Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Máis do 90% da clientela apreciaría ser atendida en galego, di unha investigación desenvolvida no Cesuga

Da Silva Vasconcellos, Victor Hugo - miércoles, 24 de junio de 2026
O venres 19 de xuño, no Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia (Cesuga), presentáronse os resultados da investigación titulada "Estudo da situación sociolingüística do galego nas pemes urbanas de Galicia". A investigación foi coordinada polo profesor do grao en Publicidade e Relacións Públicas do Cesuga Héctor Acebo e é froito dunha colaboración entre a entidade académica e a Asociación Pro-Fundación Manuel Vello.

O equipo do Cesuga contou con profesorado e alumnado de áreas complementarias: Alejandro Boga, Alejandro García, Alice Clementi, Arancha Gonzáles, Carlos Sánchez, Carlota Otero, Claudia Iglesias, Cristina López, Eloi Zabala, Gustavo Rejano, Inés Pose, Lídia Montero, Lucía Diz, Luis Molina, Mariana Ceballos, Miguel Alonso, Olaya Martínez, Rocío Martín, Roque Cancelo e Telma Castelo.

A investigación partiu dunha mostra de 250 enquisas realizadas a pequenas e medianas empresas das cidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo (as cinco cidades con maior poboación da Galiza). O cuestionario foi deseñado pola Asociación Pro-Fundación Manuel Vello coa finalidade de afondar nos motivos da escasa atención en galego no ámbito comercial. Os resultados ofrecen datos moi interesantes.
Na presentación do día 19 de xuño deuse a coñecer que o uso habitual do galego no comercio presenta taxas do 35,3% en Lugo, do 30% en Ourense, do 26% en Santiago de Compostela, do 18% en Vigo e do 14% na Coruña. Estes datos amosan unha carencia de estratexias lingüísticas no ámbito comercial, mesmo á hora de contratar persoal con competencia en lingua galega.

A diglosia prodúcese nunha rexión ou nun país no que conviven dúas ou máis linguas. Nestes casos, a lingua de maior prestixio social ou con máis ámbitos de uso tende a ocupar unha posición predominante, desprazando as demais. O castelán convértese nesa lingua de referencia por diversas razóns, entre elas as políticas lingüísticas do Estado español, a chegada de poboación inmigrante que non coñece nin aprende galego e a escasa esixencia no uso da lingua propia de Galiza nos ámbitos laboral e educativo.

Unha das principais conclusións do relatorio é que o desuso do galego no comercio non responde a un rexeitamento explícito por parte da clientela, senón a prexuízos sociolingüísticos interiorizados. Neste sentido, revela que o 96,3% da clientela dos comercios da Galiza urbana aceptaría ser atendida en galego, porcentaxe que acada o 100% en Ourense.

Este prexuízo, interiorizado tras séculos de subordinación do galego, atopa respaldo na literatura especializada. Tomando como referencia os estudos de Michel Pêcheux sobre as formacións imaxinarias, pódese observar como o comercio interioriza determinados prexuízos contra o galego e os proxecta sobre a súa clientela. Deste xeito, o castelán acaba por ocupar a posición de lingua habitual de traballo e de atención ao público.
Máis do 90% da clientela apreciaría ser atendida en galego, di unha investigación desenvolvida no Cesuga
Presentación do estudo de Cesuga (Foto: Juan Pedro Granados)

Cómpre citar tamén neste breve artigo un traballo elaborado pola graduada en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo Anabel Antela Castro e publicado en 2020 pola Mesa pola Normalización Lingüística baixo o título "A lingua galega no sector téxtil. Visión, opinión e posición da xeración millennial galega". O estudo revelou que o 95% da mocidade considera necesario o uso do galego neste sector e que o 60,3% das persoas enquisadas afirmaron que o feito de que un produto fose publicitado en galego constituiría un factor positivo á hora de inducir a compra.
Outro proxecto relevante no panorama galego é "Aquí tamén se fala". A iniciativa foi creada orixinalmente por alumnado e profesorado do IES Rafael Dieste, na Coruña. Xurdiu co obxectivo de combater os prexuízos contra a lingua galega entre as xeracións máis novas dos ámbitos urbanos. O núcleo da campaña consiste na distribución, por parte do propio alumnado, de carteis e adhesivos coa lema "Aquí tamén se fala galego" en comercios locais, empresas e institucións.

O proxecto xurdiu a finais de 2023 e a primeira publicación na conta de Instagram @aquitamensefala (https://www.instagram.com/aquitamensefala/) data do 1 de decembro dese ano. A iniciativa foi recollida tanto nos medios de comunicación galegos como en diversos estudos sobre a realidade sociolingüística de Galiza. A idea inicial do centro educativo era conseguir a adhesión de 100 comercios locais, mais a cifra medrou ata os 500 establecementos en menos dun mes. O movemento expandiuse a máis de 200 centros educativos de toda Galiza e mesmo á comarca do Bierzo.

Máis de 50.000 carteis e adhesivos foron distribuídos por establecementos comerciais, e arredor de 5.000 estudantes participaron directamente na organización da campaña. Aproximadamente o 70% do alumnado que puxo en marcha o proxecto no IES Rafael Dieste nacera no estranxeiro. A campaña converteu o galego nunha ferramenta de inclusión e integración para a mocidade inmigrante.

O estudo presentado polo Cesuga e a Asociación Pro-Fundación Manuel Vello é unha investigación máis das que procuran coñecer o interese da sociedade galega pola súa lingua propia. O respaldo académico resulta relevante para garantir a fiabilidade dos datos, como acontece cos estudos desenvolvidos na Universidade de Vigo e no Cesuga. Porén, iniciativas como "Aquí tamén se fala" amosan de maneira práctica o desexo de moitas persoas de que o galego recupere espazos de uso e volva converterse na lingua maioritaria do país.

Os vindeiros pasos deberían orientarse cara á integración destes datos con medidas concretas que favorezan o uso do galego como primeira lingua de atención nos establecementos comerciais. É habitual que o castelán sexa ensinado en ONG e en entidades de apoio a persoas inmigrantes e desempregadas; pola contra, a oferta de formación en galego continúa a ser moi reducida nestes ámbitos..

Non abonda con existir vontade de empregar o galego no comercio: é necesario dar o paso e utilizalo de maneira habitual. O feito de que máis do 90% da clientela manifeste o seu interese por ser atendida en galego pode constituír un punto de partida para que os comercios avancen cara a unha maior presenza da lingua galega na súa actividade diaria.

Victor Hugo da Silva Vasconcellos é doutor en Letras pola Universidade Presbiteriana Mackenzie (Brasil). Desenvolve investigación no ámbito da análise do discurso de orientación materialista e exerce como profesor particular de lingua portuguesa e de lingüística.
Da Silva Vasconcellos, Victor Hugo
Da Silva Vasconcellos, Victor Hugo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES