Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Billón. Arredor de Elon

Gregorio Montes, Antonio - miércoles, 24 de junio de 2026
Billón. Hai non tanto tempo era unha palabra que non se usaba, descoñecida na práctica. Hoxe é coñecida, pero confusa. Polo seu significado, polo a que se aplica, e pola carencia de imaxinación para ter unha imaxe na nosa cabeza.
Primeiro, o significado. Por estas terras, 'de sempre', un billón foi igual a un millón de millóns, e segue a selo. Pero, por tradución dalgún lugar e lingua no que é interpretado como un milleiro de millóns, atópome cando digo 'billón' coa necesidade de especificar a que billón me estou a referir. Que por certo, sempre é ó 'noso', ó que se chama 'escala longa'. A 'escala curta' sería na que 1 billón = mil millóns, e na que 1 trillón = un millón de millóns; a 'nosa', a 'escala longa, iguala 1 billón a 1 millón de millóns, e 1 trillón a un millón de millóns de millóns. E que conste, parece que a nivel mundial, pouco a pouco o significado que se vai adoptado de xeito maioritario vai variando ó 'outro', 'o que non é noso'...
O segundo, polas cousas ás que se aplica. A súa aplicación, dado que é difícil atopar cantidades tan grandes para contar, comezou na ciencia, lonxe das preocupacións e contabilidades máis comúns. Aínda que hai xa tempo que comezou a aplicarse na economía da man dos estadounidenses e os seus billóns que son unha milésima parte dos nosos billóns, e polo tanto, algo máis doados de acadar en cantidade de dólares ou euros.
O terceiro. Alguén se pode imaxinar un billón de pedras ou de grans de area, por poñer un par de exemplos? Postas nunha pila, como sería de grande? E se a cantidade a poñemos en moedas de un euro? Caberían na túa casa? Pódese facer as contas, pero a bote pronto, non creo que ninguén que estea a ler isto se poda facer unha imaxe da pila ou de se caberían as moedas ou non na casa. Por certo, a resposta e non, un capital de un billón (galego) en moedas de euro non cabería na túa casa (e non sei cantos metros cadrados ten!).
A finais do século pasado escribín un artigo titulado 'Bill Gates mercará A Mariña' (republicado en dixital en marzo de 2006). Daquela, o tal Bill era o multimillonario de referencia, igual que agora o é Musk. Daquela, no artigo, negaba que o fora facer, aínda que afirmaba a posibilidade pola cantidade de cartos que tiña. A cuestión era que a porcentaxe do seu capital que tería que inverter era demasiado grande para que o fixera. Hoxe, con Elon Musk e o seu capital -equivalente ó que ten o conxunto dos 4.000.000.000 millóns de persoas máis pobres do planeta-, xa non me atrevería a negar a posibilidade de compra. Aínda que as posibilidades sexan poucas, sinxelamente porque considere que non lle paga a pena: non lle fai falta. E de seguro tampouco lle faría falta mercala para desfrutar dela como amo e señor por riba da lei (parecido ó Gates ó que me refería hai trinta anos, pero con máis contundencia aínda). E é que podería entregar máis de 15 millóns de euros a cada un dos 70 000 mariñáns, da pequena Berta á centenaria Mercedes, e aínda quedar con capital abondo para non ter que traballar o resto da súa vida (no 2006, Bill Gates só podería entregar uns 800 000 euros a cada un). Os tempos cambiaron dende que lle adiquei o artigo ó capital de Gates: o aumento de capital anual dos multimillonarios soe andar por porcentaxes de dúas cifras ben cumpridas, mentres que a xente de a pé dámonos cun canto nos dentes se aumenta algo... Así medran as diferenzas.
Gregorio Montes, Antonio
Gregorio Montes, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES