Porque os tolos do mundo fan tolerías e poden destruír as organizacións internacionais, queimar os acordos, acabar co futuro.
Moléstanos ver como aumenta a droga (como se documenta isto nas augas residuais e no que vemos día a día) pero tamén como hai xente que a todas luces se enriquece de forma desmedida sen que se vexa de onde veñen os seus ingresos mentres observamos que o número de drogadictos aumenta... Que imos facer con toda esa xente que desgracian uns poucos para enriquecerse?
Primeiro, cal é a ensinanza? Que van pensar os máis novos de como ven facerse ricos uns e perderse outros, sen que interveñan as autoridades? O outro día alguén me contaba que viran ir a policía a unha casa na que saben que se "trapichea", puxéronse

contentos pensando que ían facer algo pero o que viron foi como lle pasaban a man polo lombo ao personaxe ó despedirse, igual que as imaxes mostran como case lles piden desculpas aos fascistas cando se manifestan violentamente. "Xa sabes..."
Hai aldeas que están caendo nas mans dunha familia de narcotraficantes.
Moléstanos o politicamente correcto por un dos lados, unicamente. Neste momento hai forzas que xa poden berrar o que queiran, como queiran e onde queiran. A desvergonza de dicir que se vai facer un "resort" en Gaza, de secuestrar ao presidente doutro país, de bombardear os barcos doutro, de impedir que chegue a axuda humanitaria a onde se precisa... facer e dicir sen os límites do honor e a dignidade.
Moléstanos que por outra banda non se podan dicir verdades como que hai que poñer control para que ninguén se aproveite do de todos, sexan indios ou vaqueiros. Hai que asumir polbo como animal de compañía e aplaudir a asunción de competencias por parte dos gobernos autonómicos cando sabemos que igual coidaban máis do territorio estando esa responsabilidade no goberno do estado. Non é así co Mar Menor en Murcia, acaso? Non é o goberno autonómico o que non colabora coa mellora dese ben natural, actuando como se non fose deles? Uns porque as asumen e poderán facer o que queiran e outros porque pensan que un día lles vai tocar, é iso?
O que desexamos é que queiran o país de cadaquén, que poñan o ben común por riba dos intereses económicos das multinacionais ou do partido. Cando chegan ao poder, os partidos deberían gobernar tendo en conta a todos, gobernar para a maioría, para o común. Da mesma maneira que votemos o que votemos cada un de nós, unha vez que alguén asume o goberno vai ser o noso presidente, o de todos. Non vale dicir "eu a ese non o votei", non é así, se é o presidente vai ser o de todos e vainos gobernar. E debemos deixar que o faga, aínda que nos manifestemos cando non estamos de acordo coas súas políticas, pero sen faltarlle ao respecto porque segue a ser o presidente do país.
Estamos molestos e temos medo, porque na cabeza do mundo hai uns tolos que nos poden meter na peor das guerras.
Temos medo porque semella que non hai forzas internacionais que podan recompoñer o planeta.
Temos medo polo que fan os nosos veciños, polo que van aprendendo os máis novos, polo que van votar.
A verdade é que o que quixeramos é poder crer en que uns e outros van coidar de todos nós, pero dubidamos. Por favor, por favor, necesitamos que nos mostren algo de boa fe, algo que nos devolva a confianza.