Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A cova de Marzán, Foz

Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán) - jueves, 16 de julio de 2026
Dende neno eu sempre oín falar dunha cova que ía dende o mar do O Cú do Castro ata o Pico do Castro ¡e mira ti por onde tal cova non era lenda senón que existía na realidade!.

Se nos remitimos ao libro de Álvaro Cunqueiro titulado "Tesouros novos e vellos" observaremos na páxina 60 o seguinte texto: "Un caseiro da familia dos Villamil díxolle a Villamil e Castro -contoumo o Burón, que traballou pra íl-, que en Marzán ó pé do Castro saía un anano facendo sinais e amolaba á xente que pasaba botándolle o sol na cara cunha fonte de ouro".

A cova de Marzán, Foz ¿Fálanos Cunqueiro do Marzán de Foz ou de outro Marzán?, sería moita coincidencia que non fora o Marzán de Foz, pois a familia Burón tamén existe en Foz ¿e fálanos desa cova que da ao Pico do Castro pola parte de atrás do depósito da auga?

Din que en tódalas covas dos mouros existen tesouros marabillosos, pero normalmente gardados e vixiados por cobras ou ananos, mouros ou mouras como no caso que anteriormente cito do texto de Cunqueiro que o anano amolaba á xente botándolles nos ollos o reflexo do sol cunha fonte de ouro a modo se espello.

Par todos os de Foz, a famosa lenda da Cova de Marzán, non deixaba de ser lenda ata que un día, Culís que ía construír un edificio na rúa do Xove, alí nos sorprendeu maxestosa a famosa cova.

Unha vez aparecida a cova, Culís deu parte ao concello e a Patrimonio, e a Foz desprazouse o arqueólogo dos Servicios Técnicos da Delegación Provincial de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Xosé Ignacio Vilaseco Vázquez. O escrito data de 14 de abril de 2005, e vóuvolo a resumir dándovos só os datos a destacar: a cova aparece a 4 m. de profundidade do nivel do chan. Asegura varias veces no escrito o arqueólogo que o túnel é artificial e nas fotos podedes apreciar que é certo porque se notan perfectamente os sucos que fixo a ferramenta que a traballou.

Presenta unha sección ovalada, irregular e unhas dimensións variables, aínda que en xeral bastante uniformes: 180-200 cm. de altura por 80-90 cm. de anchura máxima. A boca do túnel ten un alto de 0,78 cm., a anchura da parte superior é de 0,40 cm. e a anchura na parte baixa é de 0,90 cm. Os 180-200cm. a que se refire o arqueólogo é a medida que tiña a cova no seu día de construción. Explícome: Estas covas cando eran construídas de cada varios metros facíanlles un burato rectangular ata arriba para que servira de entrada do aire. Co paso dos anos, por ese burato foi entrando a auga da choiva e restos de terra que progresivamente ao caer na base ía tupindo a cova, que de 180-200 que tiña no seu día, pasou a 0.78cm. que ten hoxe.

Segundo o arqueólogo Xosé Ignacio, asegura que a 130 m. ó SE. deste túnel, existe outro que podería tratarse dunha galería do túnel aparecido. Mais tamén a 700 m. ao Leste da Avenida de Xove (lugar onde apareceu esta cova) tense constancia da existencia doutro túnel.

Como xa digo nun principio non son tales covas dos mouros como din as voces populares, son entradas de minas de ouro que os romanos intelixentemente explotaron. Nin están gardadas por ananos nin serpes, nin mouros, nin mouras, como din as lendas galegas (aínda que non discuto que podan ter bichos dentro), e eses supostos tesouros, pode que no seu día os tiveran, pero en ouro que naquel tempo se nos foi para Roma.

Para rematar dicirvos, que este túnel (do que apareceu no solar de Culís) podería ser do que falan as voces populares e que ía dar ó Pico do Castro, que tamén se dicía, que dentro do pazo "El Castro", había unha porta no soto que daba a unha cova que chegaba ao mar, pero pode, que o oco que existe por detrás do Pico do Castro fóra algún día a verdadeira saída deste famoso túnel.
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES