Nin que dicir ten que o feito de traspoñer os papeis e cambiar a propia realidade dun polas outras realidades, que non son tales, chega a trastornar ou polo menos a alterar a nosa mente, porque tratamos unha realidade como idealización que logo presupoñemos real, e calquera factor que sumemos nas nosas presuposicións irá do lado desa idealización que nosoutros presupostamos como real; é dicir, se endeusamos unha figura, xa sexa esta home ou muller, estamos cambiando a realidade soportada por outra presunta realidade, que non é tal, e de aí veñen os problemas con nós mesmos, problemas que poden chegar a volvernos loucos pola crenza inadecuada e

trastornada do noso cerebro que ve as cousas por encima das posibilidades reais e nós manifestamos unha crenza tan suma e elevada que soamente é Deus capaz da súa posesión.
Todo isto que estamos a dicir, sucédelle a Luis, protagonista de "El Primer Loco" de Rosalía de Castro e que a nosoutros tróuxonos ao pensamento a obra "La Celestina", atribuída a Fernando de Rojas onde o protagonista, Calixto chega tamén a endeusar a súa amada Melibea. Luis en "El Primer Loco" tamén o fai con Berenice porque "Berenice es una mujer a quien he amado, a quien amo . . . a quien amaré mientras exista algo mío, una sola partícula, un solo átomo de mi ser en este mundo o en outro cualquiera." (Páx. 89).
A afirmación chega a ser tan rotunda que o amor continúa despois de morto ata a consumación do seu cadáver a través dos tempos e incluso podemos opinar como Quevedo cando o corpo morto da amada se converta en po, en sombra en nada, naquel soneto tan coñecido que leva por título "Amor constante, más allá de la muerte". Esa conversión en po será tamén en po namorado e aquí ese átomo de amor ou esa partícula que queda será aínda átomo ou partícula namorada.
A mesma Berenice comenta que ese home (Luis) foi para ela un pesadelo porque Luis: "le rendía reverente culto", que se circunscribía a ir xunto dela para vela, alí onde estivese, porque "el buen Luis llegó a creer en mi mucho más que en Dios, sin que ni un sólo instante hubiese dudado de la firmeza y rectitud de los sentimientos que suponía abrigaba mi pecho." (Páx. 120).
Estamos diante dunha enfermidade de Luis que é o endeusamento da amada cambiando o lugar de cada un e substituíndo a Deus por Berenice, facendo unha idolatría ou adoración da amada como un ídolo, ata tal punto que chega a tomar o lugar do que se considera divino ou superior porque "había llegado a desconocer a Dios, colocándola a ella en lugar suyo, y de haberla poseído, de haberla hecho mi esposa, al poco tiempo la hubiera así mismo matado y matándome con ella . . . ordenado que se nos enterrase en una misma fosa, a fin de que allí se consumieran nuestros cuerpos." (Páx. 130).
Luis está enfeitizado polo amor de Berenice e froito do egoísmo dese amor que non lle podía pertencer máis que a el, sería capaz de matar a Berenice e enterrarse con ela para seguir fundido o seu amor ao seu corpo para que seguise ese amor durante toda a eternidade dos séculos, sendo tan forte este desexo que nesta vida terreal non se cumprirían os seus egoístas desexos e como os amantes de Teruel, permanecerían no sepulcro para a eternidade. Nesta loucura amorosa sempre aparece o sepulcro como solución do amor, principalmente nos escritores románticos, onde o amor romántico bebe do pracer da memoria convertida en beleza e quere perdurar polos séculos dos séculos ata que a memoria non nos alcance, ou o que é o mesmo, ata que ninguén saiba da súa existencia a través dos séculos, mais o enfermo namorado quere continuar para que todo o mundo saiba do seu amor, por iso propón sempre morrer xunto da amada para así manter sempre ese amor na mente de todas as persoas que o recorden, porque a lembranza non deixa de ser tamén amor, de aí que o sepulcro e a morte sexan os medios para conseguir ese fin derradeiro que é o RECORDO como forma última de loita en contra do ESQUECEMENTO ao que todos estamos sometidos xa desde que nacemos.
Continuará...
DE CASTRO, Rosalía (1980).- Ruinas y El Primer Loco. Librería Gali. Santiago de Compostela.
DE ROJAS, Fernando (2011).- La Celestina. Edit. Bambú. Madrid.