Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A calor da lareira (11)

Gómez Vilabella, Xosé M. - jueves, 25 de junio de 2026
Vou dicir ao que veño, e despois falamos.

Este era o introito máis habitual das visitas veciñais. Primeiro desembuchar, pedir que non esixir, pois mentres se ignoraba o segredo, a tensión do mesmo impedía as confraternizacións. Cada casa era a casa de socorro das inmediatas, pero nas nosas aldeíñas xa desaparecera o Dou ut des, dos romanos, aquel douche para que me deas, pois para canto fose posible de dar ou de prestar, era grato, de boa veciñanza, aportar, facilitar, con xenerosidade.
A todo iso estoume lembrando dunha parenta de aló de Maceda, que se presentou un día, e non precisamente de visita, para pedirlle a meu pai que lle dese un feixe de repoliños, daqueles que tiñamos para replantar. A meu pai non lle fixo moita graza darllos pois tiñámolos como ouro en pano para ampliar a nosa horta, pero nin se atreveu a cobrarllos pois tan pronto como a parenta subiu aquel feixe á albarda da súa egua, a despedida foi: "Xosé María, nin che pregunto canto che debo pois é ben sabido que nestas axudas entre familia non se repara!". Meu pai tragou a píldora: oíu e calou!
Aproveitados tamén os había nas aldeas, e non só no mundo mercantil, no das cidades. Aquel caso foi así, pero en xeral, despois do favor, pagado ou agradecido, xa se podía falar amigablemente doutras expresións, doutras comunicacións.
-.-

As lareiras estiveron silentes na guerra de España; mentres durou, pero nos anos seguintes, tamén.
¿De que veciños te podías fiar? ¡Pero dos nenos, tampouco! A prudencia daquel loito foi xenérica, xeneralizada. Uns, maliciosamente, para fode-lo veciño sen necesidade de preitear, pero outros facíano por inxenuidade, por non darlle importancia a transcendencia do comunicado. Non se falou diso pero o certo é que houbo dúas guerras simultáneas, a dos tiros, pero tamén a dos chismes.
-.-

O torbón da globalización.
Pasamos da fraternidade lugareña ao botellón cidadán.
Em cada esquina um amigo
Em cada rosto igualdade
Grândola, vila morena
Terra da fraternidade

Rituais protocolarios rurais, hoxe apagados, extinguidos:
-O Nadal, datas familiares por excelencia. Os estudantes volvían ás casas, pero os emigrantes imposible: Era algo así coma a Sagrada Familia buscando un cobizo. Hoxe tamén se volve, pero ao piso da cidade, ao fogar sen lareira..., e os emigrantes adoitan felicitarnos..., por teléfono, ou por correo electrónico, séxase, sen a calor física!
-O ano despedíase durmindo, coa conciencia ben tranquila pois a inmensa maioría comera o pan coa suor da súa fronte; a excepción estaba nos que comían os pasteis coa suor dos de enfronte, vulgo, caciques e/o folgazáns.
-Sabíase que empezara outro ano porque, xa de cedo, chamaban á porta os Manolos (Immanu'el), que non había aldea sen eles: Unha botella de augardente e copas no peto; na outra man, roscas, chocolate, ou unha presada de noces..., para non tomar licor co xaxún.
-¡Viñan os Reis! Os Reis, non, que estaban no exilio, pero os que viñan eran os mozos das outras casas, aqueles que aprenderan a cantar no que ía de ano. Se non lles dabas aguinaldo, ou non o tiñas á man, as visitas cambiaban de ton:
Canteiche o Reis,
Guedellos de cabra;
Canteiche os Reis,
E non me deches nada!

Non había máis remedio que acudir de inmediato á artesa ou á hucha..., para A calor da lareira (11) despedilos con fraternidade!
-Os outros Santos tamén se celebraban, con un protocolo similar.
-Axudas nas tarefas de temporada? As persoais pagábanse, como pouco, cunha cesta de patacas; as outras, tal que a malla, coa correspondente reciprocidade.
-Os enterros? ¡Ao lombo, naturalmente, descansando nos cruceiros, que para iso adoitaban ter un pousadoiro; o crego, co hisopo; e o sancristán, coa bandexa!
-Como a lista destes rituais era interminable, aquí..., neste lugar, descanso!
-.-

Tarefas nocturnas coa luz da leña

Como a luz do sol, e para iso nos días despexados, apenas chegaba para as labores agrícolas, a noite era moi laboriosa. De todo, incluso fiar a lá para as medias...; para as A calor da lareira (11) medias, non, que eran enteiras, ata os xeonllos, homes e mulleres! A roca, o fuso, e as agullas, eran oficios de muller; os homes, mentres, a contar contos!

Sempre había potas ao lume: a do caldo, fundamental; e logo as outras, as da caldeada do gando, cochos e vacas paridas. Pelar as patacas e mailas castañas. Repenicar as zocas; repenicar, na pizarra, os deberes dos nenos; etc., etc. O que se facía de día, pero tamén na cociña, era amasa-lo pan, na artesa; prepara-la fornada; a caldeada con farelo, para a ceba.
Se había que saír, a falta de lanternas eléctricas, as de petróleo; do que non, un fachuzo de pallas.
A nosa xentiña, con tantísimo traballo, de día e de noite, íase para o Ceo, directamente, sen purgatorio, ¡é un supoñer!, que o levaban cumprido desde as súas lareiras; particularmente os avós:
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES