Festexando comunidade entre gaivotas e humanos
Cabada Castro, Manuel - lunes, 06 de julio de 2026
Como preludio para lectores non familiarizados coas miñas previas achegas sobre as gaivotas remito a anteriores comentarios sobre as mesmas, como os seguintes: Teño unha gaivota amiguiña en "Faro de Vigo", 25 de abril de 2021; "Tabeirós Montes", 26 de abril de 2021; "Galicia Digital" ("Opinión", 27 de abril de 2021) ou posteriormente A fraga das gaivotas en "Galicia Digital" ("Opinión", 3 de xullo de 2024.
Detívenme nos sinalados comentarios no seu coidadoso nacer, vivir e convivir, no amoroso e vixiante coidado das súas pardas crías dende o seu primeiro aparecer no mundo, aludindo a que os humanos non somos tan diferentes delas tal e como algúns poderían elucubrar. Habería, pois, entre elas e nós un misterioso aire de familia. Comentaba así mesmo neles, e de xeito resumido, o seguinte: Converso con estas albas e anxélicas criaturas e respondo en noites estrelecidas ós seus comprensíbeis berros ou clamores cando me achego algo máis ao preciso lugar onde sixilosamente está a medrar a nova aprendiz de gaivota. Baixará entón a gaivota coidadora en lixeiro e medido voo dende media altura cara á miña presenza, randeándose moi preto de min nun xogo aéreo seguramente aprendido ou herdado de innumerábeis xeracións precedentes. Percibo alá no fondo que a gaivota baixa ou se rebaixa onda min cun non sei que de misteriosa, mutua e cómplice simpatía etc...
Os comportamentos das mencionadas aves afondan para min de xeito sorprendente (aínda que entren xa dentro da "lóxica" do esperado) nun modo de comportamento animal-humano digno de atención. O que seguidamente vou comentar responde, pois, concretamente a un comportamento "unitario" -é un modo de falar- entre elas e min (nós). De momento responde ao que teño observado, vivido e fondamente sentido nestes dous últimos días de observación. Trataríase dun comportamento unitario, "coral" (esta sería a expresión máis xusta) que totalmente me sorprendeu, por moito que en principio semellaría "loxicamente" deducible. Velaquí van, pois, os feitos, tendo en conta que en días anteriores (por circunstancias que non veñen a conto neste intre detallar) non me fora posible exercer de "bo pastor" dándolles esmolas de anacos de pan para se alimentaren ou auga fresca para beberen. Accedín, pois, tras estes días á azotea é achegueime a unha das beiras da mesma que dá a outras azoteas limítrofes de edificios máis ou menos próximos. Veume entón de súpeto a idea de afincarme e agarrarme con ámbalas dúas mans ao beiral de ferro da azotea e empecei a brincar e saltar cara arriba sen interrupción dende o mesmo bordo durante un certo tempo.
Que pasou? Non fora quen de sospeitalo ata que o vin diante dos meus propios ollos sen podelo previamente imaxinar: un mundo de gaivotas (serían dez, vinte, cincuenta ou máis?) apareceu subitamente "cantando" e "danzando" no alto, formando un inmenso círculo arriba e arredor de min... Seguramente eu era para elas, dentro dos seus propios esquemas, algo así como unha cría adulta que intentaba voar cara arriba, mais estrañamente quizais tamén para elas, non fora capaz de facelo...
Non lle podo atopar outra explicación, pois nada máis eu deixar de facer o que estaba a facer, volveron xa pouco a pouco aos seus acostumados mesteres, deixándome sumido en admiración e misterio ante o que acaba de ocorrer directamente, diante dos meus propios ollos humanos entenrecidos.
Non teño dúbida. Estamos aínda lonxe de achegarnos ó fondo misterioso das realidades que están e se moven á nosa beira, no noso entorno. Trátase nada máis e nada menos de acceder ou non ao misterio dunha realidade atravesada desde sempre e en diversos contextos particulares pola infinitude absoluta da súa procedencia.

Cabada Castro, Manuel
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora