Os Talleres Martínez comezan as súas actividades en Foz no ano 1924 baixo a iniciativa de José Martínez López, dedicándose principalmente á reparación de automóbiles e motores mariños, e como naqueles tempos escaseaban os materiais para poder proceder á súa reparación, había que facer a maioría das pezas, tales como fundir pistóns, facer cegoñal, bielas e outras pezas que de improviso non había no mercado e non quedaba máis remedio que facelas artesanalmente.

Segue así a súa actividade ata que no ano 1953, decídese a construción de motores mariños diésel, saíndo o primeiro ao mercado, nese mesmo ano, dito motor de 8 H. P. instalouse na embarcación CLUB DEL MAR de FOZ, ano precisamente que faleceu José Martínez.
A partir desa data, os seus fillos, seguiron a súa fabricación, construíndo motores de 8, 16, e 24 H.P., sendo vendidos principalmente por tódolos portos do norte de España sobre todo en Galicia, Asturias, e Santander. Tamén se fixeron motores de 6 H.P. e un de 60 H.P. que se instalou en Foz.
Séguese a actividade da construción de motores e a reparación doutros de todo tipo, así como a sección de reparación de automóbiles e maquinaria industrial.

Do ano 1960 en diante, dedican as súas actividades á montaxe de barcos pesqueiros, tanto de baixura como de arrastre que ían dotados de motores principais e auxiliares, depósitos para combustible, tanques de auga, tanques para o cebo vivo para a pesca do bonito, equipos de camarotes para a tripulación, pontes de mando dotados de todos os aparatos máis modernos, como temóns hidráulicos, radares, tanto de fondo coma de superficie, maquiniña de arrastre, bombas de todo tipo, tanto centrifugas, como para encher e baleirar os tanques de cebo vivo, etc...
Outra sección importante era a mecanización de todo tipo de pezas, e a fabricación e montaxe de temóns con piloto automático que eran exportados para Asturias e Santander principalmente.
Continúase con estas actividades, ata principios dos anos 90 do século XX. Pechándose definitivamente por xubilación dos propietarios.
Texto de Francisco Martínez García (Pancho)