Achegas sobre o entroido na Provincia de Lugo (8)
Blanco Prado, José Manuel - martes, 14 de julio de 2026
Xurdimento dun novo entroido
No "Val de Francos" hai tres parroquias: Ansemar, Balmonte e Goberno, que realizan o Entroido conxuntamente dende o ano 1992 no "Campo de Carril" (Ansemar). E esta iniciativa levada a cabo por Xosé Luís García Cupeiro de Goberno; Xoán Carlos Rodríguez Folgueira de Balmonte e Xoán Xosé Pita Iravedra de Ansemar, quedou reflectica na seguinte estrofa: "Xa que tres pobos se uniron,/ con unha grande ilusión,/ nunha tarde de harmonía / fan esta celebración.". E a este grupo uniuse pouco despois o crego Xosé Manuel Carballo Ferreiro, párroco de varias freguesías do concello de Castro de Rei. Este home foi o que realizou todos os textos dos xuizos, que se celebraron dende o comezo desta nova andadura ata o ano 2017, cando finou.
Este novo Entroido distinguíase dun xeito esencial por tres actos, que se celebraban o Martes de Entroido, a saber, "o Sermón do Entroido"; logo, "o Xuizo ao Entroido"; e, finalmente a "queima do Entroido". Hoxe, segue celebrándose "o Sermón do Entroido" e, a continuación a queima do mesmo.. Por outra banda, ao longo da historia deste Entroido cómpre sinalar a unha serie de sermoeiros, que merecen o noso eloxio e recoñecemento polo labor, que realizaron no decurso da súa vida. Estes foron: Laxe de Loentia, Elías de Concha de Ansemar, Salvador de Aguiar de Goberno, Serafín de Tito de Quintela, Eleuto e Hipólito de Ansemar,e finalmente, Edelmiro de Goberno. Este elaborou os quince últimos sermóns ata o ano 2017, no que colleu as rendas o seu fillo José Luis Cupeiro.
O sermón nesta comunidade parroquial -composto por estrofas de catro versos- constituía un importante evento social. Este adoitaba levar unha importante carga de burla, sarcasmo, e crítica sobre unha serie de acontecementos acaecidos durante o ano anterior e o que estaba en curso. No obstante, tamén eran un instrumento moi válido para recoñecer tamén as tarefas positivas levadas a cabo.
Ao remataren o Sermón, levábase a cabo o Xuizo ao Entroido e, logo, a súa queima. Estes actos, que se levaban, no "Val de Francos" con motivo de O Entroido constituían un importante signo de identidade parroquial.
Algunhas estrofas de sermóns no "Val de Francos"
SERMÓN DO 2015. "Temos muitas carreteras / que parecen carrilleiras. / Para poder
andar por elas / hai que tirarse as silveiras."/.
" Pra gobernar en España / todo o mundo e mui listo,/ e despois de colocados, / roubanlle a capa a un obispo."
SERMÓN DO 2017. " Falando da Seguridade Social / a xente andavos doente./ Pides
vez por un infarto, / e dancha pró ano seguinte"/,
SERMÓN DO 2018. " Imos falar dos maderistas / que teñen moito que rascar, / están
desfacendo as pistas,/ non hai por onde pasar"/.
"Vamos falar dos rapaces, / verán se teño razón,/ antes de que
empece a festa,/xa marchan pro botellón./
SERMÓN DO 2019. " E tamén che me contaron / que queren as pistas bachear /
van empeñar ó concello, / para que os vaiamos votar"/
SERMÓN DO 2023. " Prométenche todos moito / Goberno e oposición /
eles o que andan mirando / é de encontrar un bon sillón"/
SERMÓN DO 2026. " As vías da Diputación / tampouco as hai que chufar /
todas cheas de furados / parece que as van plantar"/.

Blanco Prado, José Manuel