Achegas sobre o entroido na Provincia de Lugo (6)
Blanco Prado, José Manuel - martes, 30 de junio de 2026
Outros colectivos veciñais. Sober.
Outro concello importante polos seus compadres e comadres é Sober, como xa poidemos apreciar por algunhas das súas escenificacións, xa mencionadas. De tódolos xeitos, a nivel de labores e oficios, cómpre distinguir varias. Así en Anllo, no ano 2010, escenificáronse varias escenas rurais ligadas ao traballo do campo e ao tempo de lecer, como eran os diferentes momentos do traballo nos muíños, onde intervía un grupo de compadres e varias caricaturas de burros, que levaban o trigo a moer. O momento de lecer estaba reflectido por un compadre pescando e outros xogando ás cartas.
As escenas características da vida rural tamén foron representadas na aldea soberina de Matamá, con vintecinco compadres dedicados a carretar uvas, sacar viño dunha cuba, destilar augardente, e xogar ás cartas.
Por outra banda o humor, a ironía, o sarcasmo e a louvanza son trazos que todos os anos podemos percibir nas coplas de compadres e comadres da capital municipal de Sober referidas aos veciños e veciñas da localidade.
* " Moitos anos concellal / e solo catro de alcalde /saiunos a bon precio/
casi saiu de balde/."
* " Gástase moito gasoil / seica hai que aforrar / traede as mantas da casa /
se vos queredes quentar/."
* "Temos novos concelleiros / hai que poñelos a andar¡/ seica traen pilas novas/
pronto as van a gastar/." .
* " No concello de Sober, / contratan moitas mulleres./ Están pa tomar café,/
e pa falar coas paredes /."
* "Nesta vila de Sober / hai viudas a montós;/ din que envenenan aos homes /
para cobrar as pensiós /."
* " Non se fan con mala fe / as coplas do carnaval. /Fanse para divertirse, /
que a ninguén lle senten mal /."
Polo que respecta aos concellos de Ferreira de Pantón e a Pobra de Brollón a dinámica festiva dámbolos dous xoves é escasa. Unicamente as dúas capitais municipais e a localidade de Salcedo, pertencente a Pobra, seguen realizando algúns compadres e comadres, que escenifican diferentes eventos sociais, así como diferentes situacións cotiás. En Bóveda e no Saviñao segue habendo algúns talleres de carnaval dirixidos aos máis pequenos.
* CONCLUSIÓNS.
Noutrora a festividade do Entroido constituía un tempo de lecer, que era aproveitado por todos os integrantes dunha comunidade. Nos concellos das Terras de Lemos o máximo nivel de participación tiña lugar nos Xoves de Compadres e de Comadres, tempo no que se permitía unha inversión da normalidade da vida cotiá, reflectida nunha confrontación amistosa mais tamén real entre homes e mulleres con motivo da queima ou non dos diferentes bonecos realizados por algún dos colectivos. Esta loita simbólica entre ambos os dous sexos propiciaba unha relaxación e un desafogo psicológico.
No intre actual unha serie de factores como a emigración, o envellecemento da poboación rural, os cambios de mentalidade da nosa sociedade, propiciados polos efectos da globalización e por unha maior mercantilización así como polos novos xeitos de lecer debido á televisión, Internet, discotecas etc., motivaron o declive de moitos rituais non só do Entroido senón tamén doutras festividades.
Neste val gracias ao traballo desinteresado de moitas persoas e aos apoios institucionais séguense celebrando ámbos os dous xoves mais xa con cambios importantes: Perdeuse a confrontación directa entre ambos os sexos. Prodúcese unha oficialización do Entroido en xeral e dámbolos dous xoves en particular. Así o concello comeza a convocar concursos dirixidos a colexios barrios e diferentes entidades coa finalidade de conceder premios aos que realicen os mellores bonecos de compadres e de comadres. Isto pode dar lugar a certa manipulación e control por parte das institucións e por conseguinte a perda do potencial creador dos que participan na festa en calidade de actores.
Con todo, estes xoves seguen cumprindo no intre actual unha relevante función pedagóxica e didáctica. E isto é debido a que os diferentes grupos de bonecos tanto de compadres como de comadres representan diferentes eventos sociais, moitos obxecto de burla e crítica, algúns de louvanza. Ademais nalgunhas comunidades rurais os bonecos adoitan escenificar vellos oficios e tarefas cotiás. De todos os xeitos, cada vez máis estáse tendendo a intervir no entroido dun xeito indirecto mediante a contemplación, que dunha maneira directa a través da intervención.

Blanco Prado, José Manuel
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora