
Espertemos coa Alborada de Veiga, que é un bó espertar, e con iso, deixemos a terra, ¡a nosa!, xirar.
Alborada
I
Arriba que a aurora
comeza a pintar,
a luz que namora
na terra e no mar.
Deixade os leitiños,
meniñas deixá,
que os vosos olliños
dan máis craridá
II
Como ese sol que alumea
tan galán e espallador,
vinde vós soles da aldea,
a avivar o noso amor.
Que se con lumes e frores
sabe a aurora rebuldar;
vosos cándidos amores
saben mellor feitizar.
III
Vinde fillas da alborada,
vinde a ver nacer o sol,
vosos beizos de granada
darán celos ó arrebol.
E ó remanso dos airiños
da fontiña ó gurgullar,
bailaremos en remuiños
de dozoso suspirar.
IV
Alá vén xa, raparigas,
meu amor, miña ilusión.
cochando entre brancos prigos
seu ferido corazón.
N 'ai aurora como ela,
nin máis fresco caravel.
Miña rula, miña estrela,
morrerei por serche fiel!
V
Non ves miña prenda
aquel sol no ourente?
Seu lume crecente
é neve pra min.
Ven ti ós meus brazos
o mundo olvidemos!
E amantes seremos
da vida astra o fin.
Francico Mª de la Iglesia
Coruña 1879
-.-
¡Quen nolo ía dicir, aquel día en Safí, voltos á vida en parte grazas aos franciscanos, despois daquel atentado salvaxe, no que rescatei á miña dona de debaixo dunha roda do coche, sangrando por oito ou dez feridas, e o neno na cuneta, ¡ileso!, que, anos despois, sería unha magrebí, precisamente unha magrebí, a que nos coidase na nosa vellez!
O coche que nos salvou, aínda con matrícula do Marrocos francés.
¡Aguantou a embestida salvaxe, criminal, daquel camión do Istiqlal, mesmo á entrada de Safí, con 3 (¡tres!) voltas de campá! Aquilo si que foi darlle a volta ao mundo, volver á vida!
A de voltas que damos, a de voltas que dá a terra!
-.-
A de voltas que dá a terra, o mundo!, é un adaxio dos anos da miña infancia, nos que se aludía á de voltas que dera a vida en España, ¡cambios non, piruetas!, grazas ao (maldito) Alzamento!
-.-
Outro Alzamento foi aquel do Istiqlal, que ben puideron obter a Independencia do seu Magreb por vía diplomática, sen atentados contra aquela España tan pródiga, que tanto prodigou no seu Marrocos, precisamente cando a súa desnutrida Protectora aínda tiña en vigor as cartillas do racionamento.
-.- Gómez Vilabella, Xosé M.