Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Da República Literaria Galega (IV)

jueves, 10 de diciembre de 2009
Encontros de Escritor@s Nov@s

Nos pasados 20 e 21 de novembro tivo lugar no Castelo de Santa Cruz, organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, o IV Encontro de Nov@s Escritor@s.

Pois ben, ao fío de tal xuntanza, préstame agora pór en común unhas breves reflexións verbo do termo nov@s escritor@s.

Vaia por diante que as miñas consideracións non teñen a intención de axuizar a pertinencia ou non da presenza d@s colegas reunidos en Santa Cruz, pois estou persuadido de que os que alí estaban foron convidados con saber polos organizadores.

Ora ben, insisto en que paga a pena preguntarse: ¿que podemos considerar autor/a novo/a? A resposta a esta cuestión, lonxe de resultar gratuíta, quizabes achegue algo de luz á polémica existente entre aqueles que cren que este tipo de reunións son un froito espurio do sistema literario e, polo mesmo, unha moda, algo pasaxeiro, fronte aqueloutros que entenden que tales xuntanzas estimulan e mesmo favorecen o positivo desenvolvemento da realidade literaria.

A meu ver, existirían tres criterios diferentes baixo os que podería definirse o concepto autor/a novo/a:

1. O criterio cronolóxico: perspectiva dende a que o cualificativo novo/a se reservaría a aqueles/as que non superasen certa baliza etaria. Ben entendido que o problema definitorio aquí, máis que solucionarse, despraza a súa indefinición a unha segunda cuestión polémica: ¿cal sería a idade biolóxica na que un deixa de ser novo/a? ¿Os trinta anos? ¿Os trinta e cinco, talvez?...

2. O criterio xeracional: que faría nov@s a aqueles autores/as que, nun determinado momento do transcurso da historia literaria, se dan a coñecer coas súas obras primeiras; dito doutra maneira: aquí figurarían aqueles autores/as con textos éditos recentemente, sendo, polo mesmo, autores/as estritamente noveis, con independencia da súa idade.

3. O criterio estético: que reservaría o cuño de novo/a para aqueles/as creadores/as que, deixando á marxe a súa maior ou menor idade e a súa máis ampla ou breve traxectoria autorial, representan unha aposta anovadora e orixinal respecto das direccións ensaiadas nunha determinada literatura, converténdose, polo mesmo, en renovadores e vangardistas dos diferentes xéneros e modelos da escrita.

Cumpriría, daquela, inquirir: ¿todas as xuntanzas e encontros de nov@s escritor@s -e non me refiro con intención á reunión de Santa Cruz, insisto, senón que pretendo xeneralizar a miña reflexión-, digo, todos eses eventos convocan a autores/as novos/as baixo algún destes tres criterios?

A resposta negativa ou positiva a esta cuestión, coido, xustificará ou non a razón de ser de cada encontro, mais teño para min que non sempre estas xuntanzas manexan tales criterios e que hai motivos extraliterarios que descompensan a balanza...
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES