Achegas sobre o entroido na Provincia de Lugo (5)
Blanco Prado, José Manuel - martes, 23 de junio de 2026
Escenificación dos bonecos
A nivel individual e colectivo os bonecos representan -ás máis das veces- dunha maneira burlesca diferentes eventos sociais de índole local, autonómica e estatal. Tamén adoitan ser un relevante instrumento para coñecer diferentes labores e oficios tradicionais.
Pois ben, algunhas representacións levadas a cabo no presente século están reflectidas do seguinte xeito: Ano 2001. Na praza de Carude e no Malecón hai unha escenificación das "vacas locas". Ano 2004. Neste ano a boda entre o principe D. Felipe e Dª Letizia vaise representar en varias asociacións, barrios e colexios monfortinos da seguinte maneira: No Chao de Fabeiro, hai unha parodia, que leva por título, "A jet-set do Fabeiro vaise de voda real". En Prodeme, o título da representación é "Voda Real". En Carude, " Despedida de solteira de Letizia". No colexio da Gandara, "Unha real noiva". Ano 2005. No barrio da Florida escenifícaronse dous eventos festivos de carácter local: O Xoves de Compadres: "O San Mateo na Florida"; e O Xoves de Comadres: "As roscas do San Brais". Ano 2009. A crise económica impacta de tal xeito no Val de Lemos, que vai ser un acontecemento do que vai haber varias representacións nas vilas de Monforte e Sober coas seguintes denominacións: Panadería Luna: Xoves de Compadres: "Ere que Ere" (Andalucía). Xoves de Comadres: "Pócima Anticrisis". Na rúa de San Pedro, a panadería "la Luna" representou a un grupo de bruxas cociñando unha pócima coa finalidade de conxurar a crise. No bar da Palloza: "Remedios contra a crise". No barrio de Ribasaltas: "A crise das mulleres, cousa de trapos". Barrio de Carude: "Crisis". Colexio Ferroviario: "Paseando a dona crise". Colexio Novo: "Dona crise". Colexio Infanta Elena: "Dona crise".
En Anllo (Sober): "Non sobrevivín a crise". En Matamá (Sober): "A crise fai aproveitalas rebaixas". Ano 2010. As peregrinacións a Santiago de Compostela e a idade de xubilación son dous acontecementos, que aparecen reflectidos nalgunhas escenificacións realizadas no presente ano. Así, na rúa de San Pedro, levouse a cabo unha representación relacionada cunha peregrinación a Santiago. Xa, no ano 2004, no lugar de Vilamelle (Pantón) unha ringleira de monicreques con vieiras e bordóns parodiaba á beira da estrada unha peculiar peregrinación xacobea. Así mesmo, no centro social de Caixa Galicia e na residencia Asimédica realizaronse dúas escenificacións, que aludían ao alongamento da idade de xubilación por parte do goberno central.
** O COLECTIVO VECIÑAL DE "BABELA" (DISTRIZ) (MONFORTE).
Dende hai máis de vinte e cinco anos este grupo de veciños dedícanse a representar tanto o Xoves de Compadres como o de Comadres, un material etnográfico de vital importancia de cara aos novos. Así, este colectivo coordinado por un gran home como é Xusto Prieto Campos está levando a cabo unha tarefa pedagóxica e didáctica, xa que dende finais do século pasado están dando a coñecer como se vivía denantes nunha casa rural do "Val de Lemos". Isto conlevaba proxectar ao exterior unha serie de traballos familiares e colectivos, como eran a malla, a sega da herba, a seitura do trigo, a roza dos toxos, a colleita das patacas, a fornada do pan, a poda das vides, a elaboración de doces, a caza das papuxas . Este grupo ensinaba p.ex. como era o labor de construír as esparrelas de uz, de colocalas entre as silveiras e as zarzas co babullo do fruto, e finalmente a tarefa de preparar as empanadas de papuxas, que tiñan moita sona nas Terras de Lemos, e así facían con outros labores. Tamén amosaban unha serie de oficios necesarios para a súa subsistencia, como eran o dos zoqueiros, o dos ferreiros, o dos carpinteiros, o das leiteiras, o dos cesteiros. Finalmente, tamén mostraban como era o tempo de lecer, reflectido nunha taberna, nunha debulla e esfolla de millo, nun fiandón, nunha seca de castañas, nunha pesca furtiva etc. Na esfolla do millo, daban a coñecer todo o proceso, que ía desde a esfolla, enrastrado, secado e mesmo o uso da palla das mazorcas para encher chergóns, que logo se utilizaban a xeito de colchóns, e así sucesivamente con outros intres de ocio.
Nestes últimos anos, a asociación de veciños a Xuntanza de Santa Mariña (Monforte) tamén se adicou a temas de carácter rural, como os da feira, a matanza do porco, e a elaboración do pan e do viño. A representación da elaboración do pan permitiu a esta asociación obter o premio especial de Etnografía no concurso do Xoves de Comadres do ano 2012. Ata ese intre este premio sempre foi gañado polo colectivo de veciños de Babela (Distriz).

Blanco Prado, José Manuel