Carolina Silva Méndez, é a Presidenta da Asociación Pro-Fundación Manoel Vello. Despois dunha etapa no xornalismo durante 10 anos, reconduciu a súa profesión cara a docencia, actividade que exerce actualmente.
1. Se tivese que presentarse diante dos lectores de GaliciaDigital, como se definiría?
Carolina: Trato de ser coherente co que penso e coa miña vida.
2. Como se iniciou a súa relación co galego e coordinación de proxectos para
a lingua propia da Galiza?
Carolina: Pois por simple coherencia. Xa desde pequena non entendín por que a
min, unha nena de cidade non me deixaban falar galego, cando a xente da xeración da miña nai si o falaba e os nenos do rural tamén. Parecíanme uns privilexiados. O punto de inflexión foi cando empecei a falar inglés e alemán. A paradoxa foi tan forte que rachei coa presión social, que había e moito, e comecei a falar galego e a enfrontarme cada vez que o falaba ás preguntas importunas de por que e para que o falaba. Eu comecei a falalo de adulta e tiña dificultades para expresarme fluidamente. Notábaseme que nunca o falara, polo acento, e a maior parte da xente vivía lembrándomo. Foi un pouco pesado, pero sabía que non había volta atrás.
Dinme conta de que era unha lingua estranxeira máis. Despois de asumir a situación actuei en consecuencia como se actúa coas linguas estranxeiras, falalo sempre que se poida para practicalo e a poder ser no país onde se fala. E por iso falo só galego na Galiza. Négome a ser bilingüe. É unha trampa. Neste proceso de asumir o galego como a miña lingua de comunicación fíxenme moi consciente dos atrancos que teñen os galegofalantes, pero en lugar de facerme desistir, reafirmou a miña postura.
3. Como naceu a Asociación Pro-Fundación Manoel Vello e que papel desempeñou a figura de Manoel Vello na definición dos seus obxectivos?
Carolina: Cando morreu Manoel Vello, algunhas persoas achegadas a el decidimos recoller o seu testemuño. Aínda que eramos conscientes de que a súa dedicación diaria na defensa do galego era insubstituíble, pensamos que era posible traballar pola causa desde a súa visión.
El non quería convencer os convencidos, quería abrir pontes e incorporar a toda a sociedade a esta causa, sen excepcións, tendendo a man a todo aquel que se queira sumar, independentemente da postura política de cada un e da súa traxectoria persoal. Tamén dicía que moitas areas fan unha praia. Estaba convencido de que tiña que ser labor de moita xente, cada un achegando o seu talento desde as súas posibilidades. E con esta asociación queremos crear unha ferramenta social que canalice o interese e os talentos de cada persoa que queira participar nesta tarefa, que non é outra que seguir reclamando o noso dereito a vivir en galego.
4. Que balance fai destes primeiros anos de actividade da asociación? Houbo algún proxecto que a sorprendese especialmente polo seu impacto?
Carolina: Algúns proxectos están aínda na incubadora. Precisan tempo para se materializaren. Pero as iniciativas divulgativas desenvólvense de xeito periódico, como as de "Compartindo saberes", en colaboración coa Uned Senior, e as nossas propias xornadas, que ademais se converten en mesa de experimentos da que saen outros proxectos. Entre os proxectos que saíron á luz quero destacar os "Encontros de conversa entre mozos e mozas de Galiza e Brasil", que é un exemplo de actividades que revitalizan o estatus do galego dentro e fóra do país, e a presentación do "Estudo da Situación sociolingüística do galego nas Pemes urbanas de Galicia", realizado en colaboración co Cesuga.
A nosa intención é dar continuidade a estes proxectos para ofrecer servizos concretos á sociedade, tanto no ámbito do ensino e na empresa, coma noutros sectores nos que precisen dunha intervención que nós podemos ofrecer. Non quero esquecer que tamén traballamos fóra da Galiza na promoción da nosa cultura en colaboración con outras entidades.
5. A asociación insiste na idea de "vivir en galego". Que significa exactamente vivir en galego na Galiza do século XXI?
Carolina: Significa por un lado ir ao médico para operarte e que non teñas que reclamar que os papeis estean en galego, que os teñas xa como opción, que queiras abrir unha conta nun banco ou contratar unha póliza de seguro e que cha ofrezan en galego, e, por outro lado, que os galegofalantes non teñamos que saír coa espada cada vez que queramos expresarnos en galego en certos ámbitos. Un exemplo sangrante é o que acontece cos nenos que falan galego nas cidades. Hai casos de acoso escolar por esta circunstancia e non se actúa. O ambiente é en ocasións irrespirable, e se ben non sabemos aínda como darlle a volta á situación, o certo é que non nos podemos quedar de brazos cruzados.
6. O día 19 de xuño presentáronse os resultados dunha investigación promovida pola Asociación Pro-Fundación Manoel Vello en colaboración co Cesuga. Que lle pareceron os resultados? Podería falar un pouco sobre eles?
Carolina: Os resultados foron os que nós esperabamos e ata mellores. Resumindo destacaría que case un 35% das Pemes urbanas están interesadas en incorporar o galego no seu servizo de atención ao cliente, e que o rexeitamento cara ao noso idioma é residual. Iso indícanos que temos que seguir traballando neste ámbito para ofrecerlles ás empresas o que están a pedir: programas de implementación do galego como lingua de comunicación coa clientela. Queremos traballar na elaboración destes programas que demandan as Pemes porque está claro que pode supoñer un punto de inflexión o feito de chamar a unha empresa e que contesten cun "bo día" en galego. Pensamos que colocaría o galego como lingua de prestixio na comunicación comercial. Iso é moi importante.
7. Como valora iniciativas como "Aquí tamén se fala", impulsadas pola mocidade, para combater os prexuízos lingüísticos nas cidades?
Carolina: É imprescindible implicar a mocidade. Son o noso futuro. Teñen que facerse conscientes da situación sociolingüística na que viven e do valor da herdanza cultural que teñen pero que precisan coidar, porque as cousas que non se usan, morren. Os rapaces precisan estes estímulos e a experiencia dos maiores para axudalos a canalizar esa rebeldía interna en causas xustas. O ambiente escolar é ideal. Espero que xurdan máis iniciativas desta índole. O país precísao, e a mocidade tamén. Quen vai loitar polos nosos dereitos lingüísticos ou doutra índole cunha mocidade durmida? Temos que espertalos e axudalos a facer camiño. Veñen tempos complexos.
8. Que pensa sobre a inmigración crecente na Galiza e o uso do galego? Como podería incrementarse o uso do galego entre as persoas que chegan ao país?
Carolina: En primeiro lugar ofrecéndolles a oportunidade de aprendelo e paralelamente teñen que darse conta de que lles pode axudar a integrarse de verdade. Os inmigrantes poden sobrevivir co castelán en Galiza, pero para se integraren moito mellor convén que se comuniquen en galego cando o consideren oportuno. Para iso precisan gozar dunha competencia comunicativa que é unha destreza que teñen que adquirir. E a sociedade debería facilitarlles este proceso.
9. A súa entidade busca tamén a colaboración do empresariado. Que argumentos lle daría a unha empresa que aínda dubida da utilidade de incorporar o galego á súa comunicación e á atención ao público?
Carolina: O galego vende e fideliza clientes. Entendemos que os empresarios e comerciantes non son técnicos de política lingüística e ás veces poden sentirse inseguros, por iso, como comentei antes, queremos traballar neste ámbito para ofrecerlles ferramentas que lles permitan empregar o galego dun xeito seguro.
10. Como lle gustaría que fose a situación da lingua galega dentro de vinte anos? É optimista respecto ao futuro do galego?
Carolina: Depende de nós. Temos que facer consciente a sociedade de que cada un de nós ten un poder moi grande. Realmente hai moita xente que estaría encantada de pasarse ao galego se o contorno estivese máis galeguizado. E se ben as institucións poderían emprender iniciativas de fomento da lingua, nós tamén podemos facelo, xa sexa desde unha asociación ou desde a nosa actitude diaria.
11. Que lle diría a unha persoa que entende galego, aprecia o galego, pero nunca se anima a falalo?
Carolina: Que non teña vergoña e goce del. Pero temos que ser conscientes de que é preciso un ecosistema que axude, neste caso un grupo de apoio onde poder soltarse e sentirse cómodo. É preciso establecer redes de contactos para xente que quere practicar o galego oral. É un dos proxectos pendentes.
12. Para rematar, como poden contactar coa Asociación Pro-Fundación Manoel Vello as persoas interesadas en colaborar, asociarse ou coñecer máis de preto o seu labor?
Carolina: Na nosa páxina web www.manoelvello.gal atópase toda a información ao respecto no apartado "Faite socio!" Cada quen colabora sumándose a grupos de traballo ou presentando o seu propio proxecto. Hai quen colabora só economicamente ou en momentos puntuais. Depende do que queira facer cada quen. Todo isto é voluntario. E se queren comunicarse connosco poden escribirnos ao noso correo info@manoelvello.gal.
Victor Hugo da Silva Vasconcellos é doutor en Letras pola Universidade Presbiteriana Mackenzie (Brasil). Desenvolve investigación no ámbito da análise do discurso de orientación materialista e exerce como profesor particular de lingua portuguesa e de lingüística.