Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - viernes, 03 de julio de 2026
O caso das páxinas traspapeladas

Xa non é a primeira vez que me pasa: atoparme con erros de vulto nos libros que estou lendo. E non me refiro ás faltas de ortografía, que asoman en practicamente todos, senón a eses erros graves de composición e, sobre todo, de impresión.
Pingas de Orballo Cando estaba a ler a novela "La hija", de Sergio del Molino, publicada por Alfaguara (digo o nome porque me parece unha editorial seria e de prestixio, pero tamén para darlle unha pequena quenta de orellas), ó chegar á páxina 287 vin que remataba un capítulo. Polo tanto, na seguinte, por forza e por lei, debería comezar outro. Mais o que aparecía era unha frase que viña dunha parte anterior. Baixei a mirada ó número da páxina e, zas!, 337. É dicir, da 287 saltaba directamente á 337. Ou sexa, cincuenta páxinas a tomar por aquel sitio.
O libro fora un agasallo dunha amiga polo meu aniversario. Ó ser un presente, pedinlle ademais que mo dedicase. Así que, claro, para que mo cambiasen, a cousa poñíase complicada. Ademais, por suposto, non quería desprenderme del pola dedicatoria e, por que non dicilo, tampouco polo propio erro. Vai ti saber: ó mellor, co paso do tempo, a equivocación acaba revalorizándose. Non obstante, advertín á libraría por se tiñan máis exemplares afectados polo mesmo problema.
Como tampouco era cuestión de deixar de ler esas cincuenta páxinas, preguntei na biblioteca e, ó comprobar que tiñan un exemplar, soliciteino en reserva. Así é que aparquei a súa lectura e comecei un libro novo.
Pasados dous días, deume por botarlle unha nova ollada a "La hija". Pasei páxinas, pasei páxinas e, zas!, ó pasar a 383 apareceu a 288. A explicación era ben sinxela: durante o proceso de impresión e encadernación mesturáronse os cadernos -ou fascículos, que creo que é como se chaman- e quedaron colocados fóra de orde. O misterio estaba resolto.

Masterchef baixo aviso laranxa

Festivo. Trinta e cinco graos. Completamente esgotado. Toda a tarde na cociña... cociñando. A hora e o clima perfectos para iso. E a cociña situada cara ó oeste, cara ó sol da tarde. Non hai toldo que valla: o sol bate de cheo sobre a pequena despensa e sobre a propia cociña. E aí está o heroe da calor, facéndolle fronte ás adversidades: ás climatolóxicas e ás culinarias.
As culinarias. Dentro dun tempo xa poderei participar no MasterChef ese. Estou feito un especialista en remexer guisos, potaxes, líquidos e todo aquilo no que se poida meter unha culler de pau. Que, para máis carallos, onte mesmo agasalláronme con outra, que seica mercaron na feira medieval celebrada estes días á beira da ponte romana con motivo das festas ourensás.
O agasallo enténdese ben: para que siga traballando. Dálle, dálle á culler, que se pegan as especias. Hai que amolarse! Teño unha familia encantadora: en vez de agasallarme cunha viaxe ó Caribe -aínda que me conformaría con ir a Lira ou a calquera outro punto de Galicia-, regálanme unha culleriña de pau para que siga remexendo.
Para que remexa incluso os domingos, os festivos e as festas de gardar. Baixo unha temperatura de trinta e pico graos. Atendendo dúas ou tres potas ó mesmo tempo, ou potas e tixolas, para deixar preparado o xantar de mañá e a cea de hoxe.
Aínda así, entre remexedura e remexedura, leo algunha que outra páxina do libro, que sempre me distrae algo. Pero despois de toda unha tarde de pé, baixo trinta e cinco graos, indo de pota en pota e de tixola en tixola, acabo esgotado. Maldita gastronomía!
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES