Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Achegas sobre o entroido na Provincia de Lugo (7)

Blanco Prado, José Manuel - martes, 07 de julio de 2026
O Entroido de Val de Francos (Castro de Rei)

Ritual ancestral: "A corrida do galo"

Ata comezos do último tercio do século XX, celebrouse este ritual cruento, que está documentado dende finais do medievo en varios países europeos, como Francia, P. Baixos, Alemaña, e Inglaterra. Tamén, se ten constancia de "corridas de galos" en moitos lugares da península mais dun xeito particular na metade norte. Así, Caro Baroja, fixo alusión á celebración deste ritual en diversas provincias españolas como Illescas (Toledo); Madrid; Vilalba da Lampreana (Zamora); Calatañazor, A Figueira e Casarejos (Soria); Alhóndiga (Guadalajra); Allande (Asturias); Nalda e Santurdejo (La Rioja); Gordejuela (Vizcaya). Ademaís, se celebraba en numerosas comunidades da provincia de Burgos: Poza de la Sal; El Almiñe; Sotocueva; Castrojeriz; Prádanos de Bureba; Gamonal; Atapuerca; Palazuelos de la Sierra, Santo Domingo de Silos…
Con respecto a Galicia, esta práctica levouse a cabo ata o último tercio do século pasado nas parroquias pontevedresas de Cotobade; O Rosal; Santa Cristina de Cobres e San Adrián de Cobres; nas coruñesas de Sobrado dos Monxes; Trazo; e Zás; nas ourensáns de Viana do Bolo; e a Mezquita; e nas lucenses de Vega de Logares ( A Fonsagrada); algunhas parroquias de Ribeiras de Pequín, e diferentes parroquias da Terra Chá. Na provincia de Lugo, esta práctica ritual adoitaba celebrarse con certa suntuosidade. Na parroquia de Veiga de Logares, pertencente ao concello de A Fonsagrada, tiñan por costume enterrar ao galo ata a cabeza. A continuación, aos concursantes tapábanselles os ollos e deste xeito tiñan que procurar cortarlle a cabeza ao galo cunha fouce ou matalo cun pao .Tamén, nalgunhas parroquias de o concello de A Pastoriza levouse a cabo este ritual durante moitos anos. Na parroquia vilalbesa de San Salvador de Lanzós celebrábase "a corrida do galo" nun antiguo monte veciñal, chamado "Monte da Pequena", actual lugar de Brañón. Este ritual consistía no seguinte: "Collíase un galo vivo e enterrábase ata o pescozo. De seguido, tapábanselle os ollos cun pano a un dos participantes, e dábanselle unhas voltas para despistalo; a continuación, o concursante tentaba cortarlle a cabeza ao galo cun fouciño. O resto dos participantes animábano, ríanse del, ou memo indicábanlle unha dirección equivocada paera que non dese co galo. Eran poucos os que conseguían atopar o pescozo do galo. O que o lograba levaba como premio o galo. E se non, o galo comíase igual entre todos os concursantes". Este ritual realizábase da mesma maneira na parroquia vilalbesa de San Martiño de Lanzós .
No concello de Castro de Rei, levouse a cabo este ritual nunha serie de parroquias, que tiñan como denominador común a presencia de bastante público e, tamén, algunhas similitudes con respecto ao acto. Así, na parroquia de Ansemar ataban unha corda entre dúas árbores e, logo penduraban da mesma a varios galos polas patas. A continuación, os concursantes montados en cabalos, moi ben ornamentados para a ocasión, pasaban a galope por baixo deles e tentaban arrincarlles a cabeza. A corrida do galo nesta parroquia foi descrita por Edelmiro Garcia da seguinte maneira: " Antes tiraban tamén, arrancábaselle a cabeza ao galo vivo. Iban en bestas e arrancábanlle a cabeza ao galo, colgado dunha pata nunha corda e os corredores iban e arrancábanlle a cabeza, Eso despois prohibirono, ahora xa non hai iso" Con motivo da "corrida do galo" entraban en acción "os fareleiros". Tratábase dunha máscara, que aínda está operativa na actualidade. Inicialmente, tiña como finalidade protexer ás personas, que acudían a ver "a corrida do galo", dos xinetes que participaban na mesma. Levaban unha vestimenta de cor branxo e unha caraúta de trazos sinistros. Nas súas mans portaban un bastón do que penduraba un saco de fariña na súa parte inferior. Na parroquia de Loentia, colgaban os galos nunha corda dun lado da pista ata o outro; a continuación, pasaban os cabalos cos seus elegantes cabaleiros tirando polas cabezas dos galos, a ver cal arrincaba máis. Os cabalos eran prestados, pero ían enrestrados e moi preparados, con rosas de papel. Ó final ían unha carreira a ver cal gañaba. Na parroquia de Castro Ribeiras de Lea, a corrida do galo consistía en colgalos vivos dunha corda. Logo, os cabaleiros a galope, montados nos seus cabalos, pasaban por baixo tentando arrincarlle a cabeza. Ó que o conseguía dábanlle o galo de regalo. Normalmente, ó día seguinte, facían todos xuntos unha comida cos galos acompañada de chourizos, orellas, filloas… Na parroquia de Bazar, realizábase "o ritual do galo", no Campo de Carravilar, usando a mesma disposición que nas demais parroquias: xinetes en cabalos moi enfeitados; galos vivos pendurados dunha corda; degolamento dos galos e, como remate, xantar dos galos por parte dos concursantes no ritual.
En varias parroquias do concello de Cospeito, como Bestar, en vez da "corrida do galo", levábase a cabo a "corrida do pato". Este ritual baseábase no seguinte: " Os mozos de cada parroquia traían polo Entroido patos dunha lagoa próxima e poñíanos boca abaixo, amarrados polos pés dunha corda, atada entre dúas árboles. Logo, pasaban a cabalo por debaixo para arrincarlles o pescozo. Este costume perdurou ata comezos dos setenta. A partir desta data os patos foron susbtituídos durante uns anos por galos mortos". Tamén, se realizaba noutras parroquias próximas como Sisoi, Xermar, Arcillá... Nalgunhas entidades de poboación pertencentes a Francia, Alemaña, Inglaterra, e P. Baixos sacrificábanse gansos en vez de galos; outro tanto, sucedía nalgunhas localidades navarras como Azcárate, Lecumberri, Ciga...
A partir de comezos do último tercio do século XX, esta práctica ritual de carácter cruento foi paseniño sustituída por outra incruenta. As razóns ou motivos, que posibilitaron o cambio do ritual están relacionadas por unha banda coas prohibicións gubernamentais, que xurdiron nestes intres; tamén, a presión exercida polas asociacións ecoloxistas dende hai anos; e finalmente, ao rexeite do ritual por parte dalgúns membros das diferentes comunidades nas que se realizaba polo seu carácter irracional e violento. Todo isto ía motivar o xurdimento de novas prácticas rituais de índole racional, que tiñan como finalidade a diversión, o humor, mais tamén servir de critica burlesca dos diferentes aconteceres da vida cotiá..
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES