Primeira planta. Sala de Sociedade. Ao lado da escola están os xogos. Na páxina 110, falando da amizade con Lelo, conta:
"Facíamos paxareiras, armabamos sedelas no río, para pillar troitas, e non había tobo de coello que non tivese na porta un lazo de aramio posto por nós. (...)
No tempo da sega adicámonos a xuntar cornello. Andamos o agro todo. Con tal de non tripar o centeo, ós donos non lles importaba que sacásemos po gran de corvo. Despois de mollalo, chegamos ás tres libras. Tamén fixemos angazos de pau, para vendelos no Sanmartiño, e algunhas tarabelas. Lelo gardaba os cartos que iamos gañando, nunha caixiña con pecho.

Non gastabamos nada en chilindradas. O aforro medraba. E máis medrou aínda co choio do raposo que nos vendeu un cazador (...) Encolgámolo nun pau e fomos con el ó lombo de porta en porta, como é uso.
- Ei da casa. Dades algfo para o raposo?
- Onde o apillastes?
- Aí en diante, ó pé do Castro.
A xente dubidaba, pero como sabían que andabamos entre lazadas e garmelos, á fin dábannos ovos e diñeiro."
Non sei se consideralos xogos realmente, esta rapazada era moi pobre e non tiña tempo de xogar, íaselle entre os traballo e a escola. O que xogaba era o fillo do amo... Manolito.
Cando se falou de Eladia e do desamor que sufriu Balbino, comentamos como se puxera enfermo e como se falaba de se había que ir buscar ao médico. A continuación da enfermidade teriamos que tratar a morte. O libro relata dúas, a do seu tío debaixo do carro e a do seu avó, o padriño.
"-Ai, neno, que desgraza! Morreu teu padriño!
Eu non souben que dicirlle. Sentino moito porque o padriño queríame. E queríalle eu. Dábame consellos, contábame historias e nunca foi quen de zoscarme (...)
A porta da casa estaba aberta: a cociña chea de xente. Todos dispoñían algo. Quen avisanba o médico e os nosos parentes, quen ía co parte ó xuzgado. Un levara o gando a pacer, outro foi tocar as campás. E así todo, Segundo chegaban poñían a man no ombreiro de calquera de nós mentres dicían, con moita aquela, que tamén lles doía a morte do padriño.
Xa tocaran as carreiras. (...)
Que rebumbio! Dá gusto ver como todos os veciños axudan. A morte é coma un vencello cordial. Diante dela sentímonos irmáns. E os que non se falaban, fálanse e axudan cando hai defunto. Pero eu non me afago, Todo o dispoñen os de fóra, sen preguntar sequera a meu pai. Entran, saen, cociñan, acomodan o gando. De camiño remexen, saben o que temos e o que non temos, e despois laretan pola aldea adiante.
No cuarto de embaixo velaban o padriño. Metérano nun ataúde escuro, forrado por dentro con tea branca. Vestírono co traxe de garda e cruzáronlle as mans derriba do peito. Nin que estiveses durmindo. Non lle tiven chisco de medo. Por que llo ía ter? O que si me dou arrepío foi notar que non folguexaba. Para min era o único sinal de morte. Sentadas en cadanseu tallo, miña nai e máis a madriña choraban. Eu sentín moita pena, máis por elas ca polo padriño, que á fin xa se fora."
A respecto da morte, debemos lemnbrar a conversa de Balbino co enterrador. Este cava unha tumba e atopa uns osos que recoñece, di de quen son e afirma que ese home seguirá presente mentres continúa a dar auga a fonte que el fixo e á que vai a veciñanza. O rapaz ponse a pensar que é necesario facer algo de proveito para que quede cando morras, seguramente o memso quem pensaba o autor.
En canto ao loito, recollemos un fragmento da páxina 50, a respecto do que pasou despois da morte do tío, que fora de desgraza.
"Pero eu non tiven culpa de que dese a volta o carro. Encambáronme o loito hai tres anos e con el sigo, sen poder ir ás foliadas, nin vestirme de vello no Entroido. Nunca quixen arrepoñerme por non ver chorar a madriña. Ela pensa que os botóns negros da miña camisa fan máis levadeiro o purgatorio que seguramente atura o tío Braulio.
Na coresma sentinme máis ledo ca antes. Ó revés de todos Din algúns que a coresma é tempo de poñerse tristes porque nos fai lembrar a morte. A nosa e a do Noso Señor. (...) Cando morreu Pepiño de Candau, metérono nunha caixa branca, porque era un "anxo"; así mo contou a madriña."
Todo o alegre lle está prohibido, non pode ir de festa nin de entroido, mentres os demais troulean, el atura o encerro, veo todo de lonxe.
Atrás, cun feixe de repolos, quedou a feira, na páxina 81:
"Un día fun á feira coa tía Carme. Sempre me gustou ir á feira, anque tivese que levar un quino pola trenla ou apandar coa cesta dos pexegos que me poñían derriba. Polo noite chagaba canso pero ledo, porque xantabamos con polbo, e no remate mercabamos algunha chilindrada. Esa vez miña tía levoume para que cargase á volta."
As conmemoracións cíclicas do ano, a súa repetición ao longo do tempo pode aparecer na páxina 51, na que el cavila acerca de como cambia a xente, segundo a época.
"Non sei por que hai xente que ten un tempo para cada cousa. Tempo de tolerar no Entroido e logo facer de choróns na coresma."
Estas reflexións de Balbino son unha parte fundamental do seu sentir, algo que a el lle semella imprescindible e por iso comenta na páxina110
"Afixen a Lelo a cavilar. En pouco tempo semellaba outro. Os que non pensan non merecen ser persoas, digo eu. Falabamos de cousas moi serias. Cousas de xente grande. Estivemos de acordo en que no mundo hai pobres e ricos e non debería ser así."
Porque Balbino observa, reflexiona e escribe. A escritura obriga a pensar e esas memorias foron o camiño para repensar a realidade e a vida. Esa vida que el conta situándoa na contorna coñecida como o demostra o feito de que todos os topónimos sexan reais. Esa vida que pousa sobre a filosofía cando a compara co río que sempre é rçio pero as sáus augas son sempre diferentes, como o seu pensamento de que hai que deixar algo de valemento para que a morte non sexa esquecmento.