadisha, e non era cousa de recuar por moito que lle ladrasen os cans da súa Meca.
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES