Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Fundacións que multiplican legados

Sampedro, Pilar - jueves, 09 de julio de 2026
Moitas fundacións teñen ese obxectivo: manter e darlle vida ao legado que alguén deixou.

Unha delas é a Fundación Manuel María que non parou de traballar con esa finalidade dende 2007, ano da súa creación. Nunca deixa de sorprendernos a súa capacidade para gardar da mellor maneira posible o que el e Saleta legaron a Galicia: biblioteca, manuscritos, obxectos persoais... Fundacións que multiplican legados A casa de Hortas, sede da fundación, foi rehabilitada e musealizada dunha maneira admirable; dende o auditorio á tenda, pasando por cada unha das estancias; todas elas desprenden o coidado e o respecto polo patrimonio que gardan.

A súa páxina web é unha fiestra aberta onde podemos navegar pola vivenda típica da Terra Cha, A biblioteca conta cunha colección de libro galego e sobre Galicia dende a posguerra á actualidade (non esquezamos que Manuel Mª -e Saleta- foi tamén libreiro, ademais de lector e escritor), documentos manuscritos de persoas relevantes da cultura galega coas que Manuel María mantivo estreita relación como Otero Pedrayo, Celso Emilio Ferreiro, Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego... e obxectos particulares do poeta que serven para ambientar a propia casa. Tamén contén proposta de visitas guiadas polos arredores e pola obra e os personaxes imprescindibles que nela se recollen.

A través da páxina accedemos ás actividades que se realizan na fundación: Camiñadas, Club de Lectura Saleta, actos culturais, os Convivios da Cultura Galega... As convocatorias do Concurso Manuel María de Composicións Musicais, o Certame Manuel María de Proxectos Teatrais, o Concurso Escolar de Videopoemas... iniciativas de moita orixinalidade, que tentan non repetir outras que se realizan polo país adiante. A Fundación fai as reedicións das obras do escritor e, a través da páxina, accedemos a todas elas e a outros artigos que se poden conseguir na súa tenda. O Diario da Casa mostra quen por alí pasa.

Hai uns días puiden asistir no Auditorio de Galicia en Santiago á estrea da obra As rúas do vento ceibe no que constitúe unha proposta sinfónico-coral de grande formato na que se une música e poesía de Manuel María, Rosalía de Castro e Celso Emilio Ferreiro. Este espectáculo está impulsado pola Fundación que encarga ao compositor Xosé Carlos Seráns Olveira a creación deste repertorio musical. Trece pezas nas que se conecta o patrimonio literario coa música. A interpretación correu a cargo da Orquestra Sinfónica de Pontevedra, o coro de adultos (constituído polas formacións Coro da Cámara Thalassa de Marín, Coro do Hospital de Lugo, Coro Liceo de Vilagarcía, Coral Solfa de Compostela e Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra), o coro infantil (integrado por alumnado de A Xunqueira de Pontevedra, Voces da Terra Chá de Lugo e Peque Coro in crescendo de Ferrol). Acompañounos a mezzosoprano Julia Portela Piñón. Todos eles baixo a dirección de David Fiuza. Un empeño maiúsculo, unha macroprodución, un soño colectivo como aparece reflectido no programa, que situou a máis de trescentas persoas no escenario. Chama poderosamente a atención, a colaboración da Asociación Amigos da Ópera de Compostela, que participan tal como vai no seu ADN coa música, sempre que lles é próxima.

No concerto, quedamos gratamente sorprendidas coa entrega dun programa coa imaxe de Xaquín Marín no que se recollen, ao lado dos currículos e historial de participantes (individuais e colectivos), os poemas que poderemos levar connosco para ler unha e outra vez. Na posta en escena, a introdución coa lectura de cada un dos poemas pola actriz María Barcala resulta fermosísima e didáctica; a ninguén se lle escapa que moitas veces nas voces do coros e cantantes líricas perdemos parte do texto que, desta maneira, se nos interpreta nun recitado magnífico que abre a nosa sensibilidade ao mundo propio de cada composición. O seu saber estar no escenario, esa maneira de ocupar a esquina dereita coma unha chama vermella que entra, permanece e sae, tentando non facerse visible máis que o necesario, fala dunha dama da escena.

Non sei se merecemos tanta creatividade e bo facer. A Fundación Manuel María pode sentirse orgullosa dun traballo titánico no que seguramente investiu moito tempo e esforzo pero acadou uns resultados que ao mesmo poeta e a Saleta os terían admirados. Ese é o camiño!
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES