A realización dunha lectura continuada e pública do libro Intifada. Ofrenda dos poetas galegos a Palestina realizouse o venres 5 de xuño no Xardín das Pedras que falan en Fonseca. Os libros xa non se atopan á venda, pero podemos atopalo nas bibliotecas e na Fundación Araguaney que nolos presta.
Todo ten un comezo e a idea xurdiu no fiadeiro aberto do colectivo Lila Serán de Vilagarcía.

Un monllo de mulleres que bordan construíndo o Libro para (A)Bordar a Paz que coordina Ana Pillado e que se presentou na Feira do Libro en Santiago para xuntar man e fíos que defendan a Palestina, porque como dicía aquel neno na Eira da Xoana: "estanos matando".
En Santiago, despois de participar cosendo, decidímonos polas lecturas. Porque hai un libro, uns poetas, unhas poetas, uns poemas. E hai voces que lle poden poñer voz, porque a estas alturas, todos e todas estamos alfabetizadas.
Ler en voz alta lévanos á oralidade, á voz que se di dende o principio dos tempos para compartir os contos e as cancións, ao popular, a creación colectiva, a tradición... nesta lectura colectiva e solidaria, xuntamos o anónimo coa lírica, a poesía, a sensibilidade... a creación individual que se fai comunal nas voces das lectoras e os lectores.
Que mellor lugar para ler en voz alta que no Xardín das Pedras que Falan? Nel hai versos en diferentes linguas, tamén o dunha poeta palestina (Adania Shibli). Por iso se fai aí, porque non hai mellor sitio para poñer as voces ao servizo da poesía. As pedras forman unha espiral de ferramentas para curar a alma, como alguén dixo. Nesta espiral participan Uxío Novoneyra ("Chove para que eu soñe"), Tenório Telles, Rosalía de Castro, Moon Chung-Hee, Luz Pozo Garza, Nolwenn Korbell, Seamus Heaney, o sirio Adonis, José Ángel Valente, Olga Novo, Kerstin Hensel, Marta Pesarrodona, Antonio Gamoneda, Salvador García Bodaño ("Compostela, soño de pedra no tempo") ou Bernardo Atxaga. Un verso representando a cada poeta, nunha pedra que seguindo a outra vai formando unha espiral.
Lense diferentes poemas do libro porque temos voz e podemos erguela de diferentes maneiras e en diferentes situacións. Trátase de visibilizar o problema, de facer presente Palestina aínda cando os medios de comunicación o desaparezan. O empeño é que non se esqueza, que non se silencie, que non se perda no medio do ruído actual. Por iso, igual que se fai noutro momento nas pancartas, nas concentracións, nas manifestacións, nas bandeiras ou nos fiadeiros, tamén o intentamos nas lecturas, no Xardín das Pedras que falan, que levan falando moito tempo en varias linguas. Gaza, Palestina deben estar en todos os lugares posibles para que se escoiten as voces dos que non queren ser cómplices do que sucede diante dos nosos ollos, dunha inxustiza que semella ser cousa da lei da selva, dunha guerra sen límites, dun xenocidio televisado.
Este libro, publicado por primeira vez en 1989, ampliado e reeditado en 2003, continúa a ser necesario e está vixente. Ogallá non o estivese!
Parte dos autores e autoras xa están no Alén (podemos lembrar a Bernardino Graña, Darío Xohán Cabana, Fiz Vergara Vilariño, Lino Braxe, Manuel María, Mª do Carme Kruckenberg, Ramiro Fonte, Xela Arias, Fermín Bouza, Luísa Villalta, Salvador García Bodaño...). Elas e eles deixaron a súa ofrenda para que as persoas que permanecemos no Aquén lle poñamos voz e iso faremos.
Outro libro ten aparecido nestes tempos: Cantos de dor e liberdade. Voces galegas por Palestina. 42 poemas e 12 ilustracións ao servizo dunha causa xusta, os dereitos de autor e os beneficios da obra destinaranse a axuda humanitaria á poboación de Gaza.
Que non sexa por falta de libros, de poetas, de voces...