Pote do caldo, e mentres coce...
O patrucio fuma un cigarro, que llos mandaron os fillos, de Cuba. A súa dona reza polos fillos ausentes:

"Virxe María, Ti emigraches, con San Xosé, a Exipto, para librar ao Fillo de Deus daquel matón e daquelas pobrezas...; eu tamén debera ir cos meus, que a saber que caldo comen nesa Cuba do tabaco, nin quen llelo fai, que non todo vai ser fumar, pois, para fume, chéganos con este das lareiras...". Mentres, o morgado, sentado na Banca, agarda polo almorzo, que despois quere ir á feira da tarde, á dos mozos, que lle esculcaron unha rapaza, ben guapa e ben rica, de Tras da Serra; nesa espera tamén reza, pero doutro xeito: "... Veña a nós o teu Reino..., e que non tarden as letras, os xiros, de meus irmáns, pois cos mil reas da dote desa rapaza, e os pesos cubanos, vou comprar un prado dos da Casa Grande, agora que se foron para Lugo..., que van poñer unha fonda...".
Aqueles xiros de América moito animaban aos casados no seu procrear, que lles eran o complemento: Ao morgado, para coidalos na vellez; e aos segundos, fosen varóns ou femias, para que, xirando, redimisen os foros, e axudasen a comprar leiras, pois para miserias coa deles, coa dos patrucios, tiñan de sobra.
En canto á dote da nora viña de costume recoñecerlla sobre o prado da porta, que así sentiríase..., ¡máis da casa, máis procreativa!
Os minorazos que xiraran pouco, gardando, atesourando para o seu retorno, ao desembarcar na Coruña, ¡os que volvían!, dereitos ao Banco Pastor..., mentres non os aconsellasen os retornados anteriores. Dese consello, desa emulación, construíronse a maior parte das escolas galegas..., que serviron para que os sobriños estudasen, e saísen avogados, e preiteasen contra seus tíos..., librándose da emigración a seguinte xeración! ¡É ben certo que o diabro sempre anda tras da cruz: uns redimen, e outros fuman habanos!
-.-
O pasmo das chemineas
Esta anécdota débolla a Herr Glatt, profesor de alemán, que me deu clases na Cámara de Comercio de Gijón.

Tiña moito interese en coñecer as particularidades dos lugares de procedencia dos seus alumnos, e así, ¡oh casualidade!, cando lle dixen que era de Montecubeiro (Castroverde), deume unha aperta.
-¿Montecubeiro? ¡Con máis fábricas que Alemaña!
-Herr Glatt, está equivocado.
Pero el explicouse, en castelán, por suposto.
-Allí, en Schwarzwald, mis padres tuvieron un mozo de vacas, con el que hicimos amistad y confianza. Como yo me estaba iniciando en español, mis padres aprovechando unas vacaciones que le daban al mozo, le propusieron que me llevase, consigo, que le pagarían los gastos de la estancia. Llegados a Castroverde, y apeados del bus de Línea, cogimos un taxi, para que nos llevase a su pueblo, Cobula, o Cogula, que allí le dicen de las dos maneras.
Ya en los términos de Montecubeiro:
-Mire, otra Schwarzwald!
Mi asombro fue ver humaredas, muchas, en todo el panorama.
-¿Como es que has emigrado, con tantas fábricas en tu país? -Le pregunté.
-Herr Glatt, son las fábricas del caldo, que estamos en la época de los grelos!
-.-
Non era só o caldo, que tamén había que cocer os preitos...
Maiormente os das augas..., tanto que chove en Galicia, e o veciño abrindo augueiros para os seus predios, que nin que quixese encharcalos!
¡Cantas madrugas me teño dado para anticiparme nos augueiros dos prados onde tiñamos "augas de pilla pillota"!
O miolo da nosa economía rural, ¡témolo ben sabido, pero algo esquecido!, é a vaca, nutrida principalmente de herba, sexa verde ou seca, segundo a estación. ¡Herba, o ouro galego, pois o metálico, como estaba visible e brillaba, levárano os romanos!
Os muíños de herdeiros nuns casos facilitaron os regadíos, pero noutros foron orixe e motivo de moitos preitos pois o muiñeiro necesitaba desvia-las augas, subilas a maior nivel, e iso lográbase tornándoas moi arriba, pois as cataratas, dada a suavidade do noso terreo, aquí non son frecuentes; outra cousa é a saída dos muíños, cando os tiñamos parados, ou se baleiraba o banzado.
-.- Gómez Vilabella, Xosé M.