Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Carta ao Pobo de Deus que camiña no arciprestado de Terra Chá

García Cadiñanos, Fernando - viernes, 03 de julio de 2026
Carta ao Pobo de Deus que camia no arciprestado de Terra Ch
Mensaxe do bispo de Mondoñedo-Ferrol con motivo do remate da visita pastoral ao arciprestado de Terra Chá

Dou grazas a Deus por este tempo de graza que Deus me permitiu vivir entre vós ao longo de todo este curso pastoral 2025-2026. A visita pastoral foi para min un acontecemento de graza que impulsa a miña misión. Ao longo destes nove meses, en diferentes momentos e con distintas intensidades, fíxenme presente nos vosos templos, asociacións, institucións, fogares, residencias, festas, realidades sociais, proxectos, preocupacións... Ao mirar atrás, véñenme á memoria tantos lugares, xornadas, reunións, celebracións e instantes repletos de alegría, de vida e de esperanza. Foron moitos os quilómetros percorridos, as parroquias visitadas, as historias relatadas, as preocupacións expostas, os proxectos feitos vida, as celebracións e oracións compartidas.

Dou grazas ao Señor por todos e cada un de vós. Puiden experimentar a alegría de ser Igrexa, o gozo que dá pertencer a ela e o orgullo de tanta vida que se palpa a través de vós. Xunto ao bispo, cos vosos sacerdotes e desde a sinxeleza que vos caracteriza, fixemos de cada encontro da visita pastoral unha verdadeira experiencia eclesial: vivir a alegría da unidade, sabendo que Deus camiña connosco no medio das nosas dúbidas, problemas e dificultades. Teño a certeza de que sempre saímos destes encontros, profundamente eclesiais, máis gozosos, máis renovados, máis esperanzados e máis reforzados na nosa fe, esperanza e caridade.

Ao longo destes meses alegroume profundamente a resposta xenerosa que destes á miña presenza entre vós: sen dúbida foi sempre un motivo de festa e de encontro, tanto para vós como para min. Iso manifesta a profunda fe enraizada na cultura do noso pobo onde, dun xeito sinxelo, reunirse ao redor do pastor segue sendo algo verdadeiramente importante. Igualmente, puiden comprobar o arraigamento que teñen na vosa vivencia de fe as romarías, as festas e o culto aos nosos defuntos. O acompañamento ás familias, o coidado dos cemiterios e as celebracións de defuntos botan raíces profundas, converténdose na vosa pascua semanal e nun testemuño explícito da fe en Cristo Resucitado.

Comprobei tamén o enorme traballo e a entrega dos vosos sacerdotes, que agradezo de corazón, vivindo a súa vocación no medio da fraxilidade e a debilidade. Eles esfórzanse día a día por seguir alimentando e acompañando a fe das vosas comunidades. Xunto a eles, o compromiso da vida consagrada nas súas dúas presenzas arciprestais, axuda tamén a manter vivas as nosas parroquias. Pero todo este esforzo sería infrutuoso sen a forza, o alento e a entrega de moitos laicos e laicas que, nas diferentes parroquias e desde diversos servizos, seguen coidando a comunidade e a misión, que é tarefa de todos. Penso en tantas persoas que velan, coidan e melloran tanto os templos como os cemiterios; nos campaneiros e sancristáns que custodian os espazos; nos coros e as persoas que na liturxia fan posibles as celebracións; nos catequistas que acompañan aos máis pequenos; nas persoas de Cáritas que velan polos nosos pobres... A todos vós, MOITAS GRAZAS E MOITO ÁNIMO. Oxalá a visita pastoral puidese contribuír a renovar e incrementar o número destas persoas e destes equipos.

Polo que respecta á vivencia da fe manifestástesme dúas grandes preocupacións. Por unha banda, as dificultades para transmitir a fe a nenos e mozos, e o feito de que moitas familias se afastan, na práctica, da vivencia ordinaria e comunitaria da fe. Por outra, inquiétavos que moitos templos xa non teñan culto habitual semanal por falta de sacerdotes ou celebrantes da Palabra e, sobre todo, por non contar cunha comunidade estable que se reúna para celebrar o gozo e a forza do domingo.

Pero as vosas preocupacións son tamén sociais. Contástesme que a vosa comarca vive situacións complicadas de envellecemento e despoboamento; que a economía non ten suficientemente en conta o mundo rural, polo que o futuro se albisca con pesimismo. Tamén me presentastes a realidade das migracións como unha nova fotografía das nosas parroquias, que son agora máis interculturais e, por tanto, católicas. E comprobei agradecido a importancia e vitalidade que as vosas asociacións veciñais e doutras formas teñen para reforzar os vínculos e coidado das relacións.

Nesta situación, creo que a visita pastoral contribuíu a iniciar e consolidar procesos que debemos asentar. Sinalo algúns deles: a constitución dos consellos pastorais (tanto parroquiais/unidades pastorais como arciprestais) como instrumentos que nos axudan nun quefacer compartido; o traballo arciprestal como a única forma de afrontar retos comúns e complexos na pastoral; as iniciativas e encontros por unidades pastorais que nos sacan do noso parroquialismo e axudan a servir mellor; o diálogo co territorio e as súas institucións, onde a Igrexa ten que florecer, dialogar e acompañar; o protagonismo dos laicos, a través dos ministerios laicais, nesta nova hora evanxelizadora; o coidado das celebracións para que sexan participativas e vivas...

Desde o meu punto de vista, no voso arciprestado visibilízanse os diferentes ritmos da nosa Igrexa e dos propios cristiáns. En certo xeito, un tipo de Igrexa estase a acabar para dar a luz outra forma de estar e crecer a Igrexa que non sabemos aínda como será. Por iso, xorden resistencias, miradas ao pasado, dificultades para afrontar o futuro, ensaios que non terminan de callar. A presenza que a Igrexa tivo no pasado como institución en todas as parroquias, asegurando tantas estruturas, hoxe xa non se pode manter. A centralidade que os sacerdotes tiveron configurando toda a vida eclesial hoxe é imposible, inviable e inadecuada. A vivencia da fe centrada unicamente no culto, sobre todo o dos defuntos, hoxe xa non termina de encher o corazón do crente, nin completa toda a experiencia cristiá.

Urxe, por tanto, repensar a nosa forma de ser Igrexa, de ser cristiáns, de ser sacerdotes. Estamos nunha nova época. Entre todos temos que procrear e reler o proxecto de Xesús para nós: sacerdotes que sexan máis acompañantes que xestores ou puros celebrantes; laicos que asuman a corresponsabilidade saíndo das súas zonas de confort; parroquias que superen os seus "marcos" para abrirse en comunidades máis grandes e que lles permitan ser significativas e atraentes; comunidades que non só celebren sacramentos, senón que ofrezan formación e vivan organizadamente a caridade desde Cáritas e outras formas de vivir a dimensión social da fe; familias que se tomen en serio a transmisión da fe; comunidades que descubran a necesidade vital de celebrar con gozo o domingo...

O centro da nosa Igrexa e das nosas parroquias non é o sacerdote: sempre é Xesús. El é quen nos convoca, invítanos cada día, ensínanos e aliméntanos. Sigamos acudindo a El, que "ten palabras de vida eterna", que "veu para darnos vida e vida en abundancia". Este quixo ser o núcleo da miña mensaxe durante a visita pastoral. Por iso renovamos en cada celebración as promesas bautismais, para poñer no centro a Cristo. E, como tarefa, pedinvos que nunca falte na vosa xornada a oración do noso pai, que sempre nos axuda a "alzar a mirada".

Grazas a todos vós. Temos moito camiño por andar. Non nos desanimemos. Fagámolo xuntos. Conto convosco. Tamén vós podedes contar comigo.

O voso irmán e amigo,
Carta ao Pobo de Deus que camiña no arciprestado de Terra Chá
+ Fernando, bispo de Mondñedo-Ferrol
García Cadiñanos, Fernando
García Cadiñanos, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES