O 20 de xuño pasado, o Centro Social do Porto de Espasante encheuse para acoller a presentación do libro de Bernard Le Gonidec Chamábanme Pancho Villa, que recolle a memoria vital do emigrante retornado Servando Blanco e que foi editado pola Asociación Terras do Ortegal. Tiven a honra de participar nese acto necesario e

emocionante xunto a Beatriz Bermúdez, en representación desta asociación, e de Isabelle Le Gonidec, filla do autor, falecido hai uns meses na súa Bretaña natal sen chegar a ver editado o libro. No público, a familia e as amizades de Servando, amigos de Bernard como Claudio Rodríguez Fer ou Alfonso Pato e a numerosa veciñanza de Espasante enriqueceron o acto coas súas achegas nun diálogo aberto e plural. Velaquí as miñas palabras nesta presentación.
Son galega, nacín en Vigo, pero a primeira vez que oín falar de Espasante foi en Bretaña, pois a primeira persoa que me falou de Espasante foi precisamente Bernard Le Gonidec. E se coñezo o voso Espasante, se viñen aquí en varias ocasións, como a de hoxe, se Espasante forma parte da miña vida, é porque unha persoa nacida a mil catrocentos quilómetros de aquí sentía por este lugar un profundo respecto e un profundo agarimo. Porque Espasante foi un dos lugares indispensables da vida de Bernard e da súa familia, con todas as implicacións que iso supón.
O apelido bretón Le Gonidec vén significar "o que cultiva a terra, o que lle gaña un proveito, o labrego" e é moi característico das comarcas de orixe desta familia, hoxe integradas na provincia denominada Côtes-d'Armor, en Bretaña. Con isto quero dicir que Bernard é unha persoa dunha fonda raizame bretoa e, por iso precisamente, mostrou na súa vida persoal e profesional unha fonda apertura ao outro, á diferenza. Medrou nun contexto de culturas en contacto: a bretoa e a francesa, que non ocupaban lugares sociais igualitarios, medrou e viviu nun contexto de diglosia sociocultural e lingüística, que nós coñecemos ben, e isto é importante.
Bernard decidiu estudar unha cultura e unha lingua diferentes ás súas, aprendeu español, fíxose hispanista e americanista. Pero cando descubre a lingua galega, ao achegarse aos mariñeiros de Espasante de recalada en Bretaña, non se desinteresa, non a aparta. Ben ao contrario, interésalle descubrila, e vén aquí, a un lugar onde tamén hai dúas linguas en contacto na mesma sociedade. Mostra así unha admirable apertura ao diferente, a unha situación que, en realidade, el xa coñece ben, pola súa raizame bretoa. El xa sabe moito de nós antes de vir aquí. O home que cultiva a terra en Pléhédel, na beira do mar, entende no esencial os que cultivan a terra en Espasante, na beira do mesmo mar.
Bernard e Servando encóntranse aquí hai máis de 50 anos, e o galego confíalle ao bretón a súa memoria vital. O relato non podía ter mellor receptor: Bernard, americanista e galaicista, atopa, no corazón da súa Galicia, a experiencia dun

emigrante na América dos inicios do século XX e no seu retorno a Galicia. Dun emigrante. Bretaña e a familia Le Gonidec tamén sabían o que era a emigración.
Bernard recolle a memoria oral de Servando, home no que certamente recoñece un espírito libre -coma o de el- e comeza o seu traballo de especialista, cun fondo respecto pola palabra, indispensable nas recolleitas orais, na dignificación e na posta en valor memorial de testemuños que resultan imprescindibles para coñecer a nosa cultura. Bernard explica, amplía e asenta a palabra de Servando, investiga o contexto sociohistórico do seu relato e continúa facendo enquisas aos seus achegados (familia, amigos, veciños...). Hai que dicir que en Francia, e moi especialmente en Bretaña, este tipo de traballo e de relato, chamado "historia de vida", ten unha longa tradición que non existía en Galicia. O mesmo Bernard escribiu un libro deste xénero sobre a súa familia, sobre o avó Louis "e os seus", labregos bretóns reconvertidos en mariñeiros de altura que ían pescar o bacallau ás costas de Islandia, Terranova e Saint-Pierre et Miquelon, en migracións estacionais que ás veces se convertían en definitivas.
Durante todos estes anos a evolución da tecnoloxía seguiu de preto a reflexión e o traballo de Bernard sobre a palabra de Servando: as gravacións en casetes audio, a súa transcrición en notas, a man, a máquina, a chegada do tratamento de texto e dos ordenadores, os disquetes, o CDrom e os documentos de word enviados por e-mail... Algo sei de todo isto porque dende que coñecín a Bernard en Bretaña en 1990 compartiu comigo moito do seu traballo sobre Servando. Teño na miña biblioteca e no meu ordenador múltiples versións deste libro nas que Bernard ía traballando, porque a súa honestidade intelectual e o seu fondo respecto polo informante (preservar a identidade e non traizoar o relato) fixeron que a reflexión sobre a cuestión metodolóxica fose esencial na súa achega: houbo fragmentos redactados en 1ª e en 3ª persoa; en galego, castelán e francés, documentos nomeados Máximo 1, Máximo 2, Máximo 3, Fragmentos de Máximo...
Moi pouco a pouco foi facendo públicos anacos da súa investigación, así, por escrito no terceiro número dos Cadernos galegos da Universidade de Rennes, publicados en Bretaña en 2004 (por certo, revista do Centro de Estudos Galegos que el contribuíu a crear, e que tiña un nome trilingüe: Cahiers Galiciens-Cadernos Galegos-Kaieroù Galizek), ou oralmente no relatorio presentado ao Congreso Internacional Galicia: éxodos e retornos, organizado en Santiago de Compostela polo Consello da Cultura Galega en 2006. Un investigador bretón descubríanos en Galicia as súas "Notas de una entrevista a un emigrante gallego de principios del siglo XX".
A través de Servando, con Servando, Bernard penetra a sociedade da Galicia costeira de inicios do século XX, a súa emigración a Estados Unidos, a México e a Cuba, a Primeira Guerra Mundial e a Revolución mexicana, o retorno desa emigración, a chegada da Segunda República, o golpe de estado fascista e a súa represión (duramente padecida por Servando e os seus), a ditadura e a transición á democracia. Aborda a toma de conciencia persoal e as loitas sociais, a ollada dun home que descubriu o sindicalismo na emigración, que se afiliou aló á IWW (Industrial Workers of the World) e aquí á CNT, que era solidario coas marxes desta sociedade, como mostra a súa sociabilidade solidaria cos xitanos, e que cría no progreso e na modernidade que melloraría o mundo (a mecánica, a comunicación...).
O interese de Bernard pola figura do emigrante retornado penso que é pioneira en Galicia, hoxe en día está estudada, pero non o estaba cando Bernard iniciou o seu achegamento a ela; cuestión sobre a cal el mesmo reflexionou. Escribiume hai moitos anos nunha mensaxe en castelán: "Quién será el escritor gallego de hoy que haya intentado acercarse al "Emigrante retornado" con ánimo de entender el impacto de años de combates y sufrimientos sobre su personalidad y su comportamiento social?"
Nas súas notas -en francés- sobre Servando, eloxia o talento de narradores das persoas que el entrevista, reflexiona sobre a pouca importancia que se lle dá á narración oral en determinados estamentos do poder cultural e di: "Este talento de narradores que teñen (...) cando falan a súa lingua. A súa lingua é a súa cultura."
Bernard tamén posuía este talento. E quero rematar coa súa palabra, cunhas frases extraídas da mensaxe xa citada que me enviou hai case vinte anos, en setembro de 2008, e que conservei porque me emocionou moito, porque fala de vós, porque fala de nós, e porque di moito del. Era a resposta a un envío meu: "Te doy no sé cuantos millones de gracias por el articulo que me mandaste (...), donde encontré proyecciones históricas de destinos humanos como el de Servando. (...) Decirte que mi convivencia con él es una forma de estar en Galicia, con Galicia, con sus vivencias, sus permanencias y sus renuncias o abandonos." Grazas a este libro cúmprese de xeito público este sentimento íntimo de Bernard Le Gonidec.