Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Facerlle a pelota a Trump

Ríos, Xulio - viernes, 19 de junio de 2026
Como o Nobel da Paz segue resistíndose, sempre aparece alguén disposto a cubrir o baleiro. Desta vez tocoulle á FIFA. O seu presidente, Gianni Infantino, decidiu distinguir a Donald Trump cun premio da paz, demostrando unha vez máis que, en determinados despachos, o servilismo institucional segue gozando de excelente saúde.

A escena ten algo de repelente. Ante as dificultades para convencer ao Comité Nobel dos méritos pacificadores do presidente estadounidense, Infantino viu unha oportunidade de ouro: se o recoñecemento non chega desde Oslo, sempre se pode fabricar un a medida desde o universo futbolístico. Ao fin e ao cabo, quen mellor que a FIFA para expedir certificados de virtude internacional?

A FIFA atopou a Trump merecedor do galardón por un "compromiso inquebrantable co avance da paz e a unidade" a pesar dos feitos que o relacionan directamente con ataques mortais a barcos sen identificar no Caribe, ademais do seu apoio a Israel no xenocidio na Franxa de Gaza ou de ter desatado a guerra contra Irán, actuando sempre cun absoluto desprezo ao dereito e á legalidade internacional.

Paradoxalmente, a FIFA non aclarou o método de selección do gañador nin a forma que debe adoptar o premio. Parece ser que non se discutiu no Consello nin cos vicepresidentes, ningún dos cales tivo participación nos criterios de selección, antes da súa creación en outubro de 2025. O proceso detrás do premio non se fixo público e tampouco se anunciaron candidaturas. E a pesar da transparencia cero, non transcenderon especiais críticas das diversas cúpulas institucionais do fútbol mundial, o que dá unha idea da esterqueira en que se converteu ese exquisito magma de mandamases do deporte.

Resulta especialmente chamativo porque falamos dunha organización que leva anos insistindo en que non se debe mesturar o deporte coa política. Os futbolistas non deben facer xestos políticos. Os seareiros deben limitarse a animar. Os estadios deben permanecer á marxe das controversias ideolóxicas. Esa é a teoría. A práctica, porén, semella admitir excepcións cando a política se senta na Casa Branca ou cando os focos internacionais apuntan cara a quen controlan grandes acontecementos deportivos.

A FIFA participa ademais en iniciativas relacionadas con Gaza, como a Xunta de Paz promovida por Trump, e gústalle presentarse como actor global comprometido coas grandes causas da humanidade. Nada malo habería nisto se non fose porque a proclamada neutralidade adóitase aplicar con xeometría variable. A política e o deporte non se deben mesturar, agás cando os que os mesturan son os propios dirixentes deportivos.

Probablemente o premio correrá a mesma sorte que o chamado Premio Confucio da Paz, creado na China despois de que o Nobel fose concedido a Liu Xiaobo. Aquela distinción aspiraba a competir co prestixio de Oslo e terminou converténdose nunha curiosidade histórica. Co aval do Ministerio de Cultura, fixo a primeira entrega en 2010 e en 2011 o mesmo Ministerio disolveu o comité que entregaba a distinción, aínda que algúns dos seus membros se reorganizaron como unha entidade privada para mantelo a flote... Moi poucos lembran quen foron os seus galardoados. A verdade, poucos lembran sequera que existiu.

A diferenza é que o Premio Confucio nacía ao menos dunha reacción política explícita. O de Infantino semella responder a unha lóxica máis sinxela: a procura permanente do favor de quen detentan o poder. Unha especie de diplomacia cortesá adaptada aos tempos do fútbol global.

Por outra banda, Trump dificilmente pasará á historia como un defensor da paz no sentido convencional do termo. A súa doutrina da "paz a través da forza" consistiu precisamente en reivindicar a coerción como instrumento privilexiado da política internacional.

Quizais por iso o premio di menos sobre Trump que sobre quen llo conceden. Mentres o presidente estadounidense continúa desafiando regras, institucións e consensos establecidos, a FIFA semella empeñada en destruír outra fronteira: a que separa a xestión deportiva da adulación política. E nese terreo, hai que recoñecelo, Infantino xoga con notable vantaxe.
Ríos, Xulio
Ríos, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES