Vivo nun país onde os semáforos cantan para que os cegos atravesen só cando sexa seguro, para que os despistados caian na conta de cando deben pasar, para que a rapazada faga os "colecamiños" con máis seguranza.
Vivo nun país no que moitos espectáculos, congresos, conferencias... se ditan tamén na lingua de sinais. Resulta incómodo ás veces, semella innecesario outras veces, pero isto fala dun territorio inclusivo.
Vivo nun país no que hai aparcamentos marcados para persoas con diversidade motora.

Dá rabia cando ves que están libres, todos os demais ocupados e non podes aparcar, pero asumimos que ese dereito é un ben a defender.
Vivo nun país no que os avances a nivel de políticas sociais e valores foron tantos que tivemos matrimonio entre iguais antes que outros países do arredor. Progresamos ata o punto de que unha estranxeira denunciou ao seu home por violencia de xénero, estando de vacacións en Mallorca, porque non seu país non ía ter tanta seguridade.
Aínda así, nunca é suficiente. Aínda así, debemos exercer o control para que indios e vaqueiros non fagan das súas. As películas do Oeste e as de debuxos animados téñennos ensinado moito.
Vivo nun país no que o goberno se enfrontou ao do país máis cruel para dicirlle que non aprobaba o que estaba a facer. Ameazaron e insultaron pero seguimos nas nosas. Ser vítima non dá dereito a converterse en vitimario, iso ensinóunolo a lexislación e a vida; nin vinganza nin ansias de poder, nin xenocidio nin "resort".
Aínda máis. Vivo nun país no que o goberno se enfrontou ao do país máis poderoso do mundo e lle dixo á cara que o seu presidente non tiña razón cando secuestraba ao presidente doutro país, cando bombardeaba outro, cando ameazou con acabar cunha civilización... E aquí seguimos, cada día nos apoia algún outro país, pero nós fomos pioneiros. Tamén é certo que ás veces os inimigos medran na casa e hai quen vende a patria actuando como vasallos dos poderosos. A bandeira non é para levar nas pulseiras nin para xurala, a bandeira ondea mostrando a dignidade dos países que non se venden; o contrario é traizón.
Vivo nun país no que se lle recoñeceu personalidade xurídica a un mar para que puidese defenderse. Foi a primeira vez que se lle outorgaron estes dereitos a un ente natural en Europa. Imos por diante pero tamén é certo que igual chegamos tarde porque o ecosistema do Mar Menor xa estaba demasiado destruído. Cidadán a cidadá recollemos 639.826 sinaturas para presentar no Parlamento posibilitando a lei. Somos un exemplo para o mundo!
Vivo nun país tan especial que un dos seus xuíces conseguiu un arresto domiciliario para o ditador Pinochet de viaxe en Londres. Era outubro de 1996, Garzón apoiouse no principio de Xurisdición Universal, marcando un fito no tratamento penal de xenocidas e autores de crimes contra a humanidade.
Vivo nun país no que houbo un presidente valente que despois de retirar as tropas da guerra de Irak promoveu a Alianza de Civilizaciones. Si, certo, isto valeulle para que agora sexa investigado ata límites impensables e seguramente non saia ileso.
Non é un país perfecto, sabémolo, pero de vez en cando fainos sentir orgullo de pertencer a este grupo humano que non apoia a guerra, non lle dá a razón aos tolos, coida dos máis débiles e avanza en dereitos. Esperamos que cada un deles traia consigo os deberes precisos e que nin a demagoxia nin a perversión nin a indiferenza acaben co conseguido.