Alfonso González Paz (Alfonso do Casado) naceu no Barreiro, unha aldea da parroquia dos Vilares de Guitiriz 18 días mais tarde que min, polo que fomos compañeiros de nenos e nos diferentes cursos escolares. Despois separounos a emigración: Alfonso foi con 17 anos para Durango e eu aos 19 para Sestao. A el tróuxoo seu tío Pepe, que xa era músico da orquestra Calypso de Durango, para que aprendera un oficio, e a min tróuxome a miña compañeira Gloria.

Cando tiña 14 anos, o seu veciño, Eladio do Casal, moito maior que nós e compañeiro meu de pensión na rúa A Milagrosa, cando estabamos estudando en Lugo, sabía que cantaba moi ben e fixo os trámites para que se presentara ao concurso musical de cantantes afeccionados, Micrófono de Oro, que se celebraba no xa desaparecido Gran Teatro de Lugo e retransmitía a emisora lucense AMJ 68. O mesmo día actuaron tamén os catro alumnos do mestre ferrolán de música, Juan Malde; Paco Montero, que despois estivo cos Tamara; José Manuel Cebral, finado en xaneiro de 2020, cantante da
mítica orquestra Trébol de Ferrol e tamén nos Tamara; Fina Rei e unha rapaza de Cádiz que actuou detrás del. Tamén actuou ese día José Ángel Abelairas que logo gañou o Micrófono de Oro, aínda que despois dedicouse ó arbitraxe de fútbol na Federación Galega e topouse con el cando foi xogar a Lalín, pois Alfonso, ademais de cantar ben, tamén era un bo futbolista, un dianteiro que caneaba aos defensas escondendo a pelota cunha incrible facilidade.
O 15 de agosto de 1965, na festa da Virxe de Bascuas, estábamos xogando no campo da festa; Alfonso de dianteiro e eu de porteiro, nun partido intranscendente e, ao rematar, veu un señor que non coñecíamos; díxonos que era do FC Barcelona e si queríamos ir para Barcelona el encargábase de que xogáramos nos xuvenís do Barça.
Eu díxenlle que non ía, pois daquela estaba estudando en Lugo e xa non lle dei o enderezo; porque, ademais, pensaba que non era certo que tivera tanto poder, nin que eu tivera a calidade que el me atribuía. Sen embargo Alfonso díxolle que o ía preguntar na casa e deulle o enderezo. Na casa non o deixaron ir, pero agora, cando lle fixen a entrevista para este artigo, souben que o señor falaba en serio, porque me dixo que el recibira unha carta do Barça na que lle daban traballo e hospedaxe no hotel Oro del Ring, da actual Gran Vía, máis as facilidades para desprazamentos e adestramentos. Si o houberan deixado ir penso que a súa vida puidera ser outra.
Cando se foi para Durango empezou no Iurreta, co que xogou o campionato de Bizkaia de afeccionados, campionato que perderon no último minuto e despois no Abadiño e no Berriz.
Despois volveu a Galiza para facer o servizo militar no Campamento de Santa Cruz de Parga e cando estaba facendo instrución chamárono pola megafonía para que fora ver ao comandante Do Pico. El pensou si sería por ter a residencia en Euskadi e si o ligarían con ETA; preguntoulle si era vasco e díxolle que vivía alá, pero que era de Os Vilares, ao que lle contestou o comandante todo contento: Entón ti es trapeiro! Pero o que buscaba o comandante era xente para xogar no Parga FC na Liga da Montaña, na que quedaron campións aquel ano.
A súa afección pola música fixo que botara 21 anos na Coral de Xermolos e cando actuaron na Colexiata da Coruña, o 1 de abril do 2012, no 23 Encuentro de Música Religiosa Ciudad de A Coruña, esa mesma agrupación queríao levar para facer ensaios no Pazo da Ópera, porque tiñan pensado ir a Bélxica, Alemaña e Italia. Eles debían estar xubilados, pero el tiña que estar seis meses fora e non podía deixar o seu traballo.
Despois de ir dous anos de atador ás segas de Castela cando era un rapaz, dixo que a mellor escola é o mundo e aprendeu en Euskadi o oficio de pintor. Conta que o día do Pilar, 12 de outubro de 1968, ía pintar ao hotel Arrate de Eibar, que sería o primeiro hotel dese pobo, que querían inaugurar o 30 de novembro, día de San Andrés, pero o crego eibarrés, Juan Etxabe Garitacelaya, non lles deixou traballar por ser día santo.
Tiveron sorte, porque marcharon para a casa ás nove da maña e ás dez e media viñéronse o chan as nove plantas do hotel; en cinco segundos derrubouse o edificio enteiro, pero Alfonso sóuboo cando xa estaba comendo en Durango. Grazas ao crego, que fixo cumprir o seu prefecto, salváronse mais de cen persoas que ían traballar alí, e o garda da obra que estaba tomando café nun bar do lado.
Neto do canteiro e escultor de santos e cruceiros, Xosé González, é un home moi observador, amante do idioma e coñecedor da nosa cultura popular, que informou sobre o número e antigüidade dos muíños do río Requeixo e dos seus afluentes a Jenaro Pérez e Yasmina Seijas, autores do interesante libro Tras las huellas de la Cultura y del medio Natural de Guitiriz.
Ao rematar o servizo militar volveu para Euskadi, pero en1976 retornou a Galiza, casando en 1977 con María Ánxela Ferreiro, neta do famoso Pedro Trapeiro, e xa asentado nos Vilares empezou traballando de pintor pola parroquia e despois por fora.
Agora está xubilado e afirma que, desde Monforte á Costa da Morte, recorreu Galiza pintando casas... por dentro e por fora.