Nunca se iniciou un lugar, maiormente na evacuación dos castros, que non tivese unha fonte xunto, ou cerca, do solar buscado. Os problemas da H2O viñeron cando os herdeiros quixeron edificar cerca da casa matriz, aproveitándose da súa herdanza, e saturados de apego ao berce natal. Coñecín un caso que tivo moito de melodrama: Un retornado da súa emigración quixo construír a súa casiña, o seu lar. Da súa herdanza tiñan un prado, ¡a un quilómetro!, pero que tiña una fonte de regadío. Aquela auga baixaba para un predio inútil, encharcado, e por tanto, silveira, ortigueira...; ¡maleza en definitiva! Os propietarios do recorrido vendéronlle o favor de deixarlle soterrar os tubos da condución, pero..., cando todo estaba funcionando asomou a dona do lameiro das malezas, e cominou ao emigrantiños para

que deixaran estar as augas tal e como estiveran, ¡por séculos!, que primeiro eran as súas silvas cá sede dos retornados. Así que, mellor que un preito, o damnificado buscou uns poceiros aló en Betanzos..., que lle fixeron un pozo fondísimo, así que non morreu de sede! (Nunha ocasión na que lle preguntaron a Unamuno que opinaba de España e dos españois, despois de meditalo un pouco exclamou: "¡Qué pais, qué paisaje, y qué paisanaje!". Bon psicólogo Unamuno, si señor!).
O abandono dos labradíos, agras e montes, para deixalos a prado e/ou a maiceira de semente, quitoulles aos prados de regadío moita daquela avaricia, ¿avaricia ou necesidade?, así que os preitos foron a menos, pero veu Satanás, que sempre foi o demo das envexas, e armou outras pelexas de novo cuño. Por poñer un exemplo, aquel mesmo caso daquel pozo do emigrantiño:
Os veciños, tentados do demo, quixeron que lles fixesen unha nova estrada, camiño máis ben, que fose tan recta e tan cha coma a liña do ecuador terrestre, así que manexaron o Concello para que trazase un novo camiño ¡precisamente por encima do pozo daquel emigrantiño tan nostálxico da súa aldea e da súa veciñanza! Narrar aquelas incidencias daría para un libro desagradable, así que mellor será pasalas por alto.
De carreteras (estradas) absurdas podo citar unhas cantas na miña propia parroquia:
Da Deputación, na de Circulación Comarcal 16-11. Ao construír o tramo de Castroverde foron tan miopes que taponaron unha caverna prehistórica, con estalagmitas e estalactitas, ao rodear a Lomba do Castelo, que se supoñía tamén era do paleolítico superior; ¡para non facer máis curva, recheo da caverna, e safi! Na mesma estrada, entre Castroverde e Pol, había un mazo monumental, pois, evitándose a molestia, ¡o gasto!, dunha ponte elevada, rectilínea, ou case, deixaron a ponte vella cunha curva mortífera, á vez de derruían o mazo. ¡Brillante idea, só que, cavernícola!
Na mesma 16-11, en Sarceda (Montecubeiro), ao chegar coa nova estrada á fonte do río Azúmara, en vez de facer unha ponte ou amplia-la curva, tiveron a brillante idea de botarlle á depresión das fontes tódalas terras que ían retirando a ambos lados, co cal aqueles abundantes mananciais quedaron reducidos a catro gotas, e non desapareceu o río grazas as fontes do seu recorrido. ¡Que enxeñeiros, e que políticos; só saben administrar pro domo súa!

Da Concentración Parcelaria de Montecubeiro. Pecados a compartir coa Comisión Local:
1.- Estaban facendo unha pista exactamente polo medio do Castro da Graña (Granarium) ata que un forasteiro que pasaba polo camiño antigo lles berrou: -"Por aí, non!". ¡Vaia científicos!
2.- Achaiaron os restos da capela do Val de Santo Estevo, taponando, de paso, a fonte do mesmo eremitorio. ¡Igual querían facer desta Galicia dos vales unha Castela plana, aplanada!
3.- Unha fonte de augas mineiro medicinais, que había nas Faladoiras, á que ía xente de toda a bisbarra, por non desviar a nova pista un par de metros, ¡achaiárona, e desapareceu o manancial!
4.- No alto da serra da Ferradura, nas inmediacións do camiño antigo de Caraño, había unha fonte extraordinaria, de moito caudal, de augas mineiro medicinal, famosa nos municipios de Castroverde, Pol e Valeira, ou máis aínda. (Eu tiña pensado, para cando me xubilasen no Banco, facer os análises correspondentes, adquirir os predios lindantes e/ou afectados, e montar alí unha embotelladora daquelas augas, que ían ter unha gran aceptación salutífera. Pois, nada, que viñeron as palas da Concentración e..., tamén taponaron as fontes, con miles de toneladas de escombros; total, para que, para acurtar a pista nova, (que agora é dos eólicos)? Non sigo, pois, ¡auga pasada non move os muíños!
-.-Gómez Vilabella, Xosé M.