Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'Só se ve ben cos ollos do corazón', Sr. Presidente

jueves, 10 de diciembre de 2009
Son galego falante desde neno. Tiven a sorte de nacer galego de aldea, e no noso rural. Aí aprendín unha cultura multimilenaria que xa case desapareceu. Son fillo de labregos e nunca nos avergoñamos de selo. Témolo por moita honra, porque honrados nos aprenderon a ser.
Algunha vez fun votante dalgún candidato do seu partido, porque vin nel un home honrado na defensa do común.
Comprendo de Rosa Díez e dos dela que se apunten ao reparto da tarta. Xa sabemos da súa procedencia o dos seus procederes. Son os seus pouco claros intereses.
Non debera ser así no seu caso. Pois non comprendo en vostede, nin no Sr. Rajoy, ese odio. Gardei o seu discurso inaugural. E estudieino polo miúdo. E neste particular non me resulta san nin para min, nin para nós, nin para a nosa Comunidade Galega, nin para España. Ou polo menos dá esa impresión polos ataques e pola xenreira que manifesta contra de que os nosos nenos aprendan galego e mesmo de que os maiores o sigamos a falar.
Vólvome sentir perseguido. Pero desta vez polo meu Presidente. Polo Presidente da miña querida Autonomía Galega.
Non. De vostede nunca o facía. Trabuqueime. Trabuqueime gravemente.
Tamén son castelán falante e que ninguén mo ataque. É idioma meu. É idioma de inmensa cultura. Pero que ninguén me veña vendendo o favor de dicirme que se leva mal coa miña lingua nai. Non se estorban. Entre eles enriquécense. Apóianse. Compleméntanse. Porque tamén o galego e lingua de cultura. E coma que non o fora. Un idioma é tan cultura coma o que máis.
Aos meus antergos, algúns analfabetos por falta de medios, porque fomos pobres, a eles débolles a vida e o ser, o sentido común por arrobas e tamén saber perdoar tantos abusos e afrontas daqueles que os humillaron e enganaron co: Hable usted en cristiano”. Ben. Pois nunca deles escoitei tantas tropelías como vostede nos colga. Nunca deles renegarei. Nunca.
Nótase que viviu moito tempo fóra e fíxolle mal. Eu tamén vivín fóra por varias veces. Nunca tal indixestión contra do meu e dos meus padecín. Todo o contrario. Aprendín canto valía ser galego. Canto valía ter unha fala compartida cos douscentos millóns dos da galaico-lusofonía. E canto estimei saber a cultura e a lingua castelá. E tamén o inglés.
Nunca me contrapuxeron ningunha lingua. Pero si que sempre me avisaron daqueles que prevaléndose da lingua nos quixeron asoballar e enganar. Anque por unha vez sexa faltar á modestia debo confesar que gosto dos idiomas e sonme familiares un grupiño deles, para lelos e con eles entenderme. Tamén para axudar a moitos irmáns que, coma nós, andan en terra estraña.
Manéxome pasablemente ben nas linguas clásicas e teño certos coñecementos da lingua hebraica. Nunca o galego me estorbou. Todo o contrario. Favoreceume moito a súa fonética, máis ampla ca do castelán, e mesmo o seu léxico e estrutura sintáctica. Tamén para o inglés e o alemán.
E o galego non foi dos que menos me serviu. Pero ademais e que é o dos meus, o que me “domesticou”, coma a rosa do Principiño ou coma o Raposo cando lle dixo: “Só se ve ben cos ollos do corazón, porque o esencial e invisíbel para os ollos da cara”.
E advertiulle: “Os homes esqueceron esta verdade. Pero ti non a debes esquecer”. “Es responsábel para sempre daquilo que domesticaches. Es responsábel da túa rosa”.
Si querido Sr. Presidente. Vostede tamén é responsábel do coidado esmerado da lingua que recibiu en custodia agarimosa e crecente.
Percátase da orixe común etimolóxica da rosa do Principiño e do nome da nosa Rosalía? “Ti es e vas ser responsábel da túa rosa.” E a historia vaille pedir contas.
As outras rosas non estaban domesticadas.
Tal vez, á Rosa Díez, si lle vaia mellor como vostede está a facer.
Graciñas, Sr. Presidente.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania