Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Malos costumes

Sampedro, Pilar - jueves, 13 de agosto de 2026
Pasoume dúas veces. Nun caso, chamáronme dun centro educativo que facían unha xornada de encontro coas familias e tiñan interese en que lles falase de fomento da lectura. Ben, déronme unha pautas e unha data. Pasou o tempo... e un bo día, xa próximo o evento, chamei para confirmar horario e lugar ao non recibir ningunha outra comunicación; pois non, seica en algún momento quedaron en eliminar esta actividade, e non avisaron. Malos costumes É dicir, o compromiso dunha parte non tiña nada que ver co da outra.

Pasoume de novo, neste caso coa presentación dun libro nunha Feira. Nome do autor e libro, data e hora. Nunca máis se soubo. Pois ben, a semana anterior chamei para ver a que hora debía estar alí para consensuar co autor o desenvolvemento da actividade... atopeime con que el cambiara o nome da presentadora sen avisar. A verdade é que en ambos casos non había ningún tipo de compensación económica, nin sequera para desprazamento, polo tanto, tratábase do voluntariado que nos trae gastos (e nunca beneficios, pois pertenzo a ese grupo no que xamais se pensa que deba recibir reparación de ningún tipo, gratificación ou resarcimento). A verdade é que non me importa demasiado porque esa é a miña contribución actual ao ámbito do común e público, pero comprenderedes que me molesta que non se me trate igual que aos demais e xa non digamos que non sexa co respecto debido...

Calquera intervención leva consigo unha formación ao longo do tempo e unha preparación da actividade nos días anteriores, ademais do que implica dedicarlle o tempo da intervención, o desprazamento e o que sexa. Non se trata de pensar que os músicos da Filarmonía só traballan o tempo do concerto senón ter en conta a súa formación no pasado e presente, así como os ensaios dos días anteriores, digo eu, non?

A case ninguén (agás que o teñas na familia ou no grupo de amizades máis próximas) se lle ocorre pedirlle a un fontaneiro que che veña amañar unha billa sen pagarlle, pero o traballo intelectual seica xoga noutra liga. Dise que a quen o fai lle gusta, que incluso se lle fai un favor permitíndolle falar diso, incluso se xustifica que a xente de teatro o faría sen público (e ti llo pos... case terían que pagarche, non?) pero non hai escusa máis alá da desvalorización do traballo intelectual. Detrás está a maneira de pensar dos empresarios (da construción, por exemplo, como modelo extremo) que consideran que iso son "babecadas" e que o fan "babecos". E a mellor maneira de demostrar esta desvalorización son os dous exemplos aos que me teño referido ao principio do artigo.

Levo toda a vida asistindo dunha ou outra maneira a estas experiencias, dun lado e doutro da balanza e vendo claramente os diferentes tratos. Hai xente que está aí para ser chamada cando non hai orzamento. Hai outros aos que se lles solicita a colaboración sempre que se lles pode pagar (igual son mellores amigos ou xa se sabe que non se pode contar con eles se non se lles paga). Dentro deste campo podo falar longo e tendido porque son moitos anos de observación, de subterfuxios e malas artes, de actitudes e valores a favor ou en contra da cultura e a ciencia.

O caso máis impresionante que vivín foi nunha ocasión na que se me solicitou axuda, a min e a una par de mozos que non tiñan un traballo nin fixo nin remunerado debidamente naquel momento. Eu, si, era funcionaria. Aínda que certamente todos nós (os tres) nos tiñamos que desprazar dende lugares diferentes polo tanto nin sequera poderiamos aproveitar o uso do coche. Fomos ao centro de ensino, falamos do que tiñamos que falar, ninguén nos comentou nada acerca dos gastos pero iso si, fixéronnos un pequeno agasallo que era da tenda da profesora que nos chamou, o que quere dicir que nós puxemos cartos pero ela sacou algo de proveito porque podedes estar seguros de que non fixo doazón (nin desconto) ao centro de ensino (cousa que fixemos nós).

Malos costumes, malas maneiras, mal trato sen dúbida.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES