Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Culpable de inocencia

Sampedro, Pilar - jueves, 16 de julio de 2026
Teño o título pero non o texto. O título veu a min como unha revelación. Agora toca vestilo pero pode pasarme o mesmo que con "Que me queres, amor?" que me parece o verso máis fermoso nun poema que non o merece.

Porque existen os culpables de inocencia, os que non se dan conta e iso non os exime da culpabilidade. Culpable de inocencia Podía estar ben entrar no xuízo e declarar: - Señoría, si son culpable de inocencia. Podía facelo o fiscal aquel ao que lle fixeron pagar as costas de quen o acusou, cando todo o mundo sabía que era o realmente culpable de culpabilidade.

Culpables porque non caeron en que non había greta pola que coar as boas intencións, porque o mundo é o que é e non ten volta; sempre foi así e por algo será (dicíannos). Para que cambiar o que xa funciona? Se permanece é porque está ben. Se alguén non se atopa a gusto que se vaia, ninguén aguanta a man do suicida.

Culpable Prometeo que na súa inocencia quixo darlle o lume aos humanos e estes acabaron queimando os montes. Quen lle mandou mirar por nós? O castigo é eterno, a aguia ha de devorar polo día o fígado que se rexenera pola noite. Ai, Penélope facendo e desfacendo. Ai, Sísifo empuxando a pedra costa arriba para ver como cae unha e outra vez, nun traballo sen fin. Castigos que falan dun círculo infinito como a roda na que se move a cobaia. Porque todo ha de seguir sendo, igual de inxusto, como foi sempre, como ditan as leis dos poderosos, como estaba escrito nos ollos da esfinxe.

Culpables os voluntarios que limparon as praias de chapapote mentres outros cobraban por non traballar e pensaron que un Prestige, de vez en cando, era o mellor que lles podía pasar. Culpables de inocencia. Os voluntarios, claro está!
- Nai, non me agardes, chegarei tarde, debo limpar a merda dos políticos, a negrura do mundo.

Culpables os das brigadas internacionais que deixaron a vida defendendo a república española do fascismo, sen ter nada que ganar nesta batalla. Culpables os médicos cubanos que foron polo mundo enfrontando enfermidades, loitando contra a morte e, despois, foron abandonados á súa sorte. Un bloqueo que os deixou sen combustible, sen alimentación, sen medicamentos... mentres mirabamos para outra parte. Asubiábamos, imitando os paxaros, na nosa culpabilidade.

Culpable Zapatero se lle tenderon unha trampa dende as redes de espionaxe máis poderosas do mundo e non as veu vir. Culpable por non desconfiar, culpable por pensar que se pode ser diferente ás aves de presa, ás carroñeiras, ás hienas que rin mentres acaban contigo... Culpable por facernos sentir pena pola segunda morte de Bambi, culpable por crearnos desasosego, culpable por facernos perder a esperanza... unha vez máis. Culpable de inocencia.

Culpables de inocencia aqueles que caeron nas garras xudiciais, ao final, cando non lles foi posible arrebatarlles a dignidade de ningunha outra maneira.
-Mira que che avisei, que iso de que vence a honradez é cousa só das películas, que non te podes meter cos grandes, que debes baixar a vista para non ver a cara do narcotraficante que envelena ao teu fillo, que debes mirar para outro lado para non ver o que non debes ver, pechar a boca para non falar do que non debes, que non sei como dicirche xa que non debes pensar, que xa outros o fan por ti, mira que te empeñas en sufrir co feliz que poderías ser, que poderiamos ser... Que se todo vai a peor deixa que vaia, para nós ha chegar o que temos, e os demais que vaian ao rebusque. Cala inocente, cala, que nos perdes.

Culpable de inocencia ata o papa anterior que tivo que ver como unha parte da Igrexa seica rezaba pedíndolle a morte. O raro é que non o mataran ou que non o fixeran antes. -Tiña cada cousa... parece mentira, porque listo tiña que ser para chegar a onde chegou... pero non se lle poden facer cóxegas aos intocables, non entenden de humor. E este vai polo camiño, a que fala de paz? quen é el para falar de que non se mate? Cada un que faga o que queira, nin máis faltaba, a liberdade por riba de todo (ai, onde vai o significado da palabra liberdade...). Son tan inocentes que creron no da infabilidade, pero iso debía ser cousa de antes, igual que o respecto, agora nin eles se salvan, se critican córtanlles a lingua dunha maneira ou doutra.

Culpable, ditou o xuíz mentres golpeaba a mesa co mazo como quen maza o polbo, coma cando estamos na cociña, batendo na carne. Doe en propia carne porque ante a xustiza estamos desamparados. Quen a vai buscar ao xulgado? E que traes de volta? Queremos crer pero non está ao noso alcance. Queremos crer que os culpables son culpables e os inocentes inocentes, pero hai culpables de inocencia e o mundo queda co dereito para o revés, co de dentro para fóra. O dereito ten un mal nome, porque... como pode chamarse así se non vai dereito?
- Mira que ter que defender a quen sabes culpable? Ao narcotraficante? Ao ladrón e ao asasino?

Culpable de inocencia por non querer saber que hai avogados para todos e xuíces e fiscais... e ti crendo na xustiza... mira que non es inocente... pois vanche declarar culpable, e caerache unha pena.
-Vale, non chores, non é desa pena de chorar; é un castigo que pagas con cartos ou con cárcere, non con bágoas, culpable de inocencia.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES