Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Memorias dun neno labrego no Museo do Pobo Galego (V)

Sampedro, Pilar - jueves, 25 de junio de 2026
Remata o percorrido das Memorias dun neno labrego polo Museo do Pobo Galego subindo á segunda planta, á zona do ascensor.

Alí atópase o final da intervención que conmemora o recoñecemento de Díaz Pardo polo Día das Artes Galegas do 2025. Unha pequena exposición que o seu fillo Xosé definiu como humilde como era el. Leva o título de Espazos contra o baleiro, comisariada pola vicepresidenta do Padroado María Xosé Fernández Cerviño e os padróns Xosé Ramón Fandiño e Pilar Sampedro. O traballo de Díaz Pardo foi ese: Memorias dun neno labrego no Museo do Pobo Galego (V) crear espazos contra o baleiro, encher o silencio da ditadura coa nosa Historia, cos sinais de identidade, coa memoria da república e quen a defendeu (que fixeran desaparecer os fascistas).

A exposición vai percorrendo a volta do ascensor de cada piso: no baixo represéntase unha liña do tempo coa vida de Isaac Díaz Pardo, nun andar a súa relación co Museo do Pobo Galego, noutro o Seminario de Estudos Galegos (unha das ponlas do Laboratorio de Formas) e noutro a recuperación da memoria histórica dende Ediciós do Castro e o resto das industrias. É aquí, xustamente, onde volvemos ao libro de Neira Vilas.

Lembraremos as ilustracións que el realizara para Memorias dun neno labrego, mediante a imaxe máis emblemática, que tamén serviu de cuberta: Balbino levando o carro de vacas. Tamén lembraremos que foi en Ediciós do Castro onde se publicou esta obra por primeira vez en 1968, en Galicia. Antes publicárase en Arxentina, na editora distribuidora de Neira Vilas e Anisia Miranda que levaba o nome de Follas Novas. No Castro tivo múltiples edicións, ata o punto de que cada dez se lle pedía un prólogo distinto a Alonso Montero. Foron cambiando as ilustracións xogando coas de Díaz Pardo, Seoane e Xosé Díaz e tamén as cubertas que por veces variaban unicamente a cor para poder recoñecelas.

A amizade entre Isaac e Neira Vilas foi longa e profunda. Dende a convivencia en viaxes ata a residencia no IGI nun tempo longo mentres se preparaba a casa da Fundación. Neira foi quen despediu a Isaac en Boisaca. Era o seu amigo e o seu editor. Cando Díaz Pardo se viu separado das súas industrias culturais e expulsado das empresas, algunhas caeron coma castelos de naipes. A editorial foi unha delas. Daquela as obras de Neira Vilas foron asumidas por Galaxia que creou para el a colección Biblioteca Neira Vilas igual que tiña feito cos clásicos. Desta maneira demostrou que o consideraba un clásico en vida.

Aí, entre os libros de recuperación da Memoria Histórica, á beira da fotografía do monumento aos fusilados no Campo da Rata, colócase a cuberta do libro de Memorias dun neno labrego coa cuberta de Isaac onde un neno Balbino coa roupa chea de remendos, cos ollos moi abertos mirando a vida e preguntándolle, leva o carro de vacas da man.

As imaxes de Seoane son distintas, máis estilizadas ou tendentes á abstracción, pero esta de Isaac é a que máis nos emociona, porque ese rapaz míranos e interróganos, ponnos fronte a unha realidade que non quixeramos crer. Unha realidade cruel na que os nenos traballaban, non eran tidos en conta e ían á escola cando quedaba tempo. Unha realidade que nos fala do pobres que eramos pero sobre todo das inxustizas sociais, porque nalgún momento el fala de que igual prefería ser pobre de pedir e non estar baixo a bota do amo. Fálanos dun rapaz que rumia ideas, que cavila e repensa. Un rapaz que escribe e entrega as súas memorias. Unha historia triste que nos fai chorar aínda hoxe cando a lemos e, aínda, cando asistimos á súa representación teatral.

Unha historia de rebeldía na que a pedra, que lanza Balbino polo aire, lle cambia a vida. Porque non te podes arrepoñer contra o amo. Só o fas cando xa non podes máis, cando estás extenuado e non as pensas, daquela vai a pedra soa.

A pedra que segue no aire dende David e ata o rapaz de Gaza, se é que queda algún para poder erguela.

Remata o percorrido con ese neno que leva da man as vacas que son a mansedume con cornos. El, que representa a rebeldía contra a inxustiza. El, que é o neno que todos quixeramos salvar, tópese onde se atope. Porque non hai dereito a non ter sorte, a que a caixiña que atopa no rebusque lla leve a riada, a que o amigo que ten se vaia á emigración, a non poder soñar cun futuro de esperanza no que apedrear os Manolitos, os Trumpitos e tantos outros, que pisan coas súas botas de adulto, os pés descalzos dos meniños pobres.

Un título: Memorias dun neno labrego. Un comezo: "Eu son Balbino. Un rapaz da aldeia. Coma quen dis un ninguén. E, ademáis, pobre".
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES