A prioridade de Cristo é que amemos sempre en todo e a todos
Miguélez, Xosé Antón - domingo, 28 de junio de 2026
DOMINGO 13 (A).- 2Re 4,8-11.14-16a.-Sal 88 (89).- Rm 6,3-4.8-11.- Mt 10,37-42
+ Eliseo preguntou ¿que se pode facer por ela? (2Re 4, 14)
+ Quero cantar por sempre o amor do Señor ( Sal 88(89),2a)
+ Camiñemos nunha vida nova (Rm 6,4)
+ Quen ama a seu pai ou súa nai máis ca min, non é digno de min ( Mt 10,37)
A PRIORIDADE DE CRISTO É QUE AMEMOS SEMPRE EN TODO E A TODOS
1.
Se Cristo nos reclama
prioridades en nós
ao que ensina con graza,
é polo ben maior.
2.
Xesús non é celoso,
nin é competidor
dos cariños e apoios
con boas doazóns.
3.
Con Deus tan só desexa
ser guía e servidor,
para que permanezan
e medren en sazón.
4.
Calquera especialista
ten esa pretensión:
nos saberes que ensina
agarda aceptación.
5.
Reclamará humilde
respecto á convicción,
da ciencia cando é firme
en probadas cuestións.
6.
Pois semellante ensino,
e a mesma invitación,
reclama Xesús Cristo
cando fala do amor.
7.
Convén que meditemos
nas nosas relacións,
nos quereres de preto
e no amor superior.
8.
Son os asuntos claves
da nosa construción:
parte moi importante
da humana salvación.
9.
O amar e o querer,
comparten corazón
en tramos do seu ser,
pero hainos nos que non.
10.
O querer é desexo
de apego e mais de unión,
de recoñecemento
e participación.
11.
Mais pode ser estreito,
e así ser opresor,
cando cos seus devezos
deriva en posesión.
12.
Hai apertas que afogan
se a angustia é a razón:
¡Busquemos vida nova
amando sen temor!
13.
O máis fondo cariño
será liberador,
se non é compulsivo
nin manipulador.
14.
A ese amor Cristo chama
con fonda decisión,
nese amor a fe baña
con plena aceptación.
15.
Que nada se antepoña
a esa vocación:
non hai cousa máis boa
que amar sen dimisión.
16.
Se con paz se respecta
no outro o ser e a opción,
e permanece acesa
a fonda compaixón.
17.
O querer faise grande,
perfecta adoración,
se non deixa a bondade,
de Deus ten o sabor.
18.
Humilde Deus de vida
e de constante don,
xa que a amar nos invitas
que amemos con paixón.
¡Apertas de domingo!

Miguélez, Xosé Antón
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora