Hai títulos que salvan, por exemplo os da última Bienal de Arte de Pontevedra: "Volver a ser humanos" e o subtítulo que o complemente "Ante a dor dos demais".
Había tempo que non nos viamos tan próximas ás guerras. A última crise, a covid... A globalización colocáranos nunca situación na que a dor (aínda cando non era propia) resultaba difícil non vela.
Meses despois, seguimos escoitando o berro a moito máis volume. O noso mundo derrúbase, forzas recoñecibles atacan o tecido democrático desmontando as organización internacionais que crearamos para coidar de nós e do planeta fronte á tolería que sempre podía aparecer.

Xurdiu cen anos despois daquel fascismo dos campos de concentración, as torturas, as mortes... Veu, nacendo en diferentes lugares, chegando ao poder nas eleccións igual que pasara en Alemaña no século pasado. A Historia repítese e os humanos non estamos preparados para non permitilo a pesar do que está documentado e estamos fartas de saber.
Basta cun personaxe que non queira pasar polo xulgado, para que se empeñe en reivindicarse asasinando inimigos (que se non os hai, créanse). Matar sen lei, sen ter en conta as normas internacionais que nos deramos para cando xurdira a pelexa, sen meter nela a poboación civil, a infancia, as escolas, os hospitais, as forzas internacionais, os xornalistas... Sucedeu todo o contrario, foi tirar a dar xustamente a eses obxectivos: aos que só sofren, aos que poden contar a verdade, aos que poden curar ou ensinar. Fronte a iso, o mal fai chistes. Banalizar a crueldade.
Un tolo, dous tolos, tres tolos... a guerra é un negocio que, nin sequera ocultan a estas alturas. Gaza e Cuba para "resort", Irán e Venezuela para petróleo. Nunca pensaramos chegar a isto, nunca consideramos que non quedase algo de humanidade que lles fixese avergonzarse. O peor é que van estendendo ese aceite malvado ata lugares insospeitados e xa poucos quedan para salvar Sodoma e Gomorra.
Saber que aos mandos das bombas hai tolos déixanos indefensos. Saber que xa eramos coñecedores do súa tolería antes de que os votaron fai que non podamos crer na democracia e, o que é peor: non coñecemos outro sistema mellor. Como se pode votar sen saber o que significa a papeleta que metes na urna? Como podes converterte no meirande idiota que vota contra si mesmo?
Somos nós, cada unha de nós as que decidimos que goberno nos damos. Diso vai depender o día a día, o servizo de saúde, as escolas públicas para todos ou privadas para quen as poda pagar (pero co agravante de que as concertadas as pagamos todos pero non todos podemos acceder a elas), as residencias de maiores (tamén a escoller entre públicas ou privadas)...
Hai un problema: entre unha ideoloxía e outra a nivel global hai cuestións que nos confunden. Por exemplo falar de alugueiros e desafiuzamentos non pode ser igual para as grandes compañías que negocian co que lles teñen regalado certos políticos que as familias de clase media que aforraron en construción. Non pode ser igual un inquilino honrado que un aproveitado que busca todas as poporllesibilidades de residir no que non é seu, sen pagar. Cando confundimos eses estremos estamos dándolles a razón aos contrarios. Da mesma maneira sucede coas baixas médicas, se hai quen se beneficia sen dereito e non se inspecciona, quen o ve daralle o voto a quen di que as vai controlar. A xente que non fai o seu traballo, os parados que non queren traballar, os que viven de subvencións... vota na contra dos servizos públicos porque todos os dereitos son necesarios pero cando non conlevan deberes, cando non se vixía (partindo de que somos humanos e polo tanto imperfectos) estamos no camiño de perder eses dereitos (en xeral, xa sabemos que en particular vai haber quen os teña sempre). Penso que a esquerda fai mal cando non fala destas cousas para pórlle remedio, cando tenta calalas como se non existiran porque iso é alimentar o ovo da serpe. Estamos no mundo e vemos o que pasa. Hai moitas cousas que nos molestan e non debemos reprimir a expresión do que percibimos e sentimos. O silencio é cómplice.