Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sargadelos... ERE que ERE...

jueves, 10 de diciembre de 2009
Sargadelos... ERE que ERE... A reviravolta do "ERE que ERE" non se trata de malabarismos literarios, aínda que o somelle. Trátase dun andacio integral, real, dun suterfuxio legal para evitar o despido improcedente e din que para anovar...ou tamén clausurar empresas: o ERE é sinteticamente un procedemento administrativo que conleva moitos temores , é un "expediente de regulación de empleo". Algo que non cae do ceo, como somellan facernos creer os mesmos que a provocan, senón que é parte da treboada socieconómica, motivada porque algo non se fixo ben, empurrada pola crise integral, fundamentalmente económica, aínda que tamén tecnolóxica. Pois toda maquinaria queda obsoleta da noite pra mañán, especialmente pros herdeiros que non souberon actualizarse ó ritmo dos días. Todo o que influe á súa vez na organización do tecido empresarial e conseguintemente na producción, no país, na sociedade, na casa. Determinación que aquí se presenta, para a súa bendición, ante a Xunta de Galicia e tanto a poden facer os representantes dos traballadores, albiscando, agoirando e amortiguando un ruín futuro, como as altase desacougantes xerarquias da empresa .... as que agora, fora dos despachos e dos saraos, coa cabeza gacha, buscan consensuar as indenizacións cos seus obreiros, as baixas no traballo, nas xornadas, na producción... Anormal arritmia. Saben os traballadores, debemos saber, que estos son ruíns sítomas, que a parálese trae a inanición e que a promesa de "reordenar" a empresa na busca da súa viabilidade, pode rematar nunha ansiada venta, aluguer para vivir de rendas algúns... os outros a velas vir na pasividade. Acollerse ó ERE pode ser unha trampa, un xeito de ires apagando as luces para pechar a empresa a medio prazo. E todo repercute en todo, incluso nas empresas máis previsoras e saneadas. Esgázase un círculo vital: baixa a demanda e cae a oferta e saltan as alarmas dos números roxos.

E veleiquí o estado da cuestión dun exemplo que foi modélico, que nos representou, e ao que acudimos como "Ex libris" de Nós, para "regalar" Galiza e noso tempo. No que seguimos crendo por aquelo de que, como tantas cousas, a arte nunca morre, morren os artistas e sempre pode retornar Ulises, o cabaleiro Arturo redentor... aparecer o arpista que recolla a arpa esquecida para emocioar, a persoa capaz. A importancia da persoa con raiceiras de identidade, capacidade creadora, previsora, experimentadora, teimuda fronte ós retos.... Pois dóenos, -por sentilas como parte de nós e de Galiza- o estado da cuestión grís das modélicas empresas do "Castro" e "Sargadelos", as ideadas, creadas e animadas por Isaac Díaz Pardo, por Luis Seoane, e por tantas ilusións de dentro e fora de Galiza en tempos aínda máis escuros e incertos que os de hoxe, os da "Longa Noite de Pedra". Empresas que arromedaron i esconxuraron ás crises para fender tópicos i esperpentos e dignificar Galiza. Máis dende que apartaron ó teimudo i exemplar Isaac e ós seus, van en picado cara ó abismo, xa polo seu segundo ERE... Elas que sempre axudaron, que foron parte mesma da cultura, exemplo a incrustrar na memoria, na Historia de Galicia. E os poderes públicos nas burocracias e nas cirimonias.

A xenialidade e a parvedade, que é todo o contrario, sínteas axiña quen as quere enxergar: será nun xesto, nun aceno, en calquera obra... E o que acontece polo Castro de Samoedo e por Sargadelos de Cervo xa se viña anunciando, ao empurrar cara un exilio interior e tamén enterrar entre botafumeiros, tartas e premios ó seu mellor márketing comercial, Díaz Pardo e os seus. Referente das "Industrias da memoria" de ética e estética, sempre, toda unha vida a dar e sempre a pe de obra. Xa no 1979 a morte de Luis Seoane fora un aviso maiúsculo -que non se tivo en conta como debera- para tomar sitio algúns e acontecer certo esfaragullar premonitorio. Moitos aínda non enxergaron o declive acontecido dende o 2005, ó apartarse da súa mesma casa a Isaac, Mimina, ós fillos, formados nesas. Eles dérono todo, todo: propiedades, creatividade, constancia, traballo, tradición, arte, innovación, industria... fronte a emigración, cuarteis, seminarios, celulosa, alumina, unha universidade anémica, cofrarías de intelectuais... E cando faltou Luis Seoane, por solprendelo a morte, faltou naquel tren a forza dunha potente e moderna máquina e algo máis, dalgún xeito un guardián de ilusións. Agora ao ter a torpeza maiúscula, o xesto burdo, desagradecido, insólito para os "bos e xenerosos", de arrinconar entre as súas sabias enrrugas a Isaac, pola Lei da maioría accionarial e outras pedras nas vías, o tren sigue indo, de vagar, movido aínda pola forza da inercia, ese empurre de pasado, tan potente.

Somentes con sentido común e sentimento galego, con memoria, ética i estética que caracterizaron a obra e o facer do Castro e Sargadelos -dos que endexamáis era de esperar tal monstruosidade- avivarase a cultura, como comportamento e endexamáis como liturxia, velaí o pragmático espíritu desas empresas. Asumidas as causas e os efectos, as posibilidades "dos bois que temos para arar" como se propuxo e se fixo dende o "Laboratorio de Formas", dende aquela tradición e cos principios de innovación, débense reabrir camiños esperanzados, e sempre con Isaac Diaz Pardo e os seus ó fronte. Os poderes públicos non poder seguir na rolda da endémica e chocalleira insensibilidade que trunfa no referente da T.V.G. Pois as cousas fanse facéndoas, como o camiño se fai ó andar, e o mesmo xeito de facelas debe ser rendible no exemplo, nun país dirixido por intelectuais, con consellos e academias. É certo que moito queda aínda por facer, que os gostos e a moda viran e que incluso se poden dirixir dende Galiza, como xa temos feito... os pratos e as fontes de porcelana xa non son redondos e caben outras formas no universo do maxín. A produccción de formas non ten limieiras. as necesidades do consumo non somentes se reducen a fraxil porcelana, por outra banda sempre tan necesaria como xantar. Máis aínda cando as novas tecnoloxías abren a universos de posibilidades, permiten re-crear doutros xeitos, máis sempre a partir do camiño andado. A cerámica era un exemplo de ética rexeneradora -que polo acontecido somella inaprendida polos máis achegados- pode levarse a outros obxectos do consumo, onde o deseño galego e o seu evoluir debe estar presente, como se tentaba.

As "industrias da memoria" poden sair do abismo, como xa se demostrou naqueles máis difíciles anos, retomando as mellores tradicións, a creatividade e a investigación, o saber estar ante as necesidades do mundo, e mesmo "templando gaitas e limpando merdas", que esqueceron ó empoleirarse ...e velaí a canto se ten dito i escrito no "Laboratorio de Formas de Galicia" algo que non prescribe nunca por tratar da comunicación. Imprescindible para unha Galiza viva, a que sopupo aprender da "derradeira lección do mestre" Castelao, a da sementeira de Nós, a o Seminario de Estudos Galegos, a que prende e agroma aínda en tempos difíciles.
López Gómez, Felipe Senén
López Gómez, Felipe Senén


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES