Premios Peña Novo aos compromisos coa lingua
González Martínez, Xosé - lunes, 29 de junio de 2026
A convocatoria dos Premios Peña Novo cumpren trinta anos. Unha iniciativa promovida por un grupo de funcionarios/as locais, neste caso do Concello de Redondela, integrados no Colectivo Galeguizar Galicia (www.galeguizargalicia.gal) que tanto ten contribuído a dinamizar o fomento da lingua galega nas administracións públicas e outras esferas sociais. Este trixésimo aniversario evidencia algo que afirmamos o día que decidimos rescatar a memoria do intelectual galeguista máis lúcido do seu tempo para apadriñar as honras que se lles fan a todas aquelas persoas e entidades que son merecentes delas.
Como adoita acontecer, algúns apresuráronse a poñerlle data de caducidade a aquela idea que se escenificou por primeira vez no castelo de Soutomaior; razóns non lles faltaban, porque son contadas as iniciativas que teñen continuidade tan longa no tempo. Este prodixio foi posible grazas ao entusiasmo dese grupo de funcionarios/as municipais no que sobrancea o intelixente activismo de Carme Vaquero.Trinta convocatorias que foron espertando o interese en milleiros de persoas que acudiron ás sucesivas celebracións. Este ano o acto celebrarase o próximo día 2 de xullo ás 19:00 horas en Redondela, na Casona da Torre (Estrada N-552) por mor das obras que se están a facer no castelo de Soutomaior.
Se facemos un balance das edicións precedentes, a conclusión é que foron escollidas as mellores propostas en cadanseu momento. Referentes persoais, sociais e institucionais que afincan a identidade galega.
Nesta edición o xurado que estivo presidido pola Fiscala Superior de Galicia dona Carme Eiró acordou premiar a dúas persoas sobranceiras da nosa cultura e unha entidade deportiva de notabre influencia social.
A don Xosé Manuel Beiras pola súa longa, coherente e exemplar traxectoria a prol da dignificación de Galicia ao longo da súa dilatada vida. A través da súa obra, do seu labor docente, da súa presenza institucional e do seu maxisterio brillante e constante no debate público convertendo a nosa lingua nunha ferramenta de pensamento, ciencia económica, reflexión política e compromiso social. O xurado valorou especialmente a súa participación en proxectos como a Revista de Economía de Galicia, e a súa extensa obra publicada, nomeadamente "O atraso económico de Galicia", referencia esencial para a análise crítica e interpretación da realidade galega.
A dona Aurora Marco López, profesora universitaria, investigadora e escritora recoñecida polo seu amplo labor no estudo da historia de Galicia. Pola súa contribución decisiva facendo visibles figuras femininas esquecidas ou marxinadas pola historia oficial, e polo compromiso constante coa lingua galega, O xurado valora unha obra sólida e continuada con títulos fundamentais como o "Dicionario de mulleres galegas", "Mulleres na guerrilla antifranquista galega", "Elas" ou "Irmandiñas". Dona Aurora Marco malia non ser galega agasallounos coa súa afervoada integración no país , escribindo, falando e pensando en galego.
Ao Servizo de Comunicación do Real Club Celta de Vigo pola incorporación da lingua galega nun ámbito de enorme repercusión social como é o fútbol profesional, contribuíndo á normalización lingüística, levando o noso idioma a espazos de máxima visibilidade O xurado valorou positivamente o uso da lingua galega na comunicación corporativa, nos encontros deportivos, nas ferramentas dixitais na aplicación oficial, redes sociais e na relación cos siareiros; nomeadamente entre a mocidade, as familias e a comunicación dixital, salientando a súa capacidade para asociar o galego á emoción deportiva.
Un ano máis os Premios L. Peña Novo recoñecen ás persoas e entidades que co seu esforzo fan que acrecenten a autoestima e conciencia de galeguidade.
Xosé González Martínez, Presidente Fundación L.Peña Novo.

González Martínez, Xosé
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora